No Silúrico, un período de tempo pertencente á era do Paleozoico, apareceron os primeiros peixes cartilaxinosos e os tiburóns espiñentos. As plantas terrestres só se atopaban nas rexións pantanosas, e os mares cálidos cubrían a meirande parte das masas de terra no ecuador do planeta. Coa chegada deste período, hai 443,8 millóns de anos, os glaciares retiráronse cara o Polo Norte, ata case desaparecer. Isto fixo que aumentara o nivel dos océanos, deixando para o futuro unha chea de rexistros de sedimentos mariños agochados nas rochas de todo o mundo. Aínda non existía Europa: a Península Ibérica e Galicia pertencían ao continente de Gondwana.
Na aldea de Ortigoso, na Fonsagrada, aínda permanecen baixo a rocha os tesouros do Silúrico. Se cadra, o máis impresionante é o que vén de ser anunciado polo paleontólogo do CSIC Juan Carlos Gutiérrez-Marco e outros colaboradores da Arxentina e Italia. Os investigadores descubriron recentemente fósiles mariños de escorpións xigantes no municipio lugués: os euriptéridos atopados en Galicia pertencen ao grupo dos maiores artrópodos mariños coñecidos ata o momento. O achado destes fósiles é excepcional: a causa da fraxilidade do seu exoesqueleto, en condicións normais os restos adoitaban desaparecer en días. Segundo Gutiérrez-Marco, os resultados da Fonsagrada revelan que a comunidade, dun xeito contrario ao que se pensaba ata o de agora, podería gardar importantes rexistros do pasado aínda sen explotar. O científico presentará os fósiles este xoves nas Xornadas Españolas de Paleontoloxía que se están a celebrar dende o martes na cidade da Coruña.
Onde todo comeza
No 2014, Gutiérrez-Marco recibiu unha inesperada chamada dun compañeiro profesor de instituto. Nunha pequena aldea da Fonsagrada, o médico, quen tamén era o Alcalde do municipio, atopara fósiles que poderían resultar de interese para a comunidade científica e outros moitos segmentos de rocha que poderían albergar máis restos. Naquel momento, o paleontólogo galego afincado en Madrid traballaba noutro proxecto e non tiña moito tempo para adicarse a un traballo extra. Porén, picoulle a curiosidade, e así comezou a aventura.
Tivo a sorte de contar coa axuda do xeólogo Enrique Bernández, a quen o científico do CSIC define como “un auténtico marine da paleontoloxía”. Nas recorrentes viaxes de Bernández a Asturias, aproveitaban a ocasión para recoller as mostras de interese e así estudar a existencia de posibles fósiles. Segundo conta o galego, o ollo vaise facendo experto a miúdo que gaña experiencia: “Ás veces pénsase que os fósiles están aí, na superficie da rocha, pousando a súa ollada sobre nós, máis é un pouco máis complexo. Trátase de estudar en que rexións é máis probable atopar estes restos e, grazas ao coñecemento e á práctica, vas atopando os lugares onde podería agocharse o tesouro”. Porén, e tal como subliña o galego, atopar esta cantidade de rexistros e afloramentos de interese fósil sería imposible sen a colaboración da xente local, como Ricardo Parada e Tino Álvarez.
Os primeiros euriptéridos do noroeste peninsular
Moitos anos despois, este equipo conformado por Gutiérrez-Marco, Bernández e o paleontólogo italiano Paolo Serventi anuncia un achado sen precedentes para a comunidade científica en Galicia: trátase dos primeiros rexistros fósiles de fragmentos cuticulares de euriptéridos no noroeste peninsular, atopados na aldea de Ortigoso e que contan cunha antigüidade de 434 millóns de anos. Os eruptéridos son coñecidos como escorpións mariños xigantes debido á súa fisionomía semellante. Podían chegar a medir ata tres metros de lonxitude e, malia que se extinguiron a finais do Paleozoico, seguen ostentando o récord de acadar os maiores tamaños entre os artrópodos.
Aínda que os euriptéridos acadaron unha ampla distribución xeográfica no Paleozoico, explica o paleontólogo, atopar rexistros fósiles é bastante excepcional: “O exoesqueleto destes escorpións albergaba unha concentración de carbonato cálcico moi baixa. Isto favorecía que os restos desapareceran nun período de tempo moi curto, normalmente días”.
A isto súmaselle que a rexión de Galicia é moi antiga dende o punto de vista xeolóxico: a meirande parte das rochas pertencen ao Paleozoico. Ao longo da súa historia, o territorio que hoxe conforma a comunidade estivo exposto aos choques entre as placas tectónicas continentais e, debido ás altas presións e ás altas temperaturas, perdéronse moitos rexistros fósiles: “Seguramente en Galicia houbo dinosauros, igual que noutros territorios. Sinxelamente, aquí non se deron as circunstancias para que os fósiles prosperaran co paso do tempo”, reflexiona Gutiérrez-Marco.
Máis dun centenar de fósiles
Ademais dos restos de escorpións mariños xigantes, o equipo identificou máis de cen restos, algúns máis comúns, como os trilobites, e outros moi significativos, como é o caso de dúas posibles novas especies de cefalópodos: unha delas correspóndese co xénero Serpagliocera, e ata o de agora só se describira nunha rexión dos Alpes italianos. A outra, subliña o investigador do CSIC, podería ser o representante máis antigo de Kopaninoceras.
Porén, un dos aspectos máis satisfactorios do traballo feito polo equipo é, segundo o paleontólogo, axudar a derrubar o mito de que Galicia é un territorio sen fósiles de épocas tan antigas: “Queremos aproveitar a ocasión de ter estas xornadas organizadas na Coruña para compartir o achado con todos os paleontólogos e paleontólogas do país e axudar así a que non se herde esta idea errónea”.
As XXXIX Xornadas da Sociedade Española de Paleontoloxía, organizadas pola propia sociedade e pola Universidade da Coruña, contan este ano con ata 200 participantes que compartirán o coñecemento máis pioneiro desta disciplina en distintas exposicións e charlas. Ademais, a cidade da Coruña tamén acollerá estes días a Semana da Paleontoloxía, organizada polo grupo de investigación en Paleoclimatoloxía GRICA, pertencente ao Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da UDC.