“Para min o Xardín era o meu sitio favorito da cidade”, di Carmen Cid Manzano, catedrática de Bioloxía e profesora do IES Otero Pedrayo de Ourense durante 30 anos. Ese xardín do que fala é o Xardín Botánico do Posío, situado no centro histórico da capital de provincia, un espazo que permitía escapar por un tempo da cidade. Creado en 1846, actuaba como refuxio climático e fogar de máis de 200 especies distintas de árbores e plantas, e mesmo exemplares de pavos reais. Mais o Concello de Ourense, cun investimento próximo a 3 millóns de euros, está a levar a cabo unhas obras urbanísticas que arrasaron o xardín en menos dun ano.
O desastre vén dado por diferentes accións: a tala de árbores centenarias, a transformación de determinadas partes do xardín nunha explanada con aparcamento e todo afogado polo formigón. “Xa nunca vai ser o mesmo”, comenta Cid Manzano, tamén veciña do Posío, sobre un espazo no que xa non existe o xardín.
Esta reforma, na que non se tiveron en conta nin as condicións ambientais nin a opinión dos veciños, deixaron atrás este parque que funcionaba tamén como lugar de encontro social. Desta forma, artellábase un espazo cheo de biodiversidade e valor botánico en Ourense con moita historia que agora queda reducida ao cemento. “Era o único xardín histórico da cidade e da provincia”, sinala Xosé Santos Otero, traballador forestal e membro do colectivo Amigas das Árbores.
Unha historia que empeza no colexio
Nun primeiro momento, o Posío era un terreo ás portas do casco histórico ourensán. Ao cruzar a rúa, atopábase o Instituto de Segunda Ensinanza, actualemente IES Otero Pedrayo, e daquelas o único instituto público que existía. Así, no ano 1846, os profesores de Ciencias da Natureza do centro decidiron crear un xardín romántico nesta explanada.
“O referente nacional era o Xardín Botánico de Madrid“, explica Santos Otero. Así, este grupo de mestres acudiu á capital nunha dilixencia para poder obter a flora que decoraría esta área fronte ao seu instituto. Volveron con centos de especies distintas e repartíronnas en tres espazos: O Bosque, a parte alta; O Paseo, a parte central, cun patio orientado cara ao Sol; e, finalmente, O Xardín, unha zona con diferentes especies da familia dos cedros e palmeiras, cun paseo especial dedicado a elas.
Con todo, o Xardín tamén foi unha aula aberta. Carmen Cid e as súas compañeiras do Departamento de Bioloxía do Otero Pedrayo continuaron o legado dos profesores que crearon este oasis un século antes. “Levábamos aos nosos alumnos ao xardín para estudar as árbores”, sinala a catedrática. Alí amosaban a súa flora, os liques e os insectos que habitaban; é dicir, todo o ecosistema que formaba o Posío.
Este equipo multidisciplinar de mestras creou mesmo unha unidade didáctica sobre este espazo. Agora, a profesora ourensá atópase cos seus alumnos e alumnas, que lle preguntan: Profe, e o Xardín? Hoxe, o seu aspecto pasou de ser un arboredo cheo a puro formigón.
A perda de árbores centenarias
Segundo Xosé Santos, o declive do Posío comezou fai 35 anos, momento no que comezou a perder a súa estrutura. “Deixaron morrer as palmeiras afectadas pola praga do picudo“, lembra. Así, culpa ao Concello de Ourense e á Xunta de Galicia de non ter feito nada ao respecto, a pesar de existir casos de exemplares destas monocotiledóneas que sobreviviron ao insecto. Pero isto ocorreu antes das obras que se están a levar a cabo na actualidade.
A veciña e profesora tamén lembra que había moreiras, herbáceas e matogueiras que podían chegar aos cen anos. Fronte á situación actual, a dificultade vén cando se pensa en recuperar os exemplares: no hipotético caso de que se fagan plantacións no novo proxecto, as árbores poden tardar ata 40 anos en cumprir as súas funcións ecosistémicas.
Así, nas intervencións sobre xardíns históricos debería existir unha forma de proceder concreta: son árbores insubstituíbles que dan lugar a un refuxio climático nunha cidade que pode chegar aos 40°C en verán. Por iso, unha das entradas do Posío tiña como nome “Porta dos Ventos“.
O peche forzado dun ciclo
Carmen Cid naceu na zona do Posío e os seus xogos de infancia teñen como escenario este xardín. Foi medrando, e ao cumprir os 22 anos, comezou a exercer como mestra de Bioloxía no instituto que está xusto en fronte. Deste xeito, toda a súa vida profesional tivo vistas ao Xardín Botánico. Anos máis tarde, cando naceron os seus fillos, tamén xogaban alí e, na actualidade, segue a vivir na zona. “É un ciclo total”, sinala, pero agora pechouse á forza a causa das obras do parque.
Pero o impacto a nivel emocional non só lle afecta a ela: esas árbores agora desaparecidas foron o escenario de fotografías de bautizos, primeiras comuñóns e mesmo vodas. “Alí corrían nenos, mascotas, as persoas tomaban o sol, paseaban ou estudaban as distintas árbores”, explica Santos Otero. Agora todo iso xa non existe, e despois das obras, non será como antes.
Un problema sen solución
Segundo o membro de Amigas das Árbores, puido haber unha forma de evitar as escavadoras. A nivel europeo existen consellos e redes ambientais que conforman grupos multidisciplinares para que os distintos profesionais poidan analizar estes labores de urbanización: profesionais forestais, paisaxistas, catedráticos e investigadores universitarios, representantes sociais e veciñais, entre outros.
O seu obxectivo é avaliar, planificar e supervisar calquera intervención que afecte ás árbores ou ao patrimonio verde. Así, a pesar da aprobación dun consello das árbores para Ourense durante dúas lexislaturas, aínda non se creou: “As intervencións poderían ter sido distintas”, lamenta Xosé Santos.
Carmen Cid agrega a falta de iniciativa por parte do alumnado do IES en parar o proxecto sobre o Posío. Outros alcaldes tamén quixeron modificalo, pero dende o instituto sempre saíron en resposta. “Agora non se moveron, sinto que están de costas ao Xardín”, comenta con tristeza a antiga profesora. Así, a súa conclusión (e a potencial aprendizaxe desta historia) remata así: “Se non coñeces algo, non o defendes”.












