Xunta e USC desenvolven unha ‘app’ para optimizar a ventilación nas aulas

Os centros poderán introducir os datos das súas aulas para recibir recomendacións adaptadas e garantir o benestar térmico

Nos días nos que se están a acadar temperaturas moi baixas en boa parte de Galicia, compatibilizar a ventilación nas aulas para previr as infeccións polo coronavirus co benestar do alumnado e o profesorado é un asunto a ter en conta. Xusto antes da volta ás aulas deste venres, a Consellería de Educación da Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela presentaron unha aplicación online, froito dun traballo de investigación, que se pon a disposición dos centros escolares para mellorar o ‘confort’ térmico nas aulas.

A aplicación está desenvolvida por un equipo da Facultade de Física da USC, en colaboración coa Xunta, e pode accederse a el desenvolveu o espazo web ventilacion.usc.es. A finalidade desta ferramenta será a de seguir mellorando o benestar nos centros a través de pautas de ventilación adecuadas que optimizan o tempo necesario de renovación do aire.

Publicidade

Esta aplicación analiza as características dos centros escolares, tendo en conta a súa contorna e localización e as condicións climatolóxicas facilitadas por Meteogalicia. Desa maneira, mellorarase o confort térmico nas aulas durante os meses de inverno. Para iso, o equipo investigador establece estratexias de ventilación baseadas nas instrucións aprobadas o pasado mes de outubro polo Comité Educativo co aval do Comité Clínico. Estas indicacións, en liña coas existentes no resto de España, sinalan a ventilación periódica como un elemento imprescindible na prevención fronte á Covid-19.

O sistema estará dispoñible desde o inicio deste trimestre e ata finais de curso. A través do enderezo ventilacion.usc.es, calquera centro poderá dar de alta os seus datos cando o precise (só é necesario facelo unha vez) e, ao día seguinte, poderá empezar a descargar recomendacións de ventilación personalizadas.

Publicidade

Cada centro poderá introducir os seus datos na ‘app’, e recibirá recomendacións sobre a optimización da ventilación

A primeira vez que se acceda ao sistema, deberán achegarse os datos básicos das aulas para as que desexan obter recomendacións específicas (tipoloxía dentro dun menú despregable, localización, orientación xeográfica, superficie total e de ventilación, altura ou media de alumnado, entre outros datos). A partir desa información, e cruzada coa predición meteorolóxica, obterán un resumo de datos así como pautas de ventilación.

Esta información permite adaptarse aos diferentes usos das aulas e mesmo a centros con horarios diferentes. Así mesmo, pode xerarse un informe en formato pdf para distribuílo entre o claustro de profesores ou nas diferentes aulas.

Partindo da obriga de abrir 15 minutos antes do inicio das clases, 5 minutos entre clases, durante a totalidade do recreo e 15 minutos ao final das clases, do modelo desenvolto por estes expertos da USC derívanse dúas estratexias posibles: unha ventilación a media clase (2 a 5 minutos cada 20 minutos aproximadamente) ou dúas ventilacións durante a clase (2 a 5 minutos cada 15 minutos aproximadamente). Isto permite optimizar os tempos de apertura ante situacións climatolóxicas desfavorables.

Os detalles da aplicación presentáronas este luns o vicerreitor de Investigación e Innovación Vicente Pérez Muñuzuri, e o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, xunto co catedrático Jorge Mira, e con Alberto Pérez Muñuzuri, profesor da Facultade de Física da USC que desenvolve este proxecto. Por parte de Meteogalicia, estivo presente Mari Luz Macho, subdirectora xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego abre a porta a detectar a periodontite mediante unha mostra de saliva e IA

A investigación, liderada pola USC e o IDIS, indica que o mellor modelo do experimento acada unha sensibilidade superior ao 92%

Das visitas a Santiago ás colaboracións científicas: estes son os vínculos do Nobel de Física con Galicia

O galardoado Francis Halzen é o presidente do Comité Asesor do IGFAE e colaborou cos científicos Enrique Zas, Jaime Álvarez ou Ricardo Vázquez

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Un científico do CiQUS obtén unha prestixiosa axuda para impulsar un novo enfoque de deseño molecular

Luis M. Mateo é beneficiario dunha Branco Weiss Fellowship, unha das bolsas con máis recoñecemento internacional destinada a investigadores mozos