Luns 27 Maio 2024

Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Se naciches a partir do 2009 no Reino Unido, nunca poderás mercar tabaco de xeito legal no país. Esta é a medida que o pasado 17 de abril aprobou a Cámara dos Comúns inglesa, que se suma á tomada por outros países, como Nova Zelandia ou a cidade de Brookline en Massachusetts.

Esta estratexia é coñecida como Endgame e busca erradicar de raíz o tabaquismo prohibindo a venda deste produto ás persoas nacidas nunha xeración concreta. Como xa acontecera cando Nova Zelandia anunciara esta medida a finais de 2022, agora o goberno pon sobre a mesa a posibilidade de aprobar en España unha medida similar, pero que opinan os expertos sobre a eficacia de medidas como esta?

Publicidade

“A definición de xeracións libres de tabaco enmárcase dentro da estratexia Endgame e é unha das propostas formuladas dentro dela, comenta Mónica Pérez, profesora titular de Medicina Preventiva e Saúde Pública na Universidade de Santiago de Compostela (USC). “Os países que definiron uns obxectivos de Endgame son Irlanda, Suecia, Nova Zelandia, Reino Unido, Escocia, Australia, Finlandia, EEUU e Canadá. É unha proposta que se apoia en restricións á venda para persoas nacidas a partir de certo ano”, engade.

Na Declaración Endgame de tabaco en España 2030 fálase dos efectos que ten na saúde pública o consumo desta droga legal. Nesta declaración, afirman que o consumo de tabaco e nicotina son a principal causa de morte prematura evitable en España, acabando coa vida de 60.000 persoas ao ano. Con todo, a dúbida agora é entender se unha prohibición xeracional pode axudar a paliar unha pandemia como esta.

Mónica Pérez reflexiona sobre a posibilidade de que unha medida como a Endgame funcione en Galicia e, en xeral, en España. “Ten máis posibilidades de ser implementando en países con baixa prevalencia de consumo de tabaco ou con diminucións moi rápidas desta prevalencia”, comenta a profesora. “Recoméndase estimular o Endgame cando a porcentaxe de fumadores é inferior ao 15%, pero esta non é a realidade do estado español”, sinala.

En España, segundo datos do Ministerio de Sanidade, o 23% da poboación maior de 15 anos consume tabaco diariamente, unha prevalencia que non só se mantén estable desde hai anos, senón que incluso está aumentando en grupos de xente nova. Esta realidade fai que, para expertas como Mónica Pérez, este non sexa de entrada o marco ideal para implantar unha medida como a do Reino Unido e sería importante traballar antes con outras medidas dirixidas a diminuír o consumo de tabaco entre a poboación xeral.

Unha aplicación complicada

“A idea é prohibir o consumo de tabaco dentro dunha xeración. Pero se estamos dentro dunha sociedade onde o nivel de consumo é alto e non se observan descensos acusados, é complicado que saia adiante”, di Pérez. “Se os que son un ano ou dous maiores que os nacidos no 2009 poden seguir comprando e seguen consumindo moito, e non hai un cambio na lexislación, o impacto que esta medida poida ter pode non ser o esperado”, indica.

Por esta razón, e segundo esta experta, para que unha medida como esta funcione, é importante que a poboación entenda moi ben en que consiste esta iniciativa e que vaia acompañada dun forte apoio social. Ademais, de que non se aplique de xeito illado senón que se acompañe dun paquete de medidas lexislativas antitabaquismo: aumento dos impostos ao tabaco, diminución dos puntos de venta, desnormalización do consumo a nivel poboacional, financiamento de tratamentos para deixar de fumar e, sobre todo, prevención primaria.

“Temos que falar, en resumo, de medidas integrais”, reflexiona Pérez. “É dicir, están ben as xeracións sen fume? Están fenomenal. Está ben que suban os impostos? É fantástico. Que se prohiba fumar nas terrazas? Moi ben. Pero nunca como medidas illadas. Teñen que ser medidas que entren dentro dunha abordaxe integral da problemática que ten a epidemia do tabaquismo”, sostén.

Aínda que Nova Zelandia, o primeiro país que aprobou en decembro de 2022 o concepto de “Xeración libre de tabaco” e prohibiu vender tabaco de combustión ás persoas nacidas no 2009, acaba de dar marcha atrás por un cambio de goberno, si que hai zonas do mundo onde esta medida está en activo e parece funcionar. Brookline, en Massachusetts (EE.UU) é a que encabeza agora esta iniciativa, coa prohibición de mercar tabaco e produtos de vapeo ás persoas nacidas no ano 2000.

Para Mónica Pérez, a lexislación sobre o control do tabaquismo ten por obxectivo protexer a saúde da poboación, reducir a carga de mortalidade e dos custos sanitarios asociados, por iso o obxectivo final da medida ten sentido. Con todo, ela insiste na importancia de aplicar primeiro outras políticas de control en España que axuden a diminuír o número de consumidores, como ampliar os espazos libres de fume ou restrinxir os puntos de venda autorizados. “Porque a medida é interesante”, asegura Pérez, “Pero dentro dun paquete de máis medidas que axuden a levala ao cabo”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A iniciativa dun profesor universitario para frear a deterioración ambiental en Galicia

Óscar Briones pon o foco nos concellos e propón blindar o territorio para evitar o impacto negativo en zonas tensionadas como as Rías Baixas

A enerxía eléctrica foi a maior fonte de gases de efecto invernadoiro en Galicia en 2022

A actividade deste sector produciu 2,2 megatoneladas de emisións no territorio galego, cun forte impacto da empresa Repsol

A exposición ao fume ambiental do tabaco causou 280 mortes en Galicia en cinco anos

Unha tese do IDIS cifra os falecementos entre 2016 e 2021 por cancro de pulmón e cardiopatía isquémica asociados ao impacto indirecto do consumo de cigarros

O tempo cambiará de maneira radical en Galicia: volve a chuvia e caen as temperaturas 10 graos

A partir do luns, unha fronte fría asociada a unha borrasca atravesará a comunidade