A maior feira científica de Galicia abriu esta mañá as súas portas.
A maior feira científica de Galicia abriu esta mañá as súas portas.

Galiciencia, a maior feira científica que se celebra en Galicia, arrancaba esta mañá no Parque Tecnolóxico de Galicia baixo o lema Aeronáutica e Aeroespacial e prolongarase ata o venres. O seu obxectivo é espertar as vocacións científicas entre o alumnado de Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato. Desenvólvese en colaboración coa Consellería de Economía, Industria e Innovación e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt), que depende do Ministerio de Ciencia e Innovación. A feira vai reunir en torno ás diferentes actividades programadas a máis de 4.800 participantes

Máis dun centro de propostas de todos os niveis educativos

Na feira participan un total de 106 proxectos. De Secundaria, Bacharelato e FP son 51 presenciais e 19 en liña; e de Primaria son 30 presenciais en 6 en liña. Son propostas moi variadas e de campos diversos como agricultura, bioloxía, física, medio ambiente, comunicación, música, robótica, tecnoloxía, ademais de aeronáutica e aeroespacial.

Publicidade

Un equipo propón un sistema eficiente para arrefriar bebidas, outro o control de dispositivos mediante ondas cerebrais para uso pedagóxico, tamén se amosa a elaboración de repelentes ecolóxicos a partir de plantas escorrentadoras de insectos, un semáforo para controlar mellor o tráfico, unha man biónica, o deseño dunha taza potabilizadora de auga, un proxecto que busca axudar ás persoas con discapacidade visual a entender o ceo nocturno, unha cámara de cultivo para o desenvolvemento da agricultura en Marte, o deseño dun minisatélite para medir a presión e a temperatura, un bolígrafo biodegradable sen plástico e con tinta natural, ou un sistema eficiente para cargar drons, entre outras moitas ideas e proxectos.

Os máis pequenos

Ademais do concurso de proxectos, a feira compleméntase con actividades que buscan achegar a ciencia e a tecnoloxía aos máis novos de xeito práctico e divertido. O alumnado de Primaria e Educación Especial está a participar en dous talleres diferentes. Por un lado, Conquistando as portas do ceo céntrase no gran soño da humanidade que é voar, a través dos grandes inventos deseñados polo home ao longo da historia para lograr conquistar o espazo aéreo. Así, a rapazada está a coñecer desde os primitivos dispositivos de Leonardo da Vinci ata os máis avanzados aparellos creados pola NASA, pasando polo aeroplano, o autoxiro, o globo aerostático ou o parapente, entre outros. Neste obradoiro achéganse tamén á figura de Amelia Earhart, a primeira muller aviadora que voou soa a través do Atlántico.

Publicidade

Por outro lado, no taller Xúpiter nunha botella os participantes teñen a oportunidade de percorrer un a un os planetas do Sistema Solar, puidendo ver con detalle o delicado movemento da atmosfera de Xúpiter. Están a coñecer así mesmo a composición do Universo seguindo os pasos de Cecilia Payne-Gaposchkin, a astrónoma angloamericana que a principios do século XX descubriu que o Sol está composto na súa maior parte de hidróxeno e helio. 

Outras actividades

Os rapaces e rapazas de Secundaria e Bacharelato que expoñen os seus proxectos na feira tiveron esta mañá a ocasión de asistir e participar no programa Efervesciencia da Radio Galega, que conduce Manuel Vicente. No transcurso do mesmo contouse coa participación de investigadores e investigadoras expertos en aeronáutica e aeroespacial e co director do Parque Tecnolóxico de Galicia, Javier Taibo.

Na xornada de mañá xoves, entre as 11.00 e as 12.00 horas, vaise celebrar un novo espectáculo de ciencia para alumnado de Secundaria, FP e Bacharelato. Poderá seguirse a través da canle de Youtube de Tecnópole. Ademais, celebrarase a final do desafío científico Atrévete coa Aeronáutica, no que durante os últimos meses participaron equipos desde 4º de Primaria a Bacharelato de toda Galicia de xeito online.  

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.