O alcaloide dos fungos alucinóxenos amosa bos resultados como antidepresivo

Un ensaio clínico con psilocibina e un antidepresivo común (escitalopram), afonda no posible uso deste composto fronte a trastornos de saúde mental

Arredor de 200 especies de fungos do xénero Psilocybe conteñen psilocibina, un alcaloide con efectos alucinóxenos que foi sintetizado por Albert Hoffman (famoso por obter tamén o LSD). Crese que desde hai moitos séculos foi usado en cerimonias polos pobos nativos norteamericanos, e a súa descuberta na cultura popular estadounidense propagou o seu uso como droga por medio mundo no século XX. Os seus efectos levan moito tempo sendo estudados pola comunidade científica, e un ensaio clínico que publica esta semana o The New England Journal of Medicine volve poñer de actualidade este composto alucinoxéno.

A investigación, desenvolvida polo Centro de Investigación Psicodélica do Imperial College de Londres, amosa que a psilocibina foi, canto menos, tan eficaz como o escitalopram, un dos antidepresivos máis habituais dentro dos coñecidos como inhibidores selectivos da recaptación da serotonina. Os 59 pacientes, cun trastorno depresivo prolongado entre moderado e grave, participaron durante seis semanas nun ensaio dobre cego.

Publicidade

Do mesmo xeito que os antidepresivos comúns, o principio activo presente nos fungos alucinóxenos actúa sobre as vías da serotonina no cerebro. Estudos en ratos demostraron que este alcaloide únese a un receptor que é parte dunha cadea de reaccións bioquímicas vinculadas a trastornos depresivos.

Cadro que resume o procedemento do ensaio clínico con psilocibina e escitalopram.
Cadro que resume o procedemento do ensaio clínico con psilocibina e escitalopram.

Os autores do propio traballo advirten de que se trata dunha investigación nunha fase temperá, desaconsellando, obviamente, o uso da psilocibina sen supervisión para este tipo de patoloxías. E, en todos os casos, insisten na necesidade de seguir unha terapia con profesionais para mellorar o prognóstico depresivo. Mais avanzan que continuarán estudando o uso deste composto, toda vez que os efectos secundarios observados respecto a outros antidepresivos parecen ser menores. Como se ten constatado, algúns destes fármacos inducen fatiga, insomnio, mareos, náuseas, perda de peso ou da libido.

Publicidade

A alternativa da psilocibina

Diante do aumento da incidencia das doenzas mentais en todo o planeta (estímase que uns 800 millóns de persoas teñen algún tipo destas patoloxías), a ciencia traballa arreo para atopar tratamentos máis eficaces e sen tantos efectos adversos. Nesta liña enmárcase o ensaio coa psilocibina e outros compostos.

Respecto aos efectos adversos, no ensaio do Imperial College observouse que cinco dos pacientes tiveron que reducir ou interromper o tratamento por mor dos efectos negativos debido a ansiedade, disfunción sexual ou unha resposta emocional reducida, mentres que ningún o fixo no caso da psilocibina. Porén, o equipo tivo tamén en conta outras variables para evitar problemas engadidos coa psilocibina, e excluíu do ensaio a persoas con antecedentes familiares de psicose, debido aos posibles efectos adversos que o alucinóxeno podería inducir. Probablemente isto, advirten, introduciu un nesgo no ensaio cara aos menores efectos secundarios da psilocibina, que se manifestaron nalgún caso en forma de dores de cabeza transitorias.

Estes resultados son, por tanto, un pequeno paso nun longo camiño que debe percorrerse con moita precaución e rigor. Un comentario do psiquiatra Jeffrey Lieberman, que acompaña ao artigo publicado en NEJM, advirte que o fito que supón este ensaio non debe obviar, por exemplo, a análise detallada de todos e cada un dos efectos que a psilocibina induce no organismo. Entre outras limitacións, o traballo realizado polo Imperial College implicou, sobre todo, a participantes varóns, caucásicos e de alto nivel educativo.

Unha das alternativas, xa explorada en traballos previos, é afondar na síntese e modificación de compostos alucinóxenos para o seu uso como antidepresivos evitando os seus efectos psicodélicos, o que reduciría as contraindicacións cara a determinados perfís de pacientes.


Referencia: Trial of Psilocybin versus Escitalopram for Depression (Publicado en The New England Journal of Medicine).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un pioneiro estudo galego descobre un posible biomarcador da depresión maior

Un equipo do IDIS identifica unha proteína do sistema nervioso que se usaría como sinal para a detección precoz de procesos depresivos

Unha IA galega elimina erros no diagnóstico da depresión e da deterioración cognitiva

Os resultados do proxecto Sapiens, desenvolvido dende atlanTTic, demostran unha boa aceptación das novas tecnoloxías de diagnose

Unha de cada seis persoas ten síndrome de abstinencia tras deixar os antidepresivos

Mareos, dor de cabeza, náuseas, insomnio e irritabilidade son algúns dos síntomas que pode sufrir o 15% dos pacientes ao interromper o tratamento

A ciencia confirma que as apertas alivian a dor, a ansiedade e a depresión

Un equipo internacional analiza os beneficios do contacto físico nas persoas a partir da revisión de 212 estudos