Domingo 15 Xuño 2025

Bosque de Conxo: o tesouro natural de Compostela ameazado polo cemento

Testemuña de acontecementos históricos, a ribeira do Sar no sur santiagués conservouse como unha fraga auténtica grazas a máis de cen anos de esquecemento

Nunha cidade como Santiago, non é doado atopar un lugar que non devolva unha resposta sobre a súa historia. Que non conte algo da igrexa, da súa burguesía, dos gremios de traballadores, da universidade ou dos seus labregos. Durante un século, un punto que fala de todas esas caras que compoñen Compostela ficou escondido, esquecido da memoria colectiva dos seus veciños. O bosque de Conxo, polo que chorou de carraxe Rosalía desde Bos Aires, permaneceu durante máis de cen anos fóra da cidade.

Física, pero sobre todo, mentalmente. Un abandono que contribuíu a que chegase aos nosos días coma unha mostra dun auténtico bosque de ribeira autóctono. Hoxe, sete anos despois de ser recuperado para a veciñanza da capital galega; os carballos, plátanos e fentos que acompañan o curso do río Sar á altura do que, non hai moito, foi un concello independente, conviven ca maquinaria pesada que levanta unha senda ciclista que rexeitan veciños e colectivos ecoloxistas que cualifican a actuación de “atentado medioambiental”.

Publicidade

“O bosque de Conxo é unha mestura do que é unha típica fraga de ribeira e unha especie de xardín inglés, pero moi asilvestrado, que pertenceu ao mosteiro de Santa María de Conxo. Está todo fusionado, non se sabe moi ben onde empeza un e remata o outro”, sinala o botánico Martín Souto, experto do patrimonio natural de Santiago de Compostela que na actualidade traballa nos Azores como investigador da universidade do arquipélago luso.

Desde alí subliña o carácter único do bosque situado ao sur da capital galega, no barrio de Conxo, que recorda este mes de maio o centenario da súa adhesión a Santiago. O espazo recuperouse para uso de veciñanza en 2018 logo de máis dun século de abandono e esquecemento. Unha desmemoria que fixo que sobrevivise ao proceso de desaparición das fragas galegas, acantoadas contra as beiras dos ríos no proceso de substitución da flora autóctona por especies de maior rendemento económico a curto prazo, como o eucalipto.

Publicidade

Marcado pola historia

O de Conxo, aínda que mirrado, salvouse. Alí podemos atopar carballos centenarios, plátanos de sombra de gran tamaño e a flora típica das fragas, como freixos, ameneiros, salgueiros, bidueiros ou fentos variados. Todo isto aos pés do río Sar, formando o que se coñece como bosque de galería, é dicir, un túnel vexetal no que as árbores fan de bóveda.

Carballo de Conxo, Árbore do Ano en 2022

Hoxe, a poucos días dunha nova celebración da festa que rememora o Banquete de Conxo, o bosque está en obras. Por un lado, o curso do río está acoutado por estacas con cintas de sinalización, que delimitan ducias de parcelas e camiños enlamados polas rodeiras que deixaron as máquinas nestes días chuviosos de primavera. Río arriba, o cemento da senda ciclista que ten en pé de guerra a veciños e colectivos ecoloxistas está xa ás portas de Suarribas, fronteira do barrio e entrada ao bosque nacido a carón dun mosteiro milenario e que viu un dos actos máis revolucionarios da primeira metade do século XIX.

En 1856, con motivo do décimo aniversario dos Mártires de Carral e nun contexto axitado no político e no social logo de anos duros no económico, a intelectualidade de Santiago convidou a un xantar á clase obreira. Encabezados por Aurelio Aguirre e Eduardo Pondal, os estudantes da universidade serviron o xantar aos obreiros. Un acto subversivo a ollos da conservadora sociedade santiaguesa, controlada pola curia e a burguesía. Os brindes lanzados por Aguirre e Pondal valéronlles a apertura dun xuízo que estivo cerca de envialos deportados ás illas Marianas. Pero o simbolismo do acto callou, sendo unha das chamas que prendeu o Rexurdimento.

De convento a Rosalía, pasando polo tren

A construción da senda ciclista promovida pola Xunta para conectar a sede do Goberno galego en San Caetano co Milladoiro ao longo de 11 quilómetros, unha actuación cun orzamento de 12 millóns de euros financiados con fondos europeos, non é a primeira infraestrutura que ameaza o bosque de Conxo. Primeiro fíxoo a vía do tren, a primeira de toda Galicia, que uniu en 1873 a estación de Cornes (tamén no antigo concello de Conxo) con Carril.

Mosaico que recorda o Banquete de Conxo

A vía férrea segou parte do territorio que, orixinalmente, ocupaba un bosque de 25 hectáreas que pertencía ao mosteiro de Santa María de Conxo, onde os monxes tiñan cultivos e practicaban a xardinería. A chegada do ferrocarril fixo que quedase encaixado contra os muros do complexo reconvertido en psiquiátrico en 1885, 50 anos despois de que o mosteiro fose exclaustrado dentro das desamortizacións de Mendizábal.

Antes, a posta en marcha do manicomio por parte da Igrexa coincidiu cunha tala indiscriminada para leña de 500 robles, castiñeiros ou pinos por parte de tres frades mercedarios que ocuparan, sen permiso, parte do mosteiro cando este xa non funcionaba. Desde Bos Aires, Rosalía de Castro, nada tamén en territorio do antigo concello de Conxo, escribiu desde a rabia o poema Los Robles para denunciar o acontecido, no que se considera un pronunciamento ecoloxista pioneiro.

A tala masiva minguou o bosque. E a vía férrea acantoouno contra os vellos muros do mosteiro. Un feito que, para o botánico Martín Souto, axudou a que se conservase ata os nosos días porque a zona quedou practicamente inaccesible entre a década de 1860 e a construción, 120 anos despois, do Hospital Provincial, que ocupou 3,5 hectáreas do bosque.

“Hoxe non está moi claro onde empeza o xardín feito polos frades e onde empezan os camiños de Banquete de Conxo”, sinala Souto, que apunta que os membros do convento realizaban prácticas botánicas e levantaron un belvedere que foi recuperado en 2018, cando se rehabilitaron os marxes do río Sar para crear unha senda fluvial de varios quilómetros de lonxitude.

Obras ás portas do bosque

2025, ano de obras

Sete anos despois, a senda do río Sar é un dos espazos mellor valorados polos composteláns. E tamén foco de polémica pola construción dese camiño ciclista de cemento que conectará o norte da cidade ca veciña localidade do Milladoiro. A obra coincide no tempo cun proxecto de recuperación do hábitat fluvial que, do mesmo xeito que a senda, tamén está financiado por fondos europeos. Un dos obxectivos é retirar dos marxes do Sar as especies invasoras como a tradescantia, ao que se sumaron decenas de voluntarios en distintas campañas feitas nos últimos meses.

Tamén reuniron ducias de persoas as protestas contra a obra da Xunta, actuación que se atopa xudicializada. A Fiscalía europea e os xulgados de Santiago abriron dilixencias para investigar posibles delitos cometidos pola Xunta. Luciano Villar, da asociación de veciños Conxo Aberto, entende que a apertura dunha investigación debería traer aparellada a paralización cautelar dos traballos que, segundo denuncian, están xa “ás portas” da zona coñecida como o “bosque do Banquete”. O Goberno galego decidiu a finais de 2024 modificar o trazado da ruta para evitar ese punto, pero a solución non contenta nin a veciños nin ao propio Concello de Santiago, que avogou por desviar a senda cara ao interior do barrio.

“Disimuladamente van poñendo estacas da senda, que vai seguir polo mesmo sitio. Non vai pasar xusto polo Banquete, pero a desfeita vai ser igual no ecosistema de ribeira. Van levantar muros de contención para baixar desde a antiga vía de ferrocarril ata o río e vai quedar o bosque totalmente desfeito. É unha urbanización dura do ecosistema do río Sar. Vaise pavimentar, iluminar, facer canalizacións e drenaxes… Unha auténtica barbaridade”, resume Villar.

Mentres as obras avanzan, Conxo recordará este mes de maio os tempos nos que foi un punto eclesiástico de relevancia, un concello independente, o berce do Rexurdimento ou o punto de partida da primeira viaxe en tren por territorio galego. Un barrio integrado engulido pola expansión urbana de Santiago que agocha un tesouro que sobreviviu a moitos ataques da man do home. Unha resistencia, en boa medida, porque houbo un tempo no que a cidade mirou a outro lado.

Saúl Iglesias
Saúl Iglesias
Licenciado en Xornalismo pola Universidade de Santiago. Despois dunha década facendo de todo un pouco na redacción galega da axencia Europa Press, explorando agora novos camiños desde 2025 en GCiencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O vídeo da catedral de Santiago que plasma a restauración do mecanismo do botafumeiro

O traballo devolveu aos elementos danados a súa aparencia orixinal e introduciu algún novo para asegurar a súa resistencia

Visitas a centros de referencia e máis de 60 relatores: o evento que impulsa o investimento en ciencia

O evento celebrarase en Santiago os días 19 e 20 de febreiro e brindará a oportunidade de coñecer casos de éxito e tendencias de investigación

Santiago acolle en febreiro un evento sobre as tendencias de investigación en IA e saúde

O encontro celebrarase os días 19 e 20 de febreiro e conten un programa cheo de actividades para profesionais do sector

Científicas galegas crean un modelo de IA que diagnostica con alta precisión a periodontite

Unha investigación da USC avanza cara á detección de doenzas dentais con métodos menos invasivos para mellorar a calidade de vida dos pacientes