Descubertas en Vigo as primeiras ouriceiras fósiles de Galicia

As marcas, gravadas en granito na praia da Calzoa, eran escavadas polos ourizos de mar para refuxiarse dos temporais e evitar aos depredadores

No concello de Vigo, na praia da Calzoa, foi localizado un achado singular inscrito na pedra: ouriceiras fósiles atribuídas ao ourizo de mar Paracentrolus lividos, pertencentes ao icnoxénero Circolites. Trátase das marcas que deixan estes equinodermos ao escavar coa boca na rocha, co obxectivo de resgardarse dos temporais e protexerse dos depredadores. O descubrimento foi realizado polo xeólogo Óscar Pazos Rodríguez en decembro e constitúe o primeiro achado deste tipo en Galicia gravado en granito na costa atlántica, unha rocha moito máis resistente ca o xisto da zona portuguesa. “Son icnofósiles, non fósiles, porque os ourizos non están aí”, sinala o investigador.

Os icnofósiles, a diferenza dos fósiles convencionais, non poden asociarse a unha especie concreta. Se xa resulta complexo identificar fósiles na maioría dos casos, a identificación de marcas ou pegadas complícase aínda máis. Polo xeral, estes restos clasifícanse en agrupacións xenéricas e funcionais; neste caso concreto, trátase de inscricións circulares na superficie da rocha.

Publicidade

Na praia da Calzoa, as marcas aparecen nun afloramento granítico que no pasado probablemente formaba parte dunha poza. Con todo, o achado é relevante non só por ser o primeiro de Galicia, senón tamén polo seu valor para o patrimonio fósil galego: “Coa costa que temos de praias fósiles, non hai fósiles nin icnofósiles”, sinala Óscar Pazos. Por iso, a aparición destas marcas resulta especialmente inusual na costa galega.

Data: último interglaciar

Os icnofósiles de Paracentrolus lividos sitúanse aproximadamente na marea alta viva e, polo tanto, indican un nivel do mar máis elevado ca o actual. Concretamente, Pazos Rodríguez atribúe estas marcas ao último interglaciar, o Eemiense: “O pequeno resto de praia fósil no cantil corrobora a posición do nivel do mar eemiense nesta altura da costa”, explica o investigador.

Publicidade

Nos restos tamén se pode apreciar a erosión propia do Eemiense na zona situada entre os icnofósiles e a base da praia fósil. Por este motivo, o xeólogo galego non descarta a posible aparición de novas marcas nesta localización ou nas súas proximidades, que poderían atoparse ocultas baixo a area, os solos ou a vexetación.

Ouriceiras veciñas

As de Vigo non son as únicas ouriceiras da costa atlántica. As máis próximas e xeomorfoloxicamente vinculadas están nos Monumentos Naturais Locais das Pedras Ruivase do Acantilado de Montemor, no Xeoparque Litoral de Viana (Portugal).

Así, ademais do valor natural do icnofósil, engádese a denominación das ouriceiras como un “excepcional recurso xeopatirmonial de interese paleontolóxico, paleoambiental e xeomorfolóxico de ámbito local”, conclúe Óscar Pazos.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

2 COMENTÁRIOS

  1. Interesante descuberta. Alomenos en Galicia non confundimos as ouriceiras con coviñas de orixe antrópica, como si ocorre nas illas Canarias, por exemplo. De tódolos xeitos, temos que apelar á interdisciplinariedade para a súa correcta cronoloxía.

  2. Teño visto moitas destas ouriceiras en playas de toda Galicia. Sen ir mais longe na praia de San Francisco en Muros Tamen do outro lado da ría de Vigo en Aldán onde hai moitas delas coa particularidade de que nalguns casos se complementan cos alveolos (honeycomb), dos tafona (cacholas), que se atopan sumerxidos no mar. Tamen teño visto nas Cies moitas delas nas praias. No meu caso as teño visto co ouriço dentro así que si son fósiles como di o xeólogo , volver estar ocupadas no momento actual.Asi que segundo a miña experiencia son actuais e está toda a costa fosilícennos inzada delas. As do Xeoparque de Viana son tamen actuais.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla