Os hospitais de Vigo e Santiago administrarán terapias CAR-T a pacientes adultos

Compostela só podía subministrar, ata o de agora, o tratamento á poboación pediátrica, mentres que o da Coruña era o único orientado a persoas maiores

Os complexos hospitalarios universitarios de Santiago de Compostela e de Vigo acaban de ser seleccionados para a administración de terapias CAR-T en pacientes adultos. Esa designación formalizarase mediante resolución da Secretaría de Estado de Sanidade, logo da validación por parte do Grupo Institucional do Plan para a Abordaxe das Terapias Avanzadas no Sistema Nacional de Saúde.

Galicia xa dispoñía desde 2022 de dous centros designados polo Ministerio de Sanidade para a administración de terapia CAR-T: o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) utilizaba estes medicamentos avanzados en pacientes adultos e o de Santiago en pacientes pediátricos.

Publicidade

Concretamente, o CHUAC xa fora designado como pertencente á rede de centros autorizados para o uso de medicamentos CAR-T para o tratamento de pacientes adultos con linfoma difuso de células grandes B recidivante ou refractario, linfoma recorrente ou refractario de células de manto e mieloma múltiple en recaída e refractario no Sistema Nacional de Saúde.

Pola súa parte, o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS) fora elixido como pertencente á rede de centros designados para o uso de medicamentos CAR-T para o tratamento de pacientes pediátricos con leucemia linfoblástica aguda de células B refractaria.

Publicidade

Un modelo máis eficiente

O plan de acceso a terapias avanzadas de Galicia ten como misión coordinar os diferentes actores do sistema de saúde para garantir a equidade no acceso, a eficiencia na administración e o seguimento da efectividade dos tratamentos. Este plan está aliñado coas políticas nacionais de saúde, e adaptado ás necesidades e capacidades específicas da comunidade.

Tendo en conta o aumento de novas indicacións destes medicamentos en patoloxías prevalentes en Galicia, así como a experiencia do CHUS e o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo no manexo das terapias CAR-T, considerouse necesario traballar na ampliación do modelo organizativo da administración destas terapias avanzadas para poder dar resposta ás necesidades asistenciais reais dos pacientes galegos.

Segundo informan dende a Consellería de Sanidade, a inclusión de novos centros en Galicia garante a oportunidade de que todos os pacientes que sexan clinicamente candidatos a estas terapias poidan ser tratados na súa comunidade autónoma de orixe, sen que a distancia xeográfica sexa un problema para eles nin para as súas familias ou coidadores.  

Un total de 136 pacientes tratados

En Galicia xa se trataron 136 pacientes con estas terapias, que supuxeron un investimento de 19 millóns de euros, tendo en conta que o pago destas terapias faise en función dos resultados obtidos no paciente. Cabe destacar que os tres centros galegos actualmente designados para a utilización destes medicamentos participan tamén en ensaios clínicos con CAR-T, tanto industriais como académicos.

O CHUS participou no ensaio clínico do CAR-T académico ARI0002h, na indicación de mieloma múltiple en recaída/refractario, desenvolvido e promovido polo Hospital Clínic de Barcelona. Esta colaboración permitiu a inclusión do centro galego na autorización de uso do dito medicamento unha vez finalizado o ensaio clínico, no programa de uso compasivo, dando lugar así á administración do primeiro CAR-T para mieloma múltiple en territorio galego e evitando o desprazamento deses pacientes a outras comunidades autónomas.

Nestes momentos está en proceso de solicitude da autorización de uso para a indicación de mieloma múltiple autorizada pola Axencia Española do Medicamento e Produtos Sanitarios, o que podería permitir a fabricación do medicamento académico no Centro de produción de terapias avanzadas de Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Do cambio climático aos patóxenos: as claves do acusado declive da zamburiña en Galicia

Un grupo do IIM-CSIC inicia unha investigación no único banco natural explotable en Galicia que apunta unha combinación de múltiples factores

▪️ Galicia rexistrou a primavera máis seca dende 1990

O último informe de Meteogalicia indica que nos meses de marzo, abril e maio houbo un 46% menos de precipitacións do habitual para o período

Cinco motivos polos que a Unesco tumba a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade

Un informe do Icomos sinala deficiencias na representatividade, na metodoloxía, no descenso demográfico e nos efectos das infraestruturas sobre o valor da paisaxe

A riqueza baixo os carballos: un estudo pioneiro con participación da USC revela a súa diversidade fúnxica

A investigación identifica 297 especies asociadas ás raíces destas árbores no norte peninsular e confirma a existencia de extensas redes biolóxicas