Xoves 28 Marzo 2024

Os materiais fabricados por humanos xa pesan tanto como toda a biomasa

* Un artigo de

As nosas limitacións sempre determinaron as nosas vidas. Tamén as dos nosos devanceiros máis remotos, na última idade de xeo. Como non tiñamos nin a forza nin a velocidade precisas para cazar grandes presas, nin tampouco dentes afiados ou gadoupas para desgarrar a carne, fabricamos xavelinas, coitelos de sílex e rascadores. Tampouco tiñamos peles grosas para protexernos do frío, pero tomámolas doutros animais. A medida que o xeo se foi retirando, dispuxemos de mellores medios para aumentar a nosa supervivencia e benestar, con casas de pedra, arados e vehículos con rodas. Todos estes avances permitiron a existencia de pequenos oasis de civilización no medio dunha natureza salvaxe que parecía non ter fin.

Publicidade

A idea de que a grandeza do mundo natural fai máis pequena á Humanidade e os seus avances foi sempre moi persistente. De feito, alcanza a nosa época, cando se traduciu na preocupación sobre o feito de que a acción humana está a provocar fenómenos como o cambio climático ou a extinción de especies. Como puido producirse algo así, se nós somos tan pequenos e a natureza tan grande?

Un novo estudo publicado na revista Nature por un equipo de investigadores do Instituto Weizman de Israel dálle un envorco a esta visión. O conxunto do construído polo home (e é algo que se cumpriu precisamente no fatídico 2020) posúe xa a mesma masa que todos os organismos vivos do planeta. O empuxe do home non deixa de incrementarse, mentres que o da natureza segue minguando. O escenario de ciencia ficción dun planeta sometido á enxeñería xa está aquí.

Parece un cálculo simple, aínda que na práctica é moi, moi complexo. Pero este equipo ten experiencia na tarefa de enfrontarse a retos imposibles. Fai un par de anos adestráronse completando a primeira parte do cálculo, a masa de todos os organismos vivos do planeta, incluíndo a dos peixes do mar, a dos microbios do subsolo, a das árbores da terra, a dos paxaros do ceo e moito máis. Neste momento a biosfera do noso planeta ten un peso de algo menos de 1,2 billóns de toneladas (falamos de masa seca, sen contar a auga), e dela o que máis pesa son as árbores. De feito, antes de que o ser humano iniciase a deforestación do planeta, o peso das árbores era aproximadamente o dobre (e neste momento segue reducíndose).

O Avó de Chavin, no Souto da Retorta, unha das árbores incluídas no Catálogo galego de árbores senlleiras. Imaxe: Rodrigo Rega / Wikicommons.
O Avó de Chavin, no Souto da Retorta, unha das árbores incluídas no Catálogo galego de árbores senlleiras. Imaxe: Rodrigo Rega / Wikicommons.

Nesta ocasión, os investigadores debullaron as estatísticas de produción industrial e de fluxos de masa de todo tipo para determinar o crecemento desde principios do século XX do que eles denominan “masa antropoxénica”.

Esta componse de todas as cousas que construímos (casas, coches, estradas, avións e unha inmensa variedade doutros obxectos). E aquí o patrón que determinaron foi notablemente distinto. A cousas que construímos alcanzaron unha masa total de ao redor de 35 000 millóns de toneladas no ano 1900, e dita masa practicamente duplicouse a mediados do século XX.

Posteriormente, a onda de prosperidade que se produciu tras a Segunda Guerra Mundial, a denominada “Gran aceleración”, fixo que esa cantidade se multiplicase varias veces ata alcanzar o medio billón de toneladas a finais de século.

Nos últimos 20 anos dita cantidade volveu duplicarse, o que fixo que este ano o volume de masa sexa equivalente ao dos organismos vivos. E nos próximos anos este será amplamente superado (en 2040 triplicarase) se as actuais tendencias se manteñen.

A ponte de Rande, na ría de Vigo. O formigón supón unha boa parte do peso dos materiais construídos polos humanos no planeta.
A ponte de Rande, na ría de Vigo. O formigón supón unha boa parte do peso dos materiais construídos polos humanos no planeta.

Pero que é o que construímos exactamente? Falamos dunha variedade de obxectos extraordinaria e crecente. O número de “tecnoespecies” neste momento supera amplamente o número de especies biolóxicas, que se estiman en nove millóns. O seu número exacto, de feito, excede as extraordinarias capacidades de cálculo deste equipo científico. Pero todos estes obxectos poden descompoñerse nos materiais que os forman, e deles o formigón e os conglomerados levan a parte principal (unhas 4/5 partes). Logo virían os ladrillos, o asfalto e os metais. Nesta escala, os plásticos serían un compoñente minoritario (e, con todo, a súa masa conxunta é neste momento maior que a da suma de todos os animais do planeta).

Trátase dun estudo revelador, moi meticuloso e incriblemente claro no referente ás medidas que inclúe e exclúe. Non inclúe, por exemplo, as rochas e as masas de terra desprazadas con maquinaria para construír edificios, nin tampouco todos os entullos rochosos xerados na actividade mineira. Estímase que estas actividades xeran anualmente ao redor de 33 000 millóns de toneladas destes materiais. A iso hai que engadirlle as masas de terra que xeramos, en ocasións de forma inxustificada, ao arar as terras de cultivo ou permitir que estes materiais sedimenten nas presas. Ademais, os seres humanos usamos de forma prolongada e logo refugamos 30 billóns de toneladas de diversos recursos do planeta.

Dá igual como se interpreten os datos, xa que a tese final que sosteñen os investigadores deste estudo revolucionario pon o dedo na chaga e vai en concordancia con outras análises recentes que tamén tivemos en conta. Desde mediados do século XX, a Terra entrou nunha nova era determinada pola actividade humana; unha era na que xa non rexen as condicións estables do Holoceno, senón que vén cargada de incertezas e na que as condicións cambian rapidamente: o Antropoceno. Neste sentido, o peso da evidencia científica parece indiscutible.


* Jan Zalasiewicz e Mark Williams son profesores de Paleobioloxía na Universidade de Leicester.

Cláusula de divulgación: os autores non reciben salario, nin exercen labores de consultoría, nin posúen accións, nin reciben financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declaran carecer de vínculos relevantes alén do cargo académico citado.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os ’pellets’ xa invaden zonas mariñas protexidas de Galicia

Unha simulación realizada pola organización internacional Oceana predí que os plásticos están presentes en todo o litoral da comunidade

Un equipo galego utiliza materiais que respiran CO2 para refrixerar e quentar fogares

O grupo da UDC busca substituír os actuais compoñentes de calefacción, daniños para o medioambiente, por outros máis sostibles e eficientes

Un equipo galego usará IA para detectar contaminantes nas augas termais

Investigadores da UVigo lideran o proxecto Aquapred que predicirá a posibilidade de aparición de bacterias como a lexionela e a E. coli

O petróleo e os seus residuos inducen a metamorfose en invertebrados mariños

Un estudo internacional apunta que estas substancias poden alterar o ciclo e os procesos naturais destes animais