Lambetadas terapéuticas, semáforos para reducir ruído e outros orixinais proxectos de Galiciencia 2025

A feira científica celebra a súa vixésima edición con máis de 3.500 participantes de Primaria, Secundaria, Educación Especial, Formación Profesional e Bacharelato

A saúde mental é o tema central da nova edición da feira científica Galiciencia, que arrincou este mércores e se estenderá ata o venres no Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnólope. O obxectivo é espertar as vocacións científicas entre o alumnado de Primaria, Secundaria, Educación Especial, Formación Profesional e Bacharelato. O evento desenvólvese en colaboración coa Consellería de Economía e Industria e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. O certame vai reunir a máis de 3.500 participantes.

Na xa vixésima edición de Galiciencia participan 115 proxectos: 50 presenciais e 22 en liña de Secundaria, Formación Profesional e Bacharelato; e 30 presenciais e 13 en liña de Primaria. Malia que hai propostas moi variadas, a meirande parte das iniciativas céntranse na neurociencia e na saúde mental. Algúns dos exemplos son o uso da robótica para mellorar as emocións dos usuarios, trucos de maxia que enganan o cerebro e como as mulleres científicas tiveron que saltar obstáculos para preservar a súa saúde mental. Tamén se procuran solucións ante a falta de atención do alumnado na aula, afóndase na influencia da meteoroloxía no estado de ánimo das persoas, estúdase a saúde mental nos deportistas de alto rendemento e mesmo o estrés nas formigas.

Publicidade

Das novas tecnoloxías ao impacto social

As novas tecnoloxías son sempre protagonistas en Galiciencia. Outro dos equipos propón unha solución intelixente para mellorar a seguridade no transporte público, dous rapaces presentan un taboleiro didáctico para axudar as persoas con parálise cerebral, outros apostan por un sistema para detectar o TDAH nas aulas… Tamén son moitos os que botan man da intelixencia artificial con propósitos tan diferentes como dar a coñecer a riqueza biolóxica de Galicia ou axudar a identificar o contedor de lixo axeitado para desbotar un obxecto determinado; un equipo mesmo deseñou e adestrou unha intelixencia artificial propia para comparala coa humana.

Destacan propostas de impacto social como o desenvolvemento de xogos para persoas con enfermidades neurodexenerativas ou para o tratamento do déficit de atención. Tamén se fai fincapé na necesidade de darlle visibilidade á realidade de persoas que padecen dislexia a través dun dispositivo para evitar os tics da síndrome de Tourette. Un equipo busca alimentos naturais con propiedades antibacterianas, outro aposta polo desenvolvemento de lambetadas con fins terapéuticos… e ata hai un semáforo pensado para reducir o nivel de ruído nas aulas.

Publicidade

En relación co medio ambiente e a sostibilidade, expóñense iniciativas como un invernadoiro que recolle a auga do orballo e a choiva para loitar contra a seca, un sistema de prevención de inundacións; o deseño de produtos como sandalias, alfombras para a ducha, fundas para o móbil… elaborados con plásticos biodegradables; un sistema de carga de baterías con hidróxeno, a xeración de electricidade sostible con auga da choiva…

Os máis pequenos están a crear a súa propia ilusión óptica

Ademais do concurso de proxectos, a feira compleméntase con actividades que buscan achegar a ciencia e a tecnoloxía aos máis novos de xeito práctico e divertido. O alumnado de Primaria e Educación Especial está a participar en dous talleres diferentes. Por un lado, na experiencia “Ver para crer” a rapazada estase a mergullar no mundo das ilusións ópticas para descubrir que non sempre podemos crer o que nos din os nosos ollos.

Por outro lado, o taller “Neuropróteses: do cerebro á máquina” céntrase no importante papel dos exoesqueletos, cos que se consegue que os órganos executen as ordes que envía o cerebro. Os participantes están a coñecer como esta tecnoloxía que parece tan futurista é empregada a diario por miles de persoas arredor do mundo, e que, sen ela, a súa vida sería moito máis complexa.

Espectáculo de ciencia

Na xornada do xoves, entre as 11 e as 12 horas, vaise celebrar un novo espectáculo de ciencia para alumnado de Secundaria, Formación Profesional e Bacharelato. Poderá seguirse a través da canle de Youtube de Tecnópole. Ademais, celebrarase a final do desafío científico “Atrévete coa mente!”, no que durante os últimos meses participaron equipos desde 4º de Primaria a Bacharelato de toda Galicia de xeito en liña. 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O festival Pint of Science achega a ciencia aos bares na súa undécima edición

En Vigo celebrarase os días 19, 20 e 21 de maio nos locais El Castro e De Catro a Catro e, por primeira vez, chega Pint Kids

Ética científica

O debate está servido tras a retirada do artigo de Barbacid sobre o cancro de páncreas. Por Laura Filloy

Chega o CinVigo, o festival científico que leva a ciencia á rúa

O evento celebra a súa cuarta edición e trasládase á Avenida de Beiramar, onde convocará actividades para todas as idades na última fin de semana de abril
01:04:45

EN DIRECTO | Ciencia en feminino. Obstáculos da carreira investigadora

A enxeñeira Soledad Torres, a bióloga Iria Gómez Touriño e a enfermeira Ainara Díaz Geada participan na última sesión do ciclo de GCiencia e da Deputación de Pontevedra