Investigadores da USC deseñan unha tecnoloxía para mellorar o aire en espazos pechados

O proxecto reduce a capacidade de transmisión de patóxenos e contaminantes aéreos e pode ser aplicada en edificios existentes ou en construción

Co obxectivo de garantir unha calidade do aire óptima en espazos pechados. Así nace VentilatioLab, unha spin-off da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que reduce a capacidade de transmisión de patóxenos e contaminantes aéreos, polo que minimiza o impacto, non só da covid, senón tamén doutros virus de transmisión similar.

Esta nova empresa, froito do traballo dun equipo de investigadores da Facultade de Física da USC, está impulsada por Alberto Pérez Muñuzuri, Alberto Otero Cacho e Jorge Mira Pérez, aos que se unen o tamén físico Pablo Criado Boado e, como director, o economista Ramón Tubío Villanueva.

Publicidade

O equipo investigador desenvolve unha tecnoloxía propia que estabelece cal debe ser a localización e número dos ocupantes de cada espazo para mellorar a salubridade do aire, partindo da súa experiencia en física de fluídos e estudando o seu comportamento nunha gran diversidade de contextos. “A chave é a identificación de dominios de fluxos de aire illados dentro do propio espazo, de forma que os aerosois (nanogotas) exhalados polos ocupantes nun dominio non alcancen a outros e, por tanto, non sexan inspirados polos demais ocupantes do espazo”, explican os promotores desta iniciativa.

Distintas fases

Alén da súa funcionalidade nos edificios xa existentes, as predicións que elabora VentilatioLab poden ser explotadas dende a fase de deseño arquitectónico e enxeñería de ventilación, para así garantir que os espazos públicos de nova creación posúan uns fluxos de correntes óptimos dende o punto de vista da saúde. “Optimizamos a ocupación e capacidade dun espazo, garantindo a calidade do aire e mantendo separadas as burbullas”, afirman os responsables da nova firma.

Publicidade

No caso de ser necesario, a empresa tamén valora a necesidade de inclusión doutras entradas de aire forzadas que permitan a creación de compartimentos illados mediante correntes de aire que eviten o intercambio de nanogotas entre os diferentes grupos de ocupación. Esta tecnoloxía xa foi validada con éxito en contornas de hostalaría e educación a comezos de 2021 a través dunha aplicación en liña para optimizar o tempo de ventilación en función das características dos espazos.

Laura Veiga
Laura Veiga
Xornalista pola Universidade de Santiago de Compostela, especializada en cultura científica pola Universidade de Oviedo e sexóloga pola Universidade Camilo José Cela. Combina a comunicación e a divulgación en medios como GCiencia e Nós Diario coa educación sexual e menstrual, que desenvolve a través do seu proxecto Pingando en redes sociais e en obradoiros para centros educativos e asociacións.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego abre a porta a detectar a periodontite mediante unha mostra de saliva e IA

A investigación, liderada pola USC e o IDIS, indica que o mellor modelo do experimento acada unha sensibilidade superior ao 92%

Das visitas a Santiago ás colaboracións científicas: estes son os vínculos do Nobel de Física con Galicia

O galardoado Francis Halzen é o presidente do Comité Asesor do IGFAE e colaborou cos científicos Enrique Zas, Jaime Álvarez ou Ricardo Vázquez

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Un científico do CiQUS obtén unha prestixiosa axuda para impulsar un novo enfoque de deseño molecular

Luis M. Mateo é beneficiario dunha Branco Weiss Fellowship, unha das bolsas con máis recoñecemento internacional destinada a investigadores mozos