Un corredor de ventos do norte trae aire polar a Galicia esta fin de semana

As máximas non superarán os 16 graos no terzo norte e as precipitacións serán escasas e ocasionais

As máximas non van superar os 16 graos na Coruña e as mínimas descenderán ata os 6 graos en Lugo durante esta fin de semana. As temperaturas serán máis suaves no sur, pero non subirán dos 20 graos en Ourense, Pontevedra e Vigo. Esta baixada térmica débese a un cambio na configuración atmosférica. O anticiclón das Azores, situado ao oeste de Galicia, xunto cunha borrasca no Mediterráneo, propician un corredor de ventos do norte que traerá aire de orixe polar esta fin de semana. As temperaturas non serán tan baixas como poderían ser durante o inverno, pero tampouco serán as esperables para esta época do ano.

Á esquerda, o anticiclón das Azores. Á dereita, a borrasca no Mediterráneo. Entre eles, un corredor de ventos do norte que trae aire de orixe polar a Galicia.

O tempo, por tanto, é primaveral e cambiante. En parte, polo movemento do anticiclón das Azores, que pode provocar un episodio de calor, como o da pasada semana, ou propiciar a chegada de masas de aire que arrefríen o ambiente. A inestabilidade aumentará, segundo explican dende Meteogalicia, a partir do venres, coa entrada de aire frío nas altas capas da atmosfera. As temperaturas mínimas oscilarán entre os 7 e os 11 graos e as mínimas non subirán máis alá dos 20 graos na metade sur.

Publicidade

O sábado experimentarán un lixeiro ascenso, pero non demasiado significativo. A Coruña e Ferrol seguirán nos 16 e 17 graos de máxima, respectivamente, mentres que Vigo e Ourense rozarán os 22 graos. O resto de cidades, Santiago, Pontevedra e Lugo, terán valores que oscilen nese tramo, tamén sen grandes cambios. O domingo tamén se manterán nestas cifras, que non son demasiado altas para esta época do ano, segundo recollen en Meteogalicia.

Tempo seco

No que respecta ás precipitacións, o tempo durante a fin de semana será, en xeral, seco. Mais si que se rexistrarán algunhas precipitacións illadas nalgúns puntos do país. O venres, por exemplo, agárdanse chuvascos máis intensos e frecuentes no norte e leste de Galicia, mentres que o sábado tan só se rexistrarán durante a mañá no norte da provincia de Lugo. Coa entrada da vindeira semana, Meteogalicia advirte do aumento de probabilidades de chuvias, sobre todo na metade norte. E as temperaturas, polo momento, manteranse sen cambios e máis baixas do esperable para o mes de maio.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla