GCiencia lanza a décima edición dos premios Galicia Spin-Off

Os galardóns recoñerán un ano máis a empresas innovadoras xurdidas das universidades e a un grupo de investigación

Os premios GCiencia Galicia Spin-Off fan 10 edicións. Este mes de novembro farase entrega por décima vez duns galardóns de xa longa traxectoria, que o portal da ciencia galega convoca en colaboración coa Secretaría Xeral de Universidades e co apoio de Unirisco e Gadis, co obxectivo de recoñecer as iniciativas máis innovadoras xurdidas no ámbito das tres universidades públicas galegas. Os galardóns convertéronse nunha referencia dentro das iniciativas que premian a innovación empresarial e a investigación en Galicia. 

GCiencia vén de convocar esta semana a nova edición nas súas tres categorías. Na de Selo de Calidade recoñécese á empresa galega que teña consolidado ao longo do tempo una traxectoria empresarial de prestixio. As compañías que irrompesen nos últimos meses no mercado cunha idea ou proxecto de marcado carácter innovador son as galardoadas no apartado Idea Emerxente. Os premios GCiencia Galicia Spin-Off tamén poñen en valor o traballo dos grupos de investigación dependentes dalgunha das tres universidades públicas galegas. Neste apartado, o xurado valorará aspectos como as innovacións obtidas, os proxectos emprendidos, as publicacións realizadas e o grao de colaboración con empresas

Publicidade

Nas anteriores edicións dos premios foron distinguidas no apartado de Selo de Calidade a compañías tan prestixiosas como Galchimia, Innolact, Mestrelab, Hifas da Terra, Alén Space ou AMS-LAB, que foi a gañadora en 2025. No de Selo de Calidade, o ano pasado levouse o premio Ventilatio Lab, spin-off da USC, que tomou o relevo de compañías como Situm, All Genetics, Psico VR, Saega e Indestia. E nos grupos de investigación, as recoñecidas foron VARPA, Laboratorio de Bases de Datos, LIA (2), Biofarma e MetBioCat.

Entre os seus obxectivos dos premios creados por GCiencia en 2015 están os de recoñecer a transferencia de coñecemento entre as universidades pública e as empresas e alentar e premiar o traballo dos grupos de investigación vinculados ás universidades galegas. 

Publicidade

Presentación de candidaturas

As empresas e grupos de investigación interesados en participar nas categorías Idea Emerxente e Grupo de Investigación poderán enviar a súa candidatura á dirección de correo electrónico spinoffgalicia@gmail.com, en tanto que as de Selo de Calidade serán a proposta exclusiva do xurado. O prazo de presentación das candidaturas remata o próximo 31 de xullo.

Entre os factores que se terán en conta para a concesión dos premios a empresas do ámbito universitario atópanse a experiencia de mercado, o vínculo co ámbito universitario, o volume de negocio, a capacidade de internacionalización, a empregabilidade, a relación coa investigación universitaria e as perspectivas de crecemento.  

Xa que os premios teñen como obxectivo o recoñecemento do papel das universidades como motor da investigación no país, o xurado terá en conta na súa valoración cuestións como as patentes rexistradas, os artigos publicados en revistas de prestixio ou a participación en proxectos multidisciplinares de I+D+i. Ademais, salientaranse proxectos liderados por mulleres ou equipos onde a presenza feminina sexa relevante tanto en número coma en xerarquía, así como o uso do galego na comunicación interna e externa do grupo ou da empresa.  

O xurado

O xurado estará integrado por personalidades de recoñecido prestixiov inculadas á investigación e á empresa. Os finalistas e gañadores nas distintas categorías daranse a coñecer antes do 31 de outubro e o acto de entrega de premios celebrarase en novembro en Santiago. Con motivo da décima edición, a entrega coincidirá coa celebración do Foro Impulso Ciencia, organizado por GCiencia co obxectivo de poñer en común as liñas estratéxicas do desenvolvemento da ciencia como motor económico e empresarial. No mesmo abordarase en profundidade ese salto decisivo do laboratorio á industria para consolidar un modelo de economía sostible, emprendedora e aberta ao mundo, afianzando a marca Galicia e demostrando o valor real do ecosistema de I+D+i para o noso futuro. 


Consulta as bases nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

▪️ Galicia rexistrou a primavera máis seca dende 1990

O último informe de Meteogalicia indica que nos meses de marzo, abril e maio houbo un 46% menos de precipitacións do habitual para o período

Cinco motivos polos que a Unesco tumba a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade

Un informe do Icomos sinala deficiencias na representatividade, na metodoloxía, no descenso demográfico e nos efectos das infraestruturas sobre o valor da paisaxe

A riqueza baixo os carballos: un estudo pioneiro con participación da USC revela a súa diversidade fúnxica

A investigación identifica 297 especies asociadas ás raíces destas árbores no norte peninsular e confirma a existencia de extensas redes biolóxicas

Dous bens da Coruña elevan a 91 os elementos galegos incluídos na Lista Vermella do Patrimonio

A antiga igrexa barroca de Vimianzo e a Casa Grande do Ribeiro colocan a Galicia no sexto posto nacional por número de inmobles incluídos