Máis de dous séculos de historia. Case 30 metros de altura. E un tronco que case alcanza os catro metros de perímetro. É imposible abrazalo. Pero si somos capaces de admiralo co seu aspecto impoñente e robusto, característico dos carballos (Quecus robur L.) centenarios. Só hai que desprazarse ata o bosque de Conxo, en Santiago de Compostela. Dar un paseo e deternos a alzar a vista e observar con coidado a Árbore do Ano en España 2022. Agora, o carballo de Conxo podería conseguir outro título: o de Árbore do Ano en Europa 2022. A votación, que remata o 28 de febreiro, está máis candente ca nunca. A árbore galega vai en segunda posición, con máis de 75.000 votos. Pero outro carballo, neste caso polaco, lévalle a dianteira con máis de 90.000.
Os ollos da historia
A árbore de Conxo non só é impoñente. Tamén ten un forte significado simbólico. É testemuña viva dun importante capítulo da nosa historia: o Banquete de Conxo. Un acto celebrado o 2 de marzo de 1856 nas inmediacións do carballo. Foi organizado por un grupo de estudantes universitarios que, naquela época, pertencían ás clases altas da sociedade. Invitaron a obreiros e artesáns de diferentes oficios. E foron os mozos, nun intento revolucionario de defender os valores democráticos, os que serviron a comida aos obreiros. Un acto no que expresaron a importancia da igualdade e da liberdade, deixando de lado os valores do Antigo Réxime e abrazando a democracia.
O Banquete de Conxo, unha revolución “poética” en pleno século XIX
A mediados do século XIX, Galicia atravesaba graves crises económicas. As súas reivindicacións políticas eran claras e, de feito, a celebración do Banquete coincidía co décimo aniversario dos Mártires de Carral. Un dos momentos que máis se recorda, malia o paso do tempo, foron os brindes pronunciados por Aurelio Aguirre, Eduardo Pondal e Luis Rodríguez Seoane. E aínda que non houbo incidentes violentos, os dous primeiros foron procesados polos seus brindes. É máis, no vídeo promocional do carballo de Conxo, faise fincapé en que a policía rodeou o banquete, temendo que o evento derivase nunha revolta popular.
As talas indiscriminadas
Malia que o bosque de Conxo xa se convertera nun símbolo, as talas indiscriminadas e os incendios que se sucederon ao longo do tempo foron minguando espazos coma este. Segundo recollen na páxina Árbol del Año, dedicada ao concurso nacional, o bosque de Conxo chegou a albergar ata 1.000 carballos. Con todo, os sucesos que foron maltratando este tipo de espazos provocaron que, a día de hoxe, non queden máis duns 40. E un deles, como non podía ser doutra maneira, é o xa lendario carballo de Conxo.
O bosque de Conxo chegou a albergar ata 1.000 carballos
De feito, a tala incontrolada que sufriu o bosque de Compostela serviu de inspiración para unha das grandes insignias das nosas letras. Rosalía de Castro escribiu o poema Los robles, incluído En las orillas del Sar (1884), xustamente para denunciar as talas destes espazos. É máis, os seus versos non son máis ca proclamas en defensa da natureza e do medioambiente, así como do coidado dos nosos espazos máis verdes. E poderíase dicir que Rosalía de Castro tamén foi unha pioneira nisto: en lanzar unha das primeiras reivindicacións ecoloxistas da nosa historia.
Máis dun século de inaccesibilidade
Outra das datas relevantes é o ano 1885. A finca onde está situado o carballo de Conxo, que ten máis de 20 hectáreas, destinouse como espazo para os internos do que, naquel momento, se coñecía como Manicomio de Conxo. Polo tanto, a que agora opta a árbore europea non só sobreviviu á tala, senón que estivo escondida durante anos entre os muros dun hospital psiquiátrico. É dicir, mantívose inaccesible ao público durante máis de 130 anos. Pero todos os muros caen, e o de Conxo non ía ser menos. Na primavera de 2018, o público volveu ter acceso a esta parcela do bosque.
En 1885, a árbore quedou dentro no perímetro do hospital psiquiátrico
Coa recuperación deste espazo, tamén volveron os costumes. En 2018 e 2019 volvéronse celebrar as romarías e as comidas de confraternidade que devolven a vida a este espazo natural. Unhas celebracións que se converteron en multitudinarias ata a chegada da pandemia. E as que nos permitiron, de novo, volver ver a “O Avó”, como se denomina popularmente ao carballo de Conxo. Unha árbore que, ademais, está situada aos pés do Camiño Portugués, a tan só uns centos de metros do Mosteiro de Conxo e que, sen dúbida, non deixa de ser un carballo, símbolo da indiscutible de Galicia.
Como votamos?
A árbore xa non só foi recoñecida en España. Tamén está a piques de selo en Europa. Agora mesmo sitúase no segundo posto, aínda a certa distancia da primeira posición. O sistema de votación é sinxelo. Tan só hai que entrar na web, seleccionar o carballo de Conxo e outra árbore, introducir un correo electrónico e validar o voto no propio enderezo persoal. E non só iso, senón que por cada un dos votos que reciban as árbores, plantarase outra autóctona. Un motivo a maiores para decidirse a facelo.
O concurso Árbore Europea do Ano, que naceu en 2011, ten como obxectivo protexer o patrimonio natural e cultural. E aquí, máis alá da beleza da contorna, tamén importa o significado simbólico e a unión que teñen estes espazos coa súa comunidade. É indiscutible que estes dous últimos requisitos os cumpre o carballo de Conxo. E xa hai figuras como o actor Luis Zahera, que vén de protagonizar un vídeo promocional da candidatura, ou o escritor Manuel Rivas, tamén participante, que eloxian publicamente a árbore e animan o público a participar. De feito, o propio Rivas asegurou que o carballo de Conxo “veu xermolar as ideas da mellor Europa na que vivimos”. E deixa claro que nas nosas mans queda que esta árbore se converta, de novo, en luz.