GCiencia vén de convocar a IX Edición dos Premios Galicia Spin-off, que recoñecen as iniciativas máis innovadoras xurdidas no ámbito das tres universidades públicas galegas. As empresas e grupos de investigación interesados en participar poderán presentar as súas candidaturas ata o próximo 31 de xullo. A Secretaria Xeral de Universidades da Xunta, Unirisco e Gadis colaboran cuns premios que ao longo da súa traxectoria distinguiron a empresas e grupos investigadores destacados no campo da innovación galega.
Como vén ocorrendo nos últimos anos, os GCiencia Galicia Spin-off recoñecerán o labor desenvolvido polas empresas e os grupos de investigación galegos nas súas tres categorías. Entre os seus obxectivos figuran recoñecer a transferencia de coñecemento entre as universidades pública e as empresas e alentar o emprendemento dos grupos de investigación.
Os galardóns, creados en 2016, contan con tres apartados. Na categoría Selo de Calidade recoñecerase á empresa galega que teña consolidado ao longo do tempo una traxectoria empresarial de prestixio. Nas anteriores edicións dos premios foron distinguidas neste apartado compañías tan prestixiosas como Galchimia, Innolact, Mestrelab, Hifas da Terra ou Alén Space, que foi a gañadora en 2024.
As empresas que irrompesen nos últimos meses no mercado cunha idea ou proxecto de marcado carácter innovador son as recoñecidas no apartado Idea Emerxente. O ano pasado foi elixida neste apartado Neutron Insights, spin-off da USC, que tomou o relevo de compañías como Situm, All Genetics, Psico VR, Saega e Indestia.
Entre os factores que se terán en conta para a concesión dos premios en ámbalas dúas categorías atópanse a experiencia de mercado, o vínculo co ámbito universitario, volume de negocio, internacionalización, política de comunicación e mercadotecnia, relevancia do sector, empregabilidade, responsabilidade social corporativa, contribución á creación dunha nova economía, relación coa investigación universitaria e perspectivas de crecemento, entre outros.
Os premios GCiencia Galicia Spin-Off tamén recoñecen o traballo dos grupos de investigación dependentes dalgunha das tres universidades públicas galegas. Para a súa concesión, o xurado terá en conta aspectos como as innovacións obtidas, os proxectos emprendidos, as publicacións realizadas e o grao de colaboración con empresas. Nos últimos anos entre os gañadores estiveron os grupos VARPA, Laboratorio de Bases de Datos, LIA (2) e Biofarma, elixida en 2024.
Candidaturas e xurado
As empresas e grupos de investigación interesados en participar nas categorías Selo de Calidade e Grupo de Investigación poderán enviar a súa candidatura á dirección de correo electrónico spinoffgalicia@gmail.com, en tanto que as de Selo de Calidade serán a proposta exclusiva do xurado.
Xa que os premios teñen como obxectivo o recoñecemento do papel das universidades como motor da investigación no país, o xurado terá en conta na súa valoración cuestións como as patentes rexistradas, os artigos publicados en revistas de prestixio ou a participación en proxectos multidisciplinares de I+D+i. Ademais, salientaranse proxectos liderados por mulleres ou equipos onde a presenza da muller sexa relevante tanto en número coma en xerarquía, así como o uso do galego na comunicación interna e externa do grupo ou da empresa.
O xurado estará integrado por personalidades vinculadas á investigación e á empresa de recoñecido de prestixio. Os finalistas e gañadores nas distintas categorías daranse a coñecer antes do 31 de outubro e o acto de entrega de premios celebrárase antes do final do ano.














