Ventilatio Lab, solucións científicas que veñen polo aire

A spin-off da USC foi a gañadora na categoría Idea Emerxente dos Premios GCiencia Galicia Spin-Off

A empresa Ventilatio Lab, spin-off da Universidade de Santiago (USC), é un bo exemplo de como a investigación e a innovación poden axudar a resolver problemas que afectan a sociedade nun momento concreto. A pandemia da covid e a necesidade de conseguir unha solución para a necesidade de ventilar as aulas do sistema educativo galego foi o punto de partida dunha compañía que, en pouco tempo, está a desenvolver proxectos moi innovadores en campos diversos e xa está pensando na internacionalización. A compañía foi a gañadora na categoría Idea Emerxente dos Premios GCiencia Galicia Spin-Off.

O proxecto iniciouse a partir da demanda da Consellería de Educación da Xunta dalgunha solución para non ter que manter abertas as fiestras durante as clases en pleno inverno. O catedrático de Física aplicada da USC, Jorge Mira, e o catedrático de Física de Partículas da USC, Alberto Pérez Muñuzuri, recolleron o desafío e crearon unha plataforma que proporcionaba unhas pautas para a renovación do aire en cada aula, en función dos parámetros de configuración remitidos polo profesorado. 

Publicidade

Despois desta experiencia, Mira e Muñuzuri contactaron co enxeñeiro de camiños Alberto Otero Cacho, cunha ampla experiencia en dinámica computacional de fluídos, e deron os primeiros pasos para a constitución da empresa, que tiña como obxectivos desenvolver ferramentas para reducir o risco de contaxios por covid e proporcionar solucións para a xestión do aire en situacións de confinamento. 

En pouco tempo foise configurando un equipo de investigadores importante e empezaron a chegar contratos empresariais e institucionais, entre eles o encargo dunha gran cidade española para calcular o fluxo de vento ao longo da estrutura urbana, a efectos de seguridade. 

Publicidade

Segundo explica Sylvana Varela, directora científica de Ventilatio Lab, actualmente a actividade da empresa pivota sobre diversas liñas de investigación. Dende a creación dun xemelgo dixital de túnel de vento, aplicado á planificación urbana e ao sector dos drons, ata o estudo detallado do comportamento aerodinámico de pezas críticas destes vehículos. A empresa tamén se involucra en proxectos de conservación do patrimonio e en análises da calidade do aire en contextos industriais e residenciais. Precisamente, a redución dos niveis de gas radon en espazos pechados é un dos principais focos de traballo da empresa. 

Innovación e investigación

Varela apunta que a investigación e a innovación son elementos “estruturais” dentro da empresa e, de feito, estanse a publicar traballos en revistas científicas de grande impacto internacional. “Cada proxecto supón unha revisión constante do estado da arte e a creación de novas metodoloxías, o que produce un fluxo continuo de coñecemento. Este enfoque científico permítelle a Ventilatio Lab diferenciarse e avanzar nun mercado cada vez máis esixente”, sinala Varela. 

Entre os proxectos que a empresa está a desenvolver actualmente atópase unha plataforma capaz de sinalar puntos negros nas cidades segundo predicións meteorolóxicas e que está pensada para facilitar a toma de decisións en situacións de emerxencia. No plano industrial, Ventilatio Lab traballa na redución da exposición á sílice cristalina, unha das principais causas da silicose. 

“Estamos a facer todo isto cun obxectivo transversal, a internacionalización”, conclúe Varela. A empresa acabará 2025 cunha facturación próxima aos 75.000 euros pero as perspectivas cara ao futuro son optimistas dado o amplo campo de actuación da empresa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo da USC demostra a eficiencia da ventilación forzada fronte ao radon

O gas dunha edificación experimental situada sobre unha antiga mina de uranio logrou baixar máis de 8.000 Bq/m³, en tan só unha hora, tras aplicar configuración mecánica

Por que as tardes comezan a alongarse antes do solsticio de inverno?

A partir do 8 de decembro, a combinación da inclinación do eixo terrestre e da órbita irregular da Terra fai que os días comecen a medrar

MetBioCat, un grupo pioneiro que actúa na fronteira entre a química e a biomedicina

O equipo foi o gañador dos Premios GCiencia Galicia Spin-off na categoría de Grupos de Investigación e está dirixido por José Luis Mascareñas