O fungo alucinóxeno do centeo, o ‘ouro negro’ da Galicia do século XX

O país formou parte da súa venda internacional e tivo un peso tan importante na súa expansión que marcaba por teléfono os precios con Xapón

“A miña avoa traficou con LSD”. Estas palabras fixeron que Adriana P. Villanueva e Sabela Iglesias cravaran os ollos na amiga que, mentres xantaban, as pronunciara. Foi o comezo da súa investigación sobre o claviceps purpurea, un fungo alucinóxeno que nace nos campos de centeo e que colocou a Galicia nos primeiros postos de saída dun mercado internacional na primeira metade do século XX. Os xornais da época publicaron as intoxicacións que a poboación padeceu e asemade, os anuncios de venda do tamén chamado ‘cornello’. Cóntase que as mulleres eran as grandes sabedoras dos seus fins medicinais e o usaban para os embarazos e para os abortos; as farmacéuticas non tardaron en interesarse por el e comprábano aos agricultores en grandes cantidades. Villanueva e Iglesias remataron por filmar Negro púrpura (2021), un documental que se proxecta este mércores en Vilagarcía de Arousa e que aborda unha historia descoñecida e sorprendente de Galicia, mais só para algúns: as testemuñas máis maiores atesóurana aínda na súa memoria.

‘Cornecho’, ‘cornezuelo’, ‘caruncho’, ‘dentón’, ‘corno’ ou ‘grao de corvo’ son outras denominacións para este fungo. Ten máis de cincuenta especies que se poden atopar en múltiples variedades de cereais e plantas e en Galicia agroma fundamentalmente no centeo. A humidade do país favorece a súa producción e os agricultores tiveron que esforzarse no século XX para que esta gran espiga negra non se recollese xunto co gran cando se apañaba o cereal, mais non sempre foi así: en ocasións foi mesturado coa fariña para facer o pan e ata os máis pequenos da casa o comeron. A enfermidade que produce chámase ergotismo, comunmente chamado febre de San Antonio ou lume do inferno. Provoca alucinacións, convulsións e contraccións arterais que poden desencadear gangrena nas extremidades.

Publicidade

Da mesma maneira que moitas plantas, a claviceps purpurea contén alcaloides, un composto químico orgánico que provoca alteracións no cerebro e no sistema circulatorio. “As persoas maiores de sesenta anos coñecen o fungo. Non parabamos de preguntarnos como nunca escoitamos nada sobre el. As xeracións máis novas non teñen nin idea da súa existencia”, explica Adriana P. Villanueva, unha das directoras do documental Negro púrpura (2021). O fungo máis cotizado era o que nacía no centeo porque era o máis grande. Os campos de centeo abundaban por toda Galicia e nos anos 50 a industria farmacéutica empezou a mercalo ás xentes que traballaban nas plantacións: mulleres, homes, nenas e nenos. Dábase, polo xeral, todos os veráns, e Galicia vendeu tanta produción que chegou a competir con Rusia -o primeiro exportador- e con Polonia. Chegouse a pagar mil pesetas polo quilo, que por aquel entón era o que custaba unha vaca.

Fungo claviceps purpurea. Fotograma da película Negro Púrpura (2021).

O cornello vendíase nas feiras e as farmacias colocaban un cartel fóra do establecemento que anunciaba que nese lugar se recollía o fungo alucinóxeno. O comercio de caruncho coincidiou na época da posguerra, polo que moitas familias aproveitaron este beneficio tan grande e puntual para poder afrontar as dificultades económicas. Conta Adriana P. Villanueva que en Dacón, no municipio de Maside (Ourense), habilitaran unha central telefónica para marcar os precios do cornello con Xapón e outros países. A xente, por sabedoría popular ou por experiencias pasadas, tiña claro que ese elemento negro non se podía comer, pero segundo conta a directora, a maior parte da poboación non estaba ao tanto das súas posibles aplicacións e do gran interese por parte da investigación farmacéutica. “Era algo que formaba parte do cotiá, pero é un cotiá moi agochado porque eran as mulleres as que o utilizaban. Como o aborto era un tabú non se contaba”, contaba Villanueva. ‘As mulleres que tomaban o caruncho ou parían ou morrían’ é un refrán que naceu naquela época.

Anuncio de 1902 nun xornal dun boticario que mercaba cornezuelo. Fonte: http://galiciaagraria.blogspot.com

Un dos científicos que estudaron este fungo foi o químico sueco Albert Hofmann, que acabou por descubrir unha nova droga derivada do cornezuelo: o LSD ou ácido lixérsico, que afecta ao sistema serotoninérxico. “Sería galego o caruncho a partir do cal Albert Hoffman descubriu a substancia psicotrópica do LSD?”, pregúntanse as directoras.

En Galicia naceron empresas que empezaron a fabricar alcaloides, que a día de hoxe están presentes en fármacos para a dor de migraña, por exemplo. Unha delas foi o Instituto Bioquímico Miguel Servet S.L., en Vigo, que se construíu pouco antes do comezo da Guerra Civil. “Hai rexistros da Idade Media cando na peregrinaxe a Santiago había un camiño de sandar para as persoas que chegaban enfermas de ergotismo”, comenta Adriana P. Villanueva. Nos anos 60 a industria conseguiu sintetizar estas substancias para conseguir o elemento químico e utilizalo en medicinas. “Hai moita xente que seguiu recollendo plantas pero logo non fixeron falta porque as farmacéuticas xa contaban cos principios activos”, explica.

Pan de centeo. Fotograma da película Negro Púrpura (2021).

A CIA e o LSD

En agosto de 1951 unha pequena localidade do sur de Francia, Pont-Saint-Esprit, viuse golpeada por unha onda de alucinacións e histerias que causaron a morte de cinco persoas e graves afeccións nun gran número de habitantes. Ata 2010 este misterio seguía sen resolver. Neste ano, o periodista de investigación Hank Albarelli presentou unha teoría que apunta a que a CIA esparexeu barras de pan con LSD como parte dun experimento de control mental durante a Guerra Fría. Os médicos da zona, por aquel entón, concluíron que o causante do malestar era o fungo alucinóxeno. Albarelli atopou uns ficheiros que pertencen aos servizos da CIA e que levan a etiqueta: “Re: Pont.Saint.Esprit e Aquivos de F. Olson”. Olson era un científico da CIA que dirixía as investigacións da axencia sobre o LSD durante o episodio en Francia. O xornalista asegurou que deu cun documento de 1949 que amosa como os soldados americanos puxeron en marcha os experimentos.

“A oferta de carunho galego sería decisivo para os plans secretos da CIA?”, cuestiónanse as directoras do documental. A película, dende a súa estrea fai dous anos, non cesou nas súas presentacións. Nestes momentos, nalgúns recunchos do rural de Galicia, aínda habitan recolledores e recolledoras do fungo alucinóxeno en casas con mobiliario mercado coas pesetas gañadas polo comercio do fungo. Tamén polas exportacións rusas, o contrabando cara a Portugal ou a venda de cornello fake. En 1952 un xornalista emitiu esta mensaxe pola radio:

Las autoridades deberían poner coto sin demora y remediar con mano dura la locura del cornezuelo. Ante la demanda, algunos ciudadanos poco escrupulosos han ideado un procedimiento más lucrativo que la recolección de cuernecillos de longo por los sembrados: su imitación con pasta de harina y teñido con tinta. Durante el pasado año 1951 se ha vendida a 475 pesetas el kilo de este cornello falsificado.

  1. Por terras de Ramirás chamámoslle cornecelo. De rapaces chegamos a apañalo, pero nunca a vendelo. Dicíase, aló polos anos 60, que ía moi caro, pero hai que considerar que pesa moi pouquiño, razón pola que era preciso xuntar unha gran cantidade para poder dispoñer dun quilo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O alcaloide dos fungos alucinóxenos amosa bos resultados como antidepresivo

Un ensaio clínico con psilocibina e un antidepresivo común (escitalopram), afonda no posible uso deste composto fronte a trastornos de saúde mental

Negro Púrpura: un filme rescata a febre do ouro agochado no centeo de Galicia

Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva, de Illa Bufarda, presentan este martes un documental sobre o caruncho, un fungo moi cotizado a mediados do século XX

O Dentón: un filme sobre a alucinante historia do “volframio vexetal”

A produtora Illa Bufarda prepara un documental sobre a febre en Galicia arredor do fungo Claviceps purpurea, parasito do centeo