Un estudo da USC conclúe que prohibir o tabaco entre os mozos evitaría un millón de mortes

Un escenario no que os nados entre 2006 e 2010 non puidesen fumar previría falecementos por cancro de pulmón en 185 países

A prohibición da venda de produtos de tabaco a persoas nadas a partir dun ano específico co obxectivo de que nunca empecen a consumilo coñécese como “xeración libre de tabaco”. Esta é unha medida que ten sido aplicada ou tomada en consideración en diversos países pero, ata o de agora, nunca se realizara unha estimación global do impacto que pode chegar a ter unha actuación deste tipo en todo o mundo. Un estudo liderado pola Universidade de Santiago (USC) e a Axencia Internacional para a Investigación en Cancro (IARC), entre outros colaboradores, acaba de publicarse na revista Lancet Public Health e estima que unha actuación desta envergadura evitaría 1,2 millóns de mortes por cancro de pulmón no planeta.

A investigación que abarca un total de 185 países baséase nun hipotético escenario no que se lle prohibise consumir tabaco á poboación nacida entre o 1 de xaneiro de 2006 e o 31 de decembro de 2010, asumindo que a acción se aplicase perfectamente. A cifra de vidas que se salvarían supera a barreira do millón, o que supón evitar o 40,2% de todas as mortes por cancro de pulmón, nas persoas nadas nese quinquenio, ata 2095. Evitaríase un maior número de mortes por cancro de pulmón en homes (45,8% do total de mortes) que en mulleres (30,9% do total).

Publicidade

Resultados por rexións

Por rexións, a maior porcentaxe de mortes rexístrase en Europa Occidental (73,6%). En homes, evitaríanse máis pasamentos na rexión de Europa Central e Oriental (74,3%) e, no caso das mulleres, en Europa Occidental (77,7%). “A pesar de que globalmente, a porcentaxe de mortes evitables por cancro de pulmón é maior en homes, nalgunhas rexións de América do Norte, Europa e Australia e Nova Zelandia esta porcentaxe é maior en mulleres”, explican dende o equipo investigador que na USC está integrado por profesorado da Área de Medicina Preventiva e Saúde Pública.

Trátase de Julia Rey Brandariz (primeira autora), Mónica Pérez Ríos e Alberto Ruano Raviña, tamén coordinador de Epidemioloxía do Grupo Español de Cancro de Pulmón. O equipo destaca que, en España, evitaríanse 21.900 mortes, das cales, 11.600 corresponden a homes e 10.300 a mulleres. “Isto suporía evitar o 71,9% e 73,1% das mortes por cancro de pulmón esperadas en homes e mulleres, respectivamente”, explican.

Publicidade

Tobacco endgame

A xeración libre de tabaco é unha medida que forma parte dunha estratexia coñecida como tobacco endgame que busca acabar drasticamente coa epidemia tabáquica. Nova Zelandia foi pioneira en implementar esta medida prohibindo a venda de produtos de tabaco ás persoas nadas a partir do 1 de xaneiro de 2009, pero un cambio de goberno retirou esta medida. En Reino Unido, a prohibición da venda de tabaco a persoas nadas a partir do 1 de xaneiro de 2009 está a ser considerada para a súa implementación en 2027. Medidas similares á xeración libre de tabaco foron aplicadas anteriormente en cidades de Estados Unidos e Filipinas.

Aínda que o estudo é a simulación da aplicación dunha xeración libre de tabaco, este equipo de investigación tamén constatou recentemente, na Revista Española de Cardioloxía, que o consumo de tabaco causa arredor de 54.000 mortes anuais en España e, en Archivos de Bronconeumología, que a exposición ao fume ambiental de tabaco causa 750 mortes anuais. “Estes datos están a alimentar os futuros cambios lexislativos no noso país”, subliñan, xa que o consumo de tabaco é a principal causa de morte evitable en enfermidades crónicas. “É imprescindible seguir reforzando e aplicando medidas de control do tabaquismo que contribúan a diminuír o impacto do consumo de tabaco na mortalidade por cancro de pulmón, así como en máis de 20 enfermidades relacionadas co seu consumo”, conclúen.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego abre a porta a detectar a periodontite mediante unha mostra de saliva e IA

A investigación, liderada pola USC e o IDIS, indica que o mellor modelo do experimento acada unha sensibilidade superior ao 92%

Das visitas a Santiago ás colaboracións científicas: estes son os vínculos do Nobel de Física con Galicia

O galardoado Francis Halzen é o presidente do Comité Asesor do IGFAE e colaborou cos científicos Enrique Zas, Jaime Álvarez ou Ricardo Vázquez

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Un científico do CiQUS obtén unha prestixiosa axuda para impulsar un novo enfoque de deseño molecular

Luis M. Mateo é beneficiario dunha Branco Weiss Fellowship, unha das bolsas con máis recoñecemento internacional destinada a investigadores mozos