Como tódolos anos, a Organización Meteorolóxica Mundial (OMM) vén de publicar os fenómenos climatolóxicos de alto impacto que tiveron lugar este ano. En concreto, máis de 100 eventos extremos a nivel global, con vagas de calor, secas, tormentas, inundacións, furacáns… O 2023 xa é o ano máis cálido xamais rexistrado, tamén para Galicia. Mais fóra disto, á comunidade non se lle achacan eventos climáticos extremos como si sucederon noutros puntos da península ou do planeta. O físico e profesor da USC Gonzalo Míguez Macho sostén que Galicia non destacará por nada “extraordinario” dende o punto de vista da meteoroloxía. “Choveu moito entre outubro e novembro, pero non houbo récords nin moito menos. A temperatura media anual sobrepasará o promedio, pero non tanto como está ocorrendo noutros lugares de España”, apunta.
O outono de 2023 acaba de converterse no máis cálido e húmido da serie histórica segundo o informe climatolóxico mensual de MeteoGalicia. A precipitación media acumulada foi un 93% superior ao valor climático normal. A segunda semana de novembro Galicia fixo 30 días consecutivos de chuvias ininterrompidas, con profundas borrascas que inundaron cidades como Santiago de Compostela e causaron temporais marítimos. “Vemos que nestes momentos si que está chovendo por enriba do promedio. En cidades como Santiago aínda choverá máis”, apunta Míguez Macho. A primavera galega si que foi “seca”, pero non houbo déficit de precipitacións, posto que as chuvias de outono “compensan o resto do ano”, explica o profesor.
Non ocorre así noutros puntos de España. J.M. Viñas en Meteored selecciona entre os eventos climáticos extremos de 2023 a DANA “devastadora” de setembro, que afectou ao suroeste da península con fortes tormentas, onde faleceron sete personas. No mesmo artigo, J.A. Maldonado sinala estes últimos meses do ano como “extraordinariamente chuviosos” en Galicia, mentres que Andalucía, o sur de Estremadura, o suroeste de Castela A Mancha ou Cataluña sofren unha grave seca, onde se produciron cortes de auga en Cataluña e en Málaga. As chuvias de outono non conseguiron suplir aquí a falta de auga, de feito, España atópase nunha seca prolongada dende 2022, especialmente grave no sur e leste da península.
Un verán ‘suave’
Aínda que non rematara, 2023 é o ano máis cálido xamais rexistrado e todo apunta a que se converta en España como o segundo máis caloroso dende 1961, que é cando comezou a serie histórica da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet). Deste xeito, a primavera da península foi a máis calorosa do rexistro histórico; o verán foi o terceiro con máis calor cunha temperatura media de 23,4 graos na España peninsular, 1,2 graos máis alto do normal; e o outono consolidouse como o segundo máis cálido. Con todo, mentres que en xullo ocorrían ondas de calor, o aire frío nas capas altas do Atlántico Norte facían que Galicia esquivase valores extremos de temperatura.
“Tivemos un verán suave, a temperatura situouse por enriba da media moitos meses pero iso non quere dicir que fose extremo. Non houbo picos consistentes nin fríos destacados. O que salienta é que o promedio está moi alto”, expón o profesor Míguez Macho. O verán de 2023 foi o tercero máis cálido dos últimos 60 anos cun aumento de 1,2 graos en España. Este ano só foi superado por 2006 e 2022, cunha temperatura media de 20,4 graos nos meses de xuño, xullo e agosto e con máximas de 42,9 graos. Segundo o MoMo, o sistema de monitorización da mortalidade diaria do Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII), o 24 de agosto rexistráronse en Galicia 13 mortes atribuíbles á calor.
Os últimos nove anos son os anos máis calorosos dende que existen rexistros. Os expertos en meteoroloxía agardan que o 2024 poida traer temperaturas máis altas debido ao fenómeno climático El Niño, que regresou esta primavera e que podería supoñer máis precipitacións para Galicia. A OMM tamén destaca na súa lista os incendios forestais como un dos eventos climáticos con máis repercusións a nivel humano e medioambiental e un evento extremo deste ano. A finais de agosto, o ocorrido en Grecia quemou 93.000 hectáreas, e foi o maior lume identificado pola Unión Europea nos últimos 23 anos.
Temperatura do mar
A temperatura do mar en España sitúase sobre tres ou catro graos por enriba do normal. As súas augas acadaron valores moi altos, ata 24,6 graos en xullo, un dato sin precedentes. Así o comunicou a Aemet, o que supón 2,2 graos por enriba do normal para este período do ano. En Galicia acadáronse valores históricos como é o caso dos 20 graos rexistrados na estación de Torallamar, en Vigo. Segundo datos da Xunta de Galicia, o termómetro que mide a temperatura da auga de Cortegada, na ría de Arousa, marcaba 24 graos e medio. O mar das costas galegas non estivo á marxe da drástica subida que están experimentando as augas mundiais, e ao longo de 2023 puidéronse observar as súas consecuencias. A máis visible foron as mortes masivas de marisco na ría, que cubriron en varias ocasións as praias de exemplares, unha situación que está levando ao límite o sector marisqueiro.
Ademais das temperaturas récord, a OMM salienta o aumento do nivel do mar. A taxa do incremento entre 2013 e 2023 é máis do dobre que a rexistrada entre 1993 e 2022, derivada do quecemento dos océanos e o desxeo, que na Antártida xa rexistra extensións mínimas históricas.