Galicia notifica 10 mortes ao día por consumo de tabaco

A investigadora da USC Julia Rey constata na súa tese que a comunidade galega é unha das que menos falecementos rexistra por esta substancia

O tabaco mata. Julia Rey Brandariz, investigadora da Universidade de Santiago (USC), ponlle cifras e constata significativas diferenzas territoriais. En Galicia falecen 3.600 persoas por consumo de tabaco; o que se traduce en 10 mortes diarias. Con todo, os datos hai que analizalos en comparación co conxunto do Estado: “Está entre as comunidades autónomas nas que se producen menos mortes por tabaco, situándose no duodécimo posto coa taxa de mortalidade atribuída máis alta”. Estes datos aparecen recollidos na tese doutoral de Rey Brandariz, que acaba de presentarse na Facultade de Medicina de Santiago.

O traballo doutoral deixa en evidencia unha realidade arrepiante: en España houbo 53.825 mortes de persoas maiores de 35 anos atribuídas ao consumo de tabaco no ano 2017, é dicir, 147 falecementos ao día por enfermidades asociadas a esta substancia. Supuxo o 12,9% da mortalidade total do país. A tese céntrase no 2017, ano da última análise de mortalidade atribuída (MA) ao consumo de tabaco existente cando a investigadora iniciou o seu estudo. O primeiro data de 1978.

Publicidade

O consumo de tabaco relaciónase con varios tumores entre os que destaca o cancro de pulmón, enfermidades cardiovasculares como a cardiopatía isquémica e enfermidades respiratorias como a EPOC, enumera a investigadora do departamento de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC, que recibiu o premio á mellor tesina da Sociedade Española de Epidemioloxía en 2021.

A carga de mortalidade atribuída ao tabaco varía dunha comunidade autónoma a outra. Unhas diferenzas que Julia Rey explica “en primeiro lugar, polas prevalencias do consumo que, por exemplo, son máis altas en comunidades como Estremadura ou a Rexión de Murcia”, ambas as dúas nos primeiros postos da listaxe de taxa de mortalidade atribuída máis alta.

Publicidade

Tamén poden influír nesta desigual incidencia territorial, engade a investigadora compostelá, cuestións como “o nivel de estudos ou o nivel socioeconómico, que son dous factores que contribúen ao consumo de tabaco. En comunidades como Madrid ou País Vasco que presentan un PIB máis alto ou nas que hai unha maior porcentaxe de poboación cun nivel de estudos superiores, é onde observamos menos mortalidade actualmente”.

As prevalencias do consumo de tabaco explican tamén a enorme diferenza de mortalidade atribuída a esta substancia entre homes e mulleres e a súa evolución. Así, ao redor de 3.600 falecidos en Galicia no ano 2017, o 86% eran homes, e os maiores de 75 anos foron o grupo de idade máis numeroso. Aínda hoxe en día, na nosa comunidade e en todo o territorio español, oito de cada dez vítimas do tabaco son homes

Homes e mulleres

En España, e Galicia non é unha excepción, os homes empezaron a fumar antes que as mulleres, un hábito case exclusivamente masculino durante décadas, polo que alcanzaron cifras de prevalencia de consumo moi elevadas. Elas comezaron a consumir tabaco a finais dos anos 60 e inicios dos 70 do século XX, case 30 anos despois de que os homes popularizasen o hábito de fumar. Se a iso se une que as consecuencias sobre a saúde desta substancia se manifestan anos despois, temos a explicación da alta mortalidade por tabaco dos varóns. 

Julia Rey xunto ao tribunal e directores de tese.

Con todo, puntualiza Rey Brandariz, “ao comezar os homes a fumar varias décadas antes que as mulleres dá lugar a que a evolución da mortalidade sexa distinta”. Así o estudo doutoral constata que no caso dos homes as mortes atribuídas ao consumo de tabaco están a diminuír desde os anos 90, mentres que entre as mulleres están a aumentar. 

A relación entre prevalencias de consumo e mortalidade augura a continuidade do descenso global no número de falecementos, o que deixará atrás o paradoxo actual respecto das mulleres: “A prevalencia de consumo de tabaco está a diminuír en España desde 2001, pero a mortalidade atribuída ao consumo de tabaco nelas está a aumentar”.

A diferente carga de mortalidade atribuída ao consumo de tabaco por comunidades autónomas e sexo levan a Julia Rey a avogar polo deseño de medidas de control e prevención do tabaquismo axustadas ás características de cada territorio e con perspectiva de xénero.

Por diante queda un logo camiño por percorrer. O tabaco mantense como a segunda substancia psicoaditiva máis consumida en todo o Estado tras o alcol, entre a poboación de 14 a 65 anos, tal como recolle o Informe 2023: Alcol, tabaco e drogas ilegais do Plan Nacional sobre Drogas. En Galicia a idade media de iniciación no consumo de tabaco é de 14 anos e a de adquisición de consumo de tabaco diario aos 14,7, como recolle a enquisa sobre uso de drogas en ensinos secundarios (EDADES).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O xenoma do anisakis permite desenvolver unha nova ferramenta para o control do parasito

Un estudo con participación galega senta as bases para mellorar os programas de vixilancia e contribuír a un consumo de peixe máis seguro

Atopados os restos óseos dun individuo durante a escavación da foxa de Beira, en Carral

Un equipo da USC busca espazos de violencia franquista na parroquia coruñesa, onde foron enterradas entre agosto e setembro de 1936 un mínimo de 18 vítimas na contorna da igrexa

O virus da encefalite transmitida por carrachas chega a Galicia: un estudo detecta anticorpos en animais

Un equipo da USC confirma a circulación do patóxeno, considerado unha ameaza de saúde pública pola gravidade dos síntomas neurolóxicos que pode causar

Un estudo da USC revela que a poboación española avalaría un endurecemento das medidas antitabaco

O artigo sinala que as propostas con menor apoio son a prohibición de fumar en terrazas e o aumento da idade mínima de venda ata os 21 anos