O concepto ‘refuxio climático’ colleu forza nos últimos anos no ámbito político. Fai referencia a unha zona natural ou urbana con condicións ambientais propicias que permitan protexerse das vagas de calor ou frío, as secas, a falta de zonas verdes e outros hábitats prexudiciais para o ser humano. Gobernos do norte peninsular como o da Xunta definiron as súas respectivas comunidades como un “refuxio climático” polas súas características meteorolóxicas, á vez que o consideran o perfecto destino turístico. É unha equivocación facer turismo co clima dun país, principalmente porque este fenómeno social é un dos culpables da emisión de gases contaminantes; unha incongruencia que pon en risco que Galicia siga sendo, precisamente, un territorio cunhas condicións climáticas privilexiadas.
Disque Galicia é o refuxio climático da xente do sur, dos estranxeiros, de todo aquel que foxe das temperaturas insoportables buscando o fresco mariño, a influencia atlántica. Hai investigacións científicas que o demostran: un estudo europeo apuntou en 2023 que Galicia é un dos destinos preferidos do continente polo seu clima afable en verán. De aquí a 2100, esta condición ambiental pode supoñer un incremento de máis do 3% no seu turismo, o que equivale a 300.000 pernoctacións máis. Noutras comunidades como Cantabria o turismo podería aumentar ata un 7,2%, á vez que as zonas máis demandadas na actualidade como as Illas Baleares perderían ata un 8%.
Con maior frecuencia, as persoas que viaxan na época estival buscan un clima agradable, suave. Sol, calor, pero non moito, unha situación que permita ir á praia pero tamén durmir polas noites. O 2023 foi o ano máis cálido da historia dende que existen rexistros. Os termómetros dipáranse e é aquí onde o sector turístico está atopando unha oportunidade. Que cidadán de Madrid non querería marchar dos 43 graos sufridos no cemento para pasar aos 27 tumbados á sombra dun carballo? Calquera. Quen poderá facelo? Aqueles que teñen recursos para viaxar, de aí que se faga necesario —e urxente— que os refuxios climáticos existan en todas as cidades e estean dispoñibles para todos os habitantes.
Amais, isto tamén ten consecuencias na vivenda. Inmobles baleiros practicamente todo o ano ou destinados a Airbnb, mentres que unha persoa autóctona non atopa onde vivir porque ten que investir o 70% do seu soldo en alugar.
Os gobernos deberían, da man dos científicos, crear refuxios climáticos accesibles a toda a poboación
Segundo a ONU, o esgotamento dos recursos naturais e a contaminación son un dos problemas principais que xorden como consecuencia do turismo. As zonas costeiras e de alta biodiversidade son as máis vulnerables. Que sentido ten cualificar un territorio como refuxio climático e facer unha chamada ao turismo? Todos os gobernos da península deberían, man a man cos científicos dos seus centros de investigación, crear espazos interiores ou exteriores como bibliotecas, polideportivos, xardíns, prazas con fontes e vexetación onde refrescarse nun día solleiro, para que os refuxios climáticos sexan para todas, e non un privilexio de clase.
A pesar de que cada vez as temperaturas son máis altas, en moitas cidades da península non se están poñendo en marcha medidas como estas dirixidas ao conxunto da poboación pero, especialmente, á máis vulnerable, como son as nenas e nenos e as persoas maiores con patoloxías. Quizais quen máis debería estar falando de refuxio climático son aqueles executivos cuxas cidades son de asfalto e non os que teñen os embalses ao 85%, apropiándose do clima como un atractivo turístico; é unha contradición, unha pedra contra o propio tellado, aínda que veña envolta nun lazo, con apariencia de agasallo, de oportunidade. Quizais todo son riscos.
Outro bo artigo de gCiencia, claro e de facil leitura, noraboa!
Noraboa polo artigo, non podo estar máis dacordo. Temos moita sorte e sen embargo non coidamos o que temos nen tomamos en serio a crise climática.
Moi bo artigo!!!
Bom dia:
Pois é. Subterfúgio climático. Parabéns polo artigo.