A temperatura do mar en Vigo alcanza os 20 graos, o valor máximo rexistrado

Os datos proceden do observatorio de Torallamar, que apunta como unha das principais causas o predominio de ventos do sur

As correntes mariñas están altamente influenciadas polas condicións metereolóxicas. Nos últimos meses os termómetros acadaron temperaturas inéditas en toda a Península, tamén en Galicia. Ante estas situacións anormais da atmosfera, o quecemento dos mares non ficou atrás: Vigo vén de rexistrar 19,92 graos nas súas augas durante o mes de abril, dous graos por enriba do máximo anterior (17,87 graos en 2021). Son datos de Torallamar, o portal de información do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo (UVigo). Dende o equipo afirman que son os valores máis altos rexistrados dos últimos dez anos. O responsable da Unidade de Oceanografía do CIM, Jose González, explica que 2023 está sendo “anómalo”.

Aínda que a percepción máis evidente da subida das temperaturas sexa a metereoloxía, a oceanografía vai da súa man. Por sorte, Galicia non está a sufrir calor intensa como está ocorrendo noutros puntos de España e choveu en abundancia dende o outono. Non obstante, hai unha predominancia de ventos do sur, o que implica ceos máis cubertos, maiores precipitacións, pero menos renovación das augas, e aquí radica a explicación científica para entender a elevada temperatura do mar. Cando sopra o vento do norte, a auga superficial máis cálida viaxa cara a plataforma oceánica. No seu lugar, entran augas profundas. É o que se coñece como afloramento das rías e basicamente, substitúe a agua máis empobrecida por outra rica en nutrientes para que o fitoplancton poida ploriferar.

Publicidade

Co cal, o que está acontecendo nas costas galegas é que non entran masas de auga fría e predominan as augas quentes. González explica que o realmente “anormal” é que estes valores se manteñan durante todo un mes. A concentración de fitoplancton, segundo as observacións do CIM, estivo estes días en valores moi por debaixo dos habituais. “A alternancia de afloramento-afundimento fai que teñamos unha semana moi alta de clorofila, que son os organismos básicos da cadea trófica. Cando medra, hai alimento. Cando non, significa que haberá unha limitación e non crecerán coa mesma abundancia”, comenta o investigador.

Uno de los microorganismos analizados.
A especie Ornithocercus magnificus é un dos microorganismos que forman parte do fitoplancton. Fonte: CSIC

De feito, o problema non reside en que os organismos mariños non sexan capaces de sobrevivir ás augas cálidas, de feito están acostumados, xa que estes graos forman parte do rango normal de temperaturas durante o verán. O problema reside na duración destas estapas quentes, que, de alongarse, causarán cambios nos ciclos reprodutivos. “Non é que os 20 graos provoquen a súa morte, están dentro da variabilidade natural ao longo do ano. O que pasa é que as temperaturas marcan o inicio das etapas de posta, o que pode significar que os ciclos ocorran antes do habitual”. A escaseza na renovación das augas supón unha maior concentración de especies tóxicas, como as denominadas mareas vermellas. “Unha pequena alteración pode ter múltiples consecuencias sobre os ecosistemas”, engade Jose González.

Publicidade

El Niño e a súa influencia na temperatura do mar

A Organización Metereolóxica Mundial (OMM) publicou hai uns días un comunicado onde alerta da alta probabilidade de que se instaure o Fenómeno de El Niño (FEN), un evento que afectará ao tempo de todo o planeta, provocando episodios climáticos drásticos. É o causante de grandes secas ou, pola contra, de elevadas precipitacións. A probabilidade de sufrir as súas condicións no período de xullo a setembro é do 80% e previsiblemente, Galicia baixo a súa influencia pode aumentar as chuvias. El Niño ten consecuencias na circulación atmosférica e na oceánica a escala global. “Imos notalo. Non é un fenómeno continuo e provoca eventos extremos”, sostén.

Os expertos apuntan que é díficil predicir se as altas temperaturas no mar continuarán ao longo do ano, incrementándose tralo comezo do verán. O que si se prevé nos próximos días é que descendan polo predominio do vento do norte en Galicia, o que está a provocar unha baixada de temperaturas. “Non podemos predicir o que pasará o resto do ano. Dependemos da circulación global e dos fenómenos locais, que teñen moita influencia neste aspecto. É probable que teñamos outro episodio de augas quentes. Agárdase que teñamos unha alteración dos patróns de circulación que pode dar lugar a un episodio de temperaturas por enriba do habitual”, engade Jose González.

A temperatura do mar baixará nos vindeiros días pola entrada dun corredor de ventos do norte de aire polar

Ten que ver o cambio climático con que as augas dos océanos estean máis quentes? Segundo González, “é moi difícil dicir se algo está relacionado directamente ou non co cambio climático. Non hai unha tendencia clara do quecemento progresivo”. O que si sinala é que os fenómenos extremos teñen relación co aumento dos gases de efecto invernadoiro. Cada vez é máis frecuente que durante unhas semanas a temperatura estea máis alta que o habitual e poida nalgún momento puntual estar máis fría durante un mes por maior predominio dos ventos do norte. “En 2020 xa tivemos dous ou tres meses onde a temperatura durante a primavera foi máis alta do normal para a época, e agora en 2023 outra vez. Cada vez atopámonos máis con este tipo de anomalías”, comenta González.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como defendernos dos mosquitos: que funciona e que non contra esta praga estival

Os repelentes con DEET e picaridina seguen as ser os máis eficaces, mentres que as velas de citronela, pulseiras ou ultrasóns carecen de respaldo científico

Científicos galegos crean unha ferramenta dixital para mellorar a sostibilidade da pesqueira do ourizo de mar

A creación do CIM-UVigo permite identificar riscos que afectan ao futuro do recurso mariño, actualmente en situación crítica

O verán galego é 1,8 graos máis cálido que hai 60 anos

O investigador do CSIC Dominic Royé explica que aumentou a temperatura media e cada vez hai máis eventos meteorolóxicos extremos como ondas de calor, secas ou alteracións nos patróns de choiva

Catro claves para crear bosques urbanos e combater a crise climática dende as cidades

Unha urbe sen árbores posúe unha menor infiltración de auga, temperaturas máis altas e unha poboación con máis enfermidades