Ourense será a cidade galega escollida pola Xunta para impulsar a creación dos primeiros refuxios climáticos de Galicia, entendidos como espazos cunha relativa estabilidade climática e condicións ambientais favorables, que os fan idóneos para combater as altas temperaturas e ofrecer protección á poboación.
Trátase dunha experiencia inédita en Galicia que se baseará na plantación de árbores, principalmente autóctonas, e na aplicación doutras solucións baseadas na natureza, como xardíns verticais ou elementos de auga, para mitigar os efectos do quecemento global. Ourense foi escollida por ser a cidade que soporta as temperaturas máis extremas do territorio, cun clima caracterizado por invernos fríos e veráns moi cálidos, nos que a media das temperaturas máximas supera os 30ºC en xullo e agosto.
Cun investimento total de 450.000 euros, cómpre lembrar que este proxecto piloto forma parte do Plan galego de refuxios climáticos e permitirá darlle continuidade e aplicación práctica ao convenio asinado a mediados de xuño entre a Universidade de Vigo, o Concello de Ourense e a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
A decisión formalizarase antes de final de ano coa sinatura dun convenio entre a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e o Concello de Ourense, acordo que foi autorizado o luns 20 de outubro polo Consello da Xunta.
Mapa de illas de calor
O principal obxectivo deste primeiro convenio foi abordar o deseño, a montaxe e a proba dun dispositivo capaz de elaborar un mapa detallado coa localización das illas de calor existentes nos concellos. Con este termo, refírense ás zonas cunha elevada acumulación de radiación no asfalto e no formigón. O obxectivo é definir e executar, posteriormente, unha experiencia piloto a nivel local.
Agora, os investigadores da Universidade de Vigo están a desenvolver o mapa de illas de calor a nivel municipal, nun estado moi avanzado. A previsión é que a segunda fase do proxecto, formada polo deseño e execución dos primeiros refuxios climáticos, poida empezar a desenvolverse a finais de 2025, cunha análise preliminar do deseño das medidas que se van executar en Ourense e cun compromiso de ter finalizados os traballos antes de que remate 2026.
A avenida Otero Pedraio, centro da iniciativa
Polo agora, e tendo en conta a proposta feita polo Concello de Ourense e avalada pola UVigo, as actuacións proxectadas realizaranse na avenida Otero Pedraio, eixe principal de comunicación viaria no sector oriental da urbe.
Actualmente, esta zona carece de arboredo de sombra consolidado, o que provoca a exposición directa á radiación solar ao longo do día, especialmente en fachadas con orientación sur e sueste.
As actuacións previstas consisten en artellar un corredor verde lineal entre as rotondas norte e sur da avenida, o que permitirá reducir a temperatura superficial local en arredor de 3ºC.
Defensa da poboación vulnerable á calor
Para valorar a importancia desta iniciativa, cómpre lembrar que a creación de refuxios climáticos e a aposta polos espazos verdes son vitais para dispoñer de lugares frescos e zonas de sombra que acollan á poboación máis vulnerable.
De feito, o deseño destes refuxios precisa dun enfoque integral que teña en conta a adaptación dos ecosistemas ao quecemento global e a mellora da calidade de vida da cidadanía mediante a habilitación de espazos verdes frescos, saudables e funcionais.
Estes espazos verdes de nova creación, ademais de contribuíren a mitigar as vagas de calor cada vez máis frecuentes a nivel global, converteranse tamén nun elemento clave para preservar a biodiversidade da contorna, garantindo a conservación das especies autóctonas e a continuidade dos procesos ecolóxicos.
Unha proba piloto reproducible
Os resultados obtidos co proxecto piloto de Ourense poranse á disposición dos concellos de máis de 20.000 habitantes, co fin de que poidan avalialos e utilizalos como guía reproducir o modelo ou desenvolver iniciativas semellantes adaptadas ao seu territorio, se así o consideran oportuno.
Deste xeito, esta ferramenta facilitará ás administracións locais galegas o deseño de proxectos de fomento das infraestruturas verdes e solucións baseadas na natureza en espazos urbanos e periurbanos, co fin de mitigar os efectos do cambio climático.
Dúas liñas de actuación
Co obxectivo de converter os concellos en lugares máis verdes, adaptados ao cambio climático e cunha mellor calidade de vida, a Consellería tamén traballa noutras dúas liñas de actuación.
Por unha banda, promove a coordinación das actuacións municipais neste eido e a busca de sinerxías a través da Rede local polo Clima, posta en marcha en 2024. Por outra, fomenta a implicación da mocidade na busca de solucións aos retos do cambio climático mediante actividades deseñadas baixo o paraugas do programa Mocidade polo clima.
Todos estes elementos son básicos para consolidar a posición de Galicia no ámbito ambiental. Por exemplo, a redución das súas emisións netas nun 61,7% desde 1990, ano de referencia a nivel mundial para as políticas climáticas. Ao mesmo tempo, segue avanzando cara ao obxectivo de acadar a neutralidade climática no horizonte de 2040, compromiso incluído no proxecto da Lei do clima.














Para refuxio climático en Ourense, a flamante praza da Renfe na Ponte. Así se fan as cousa aquí en Chiquichistán.