Galicia achégase ás 15.000 vacinacións contra a Covid-19

Á espera de novas doses, priorizarase a inmunización de 40.000 persoas en centros sociosanitarios (usuarios e traballadores) e o Sergas

Vanse cumprir 10 días desde que Nieves Cabo e José Antonio Arcay, unha usuaria e un traballador da residencia Porta do Camiño de Santiago, se converteron o 27 de decembro nas primeiras persoas en Galicia en recibir a primeira das dúas doses da vacina contra a Covid-19 desenvolvida por Pfizer e BioNTech, a primeira aprobada na Unión Europea. Desde entón, máis de 12.000 persoas recibiron, segundo apunta a Consellería, esta primeira inxección, que terá que completarse cunha segunda ao cabo dunhas semanas para garantir a inmunidade fronte aos efectos graves da infección causada polo coronavirus SARS-CoV-2. O procedemento para inmunizar á poboación nos vindeiros meses está suxeito, con todo, á dispoñibilidade de doses, a unha loxística axeitada e a estratexia que decidan tomar cada unha das Administracións sobre as vacinacións.

Como están as vacinacións?

Segundo os datos achegados polo Ministerio de Sanidad na tarde do luns 4 de xaneiro, as comunidades autónomas recibiran 718.575 doses da vacina (boa parte delas nunha nova remesa enviada o mesmo luns), das que xa se administraron 82.834. Estes datos están, porén, suxeitos a un importante grao de incerteza, xa que os datos dalgunhas comunidades, como por exemplo Baleares, La Rioja ou Cantabria, non se actualizaron desde final de ano.

Publicidade

No caso de Galicia, recçollense os datos do sábado 2 de xaneiro, cando xa se administraran, en seis días, 9.124 doses. No mediodía do domingo, a consellería de Sanidade avanzaba que xa se acadaran as 9.500, e que ao longo do luns se chegaría xa aos 12.200. Deste xeito, ao manter a administración nestes días, estase xa na contorna das 15.000 doses, o que supón que arredor do 0,5% da poboación galega recibiu esta inxección.

A previsión da Xunta é que a finais de xaneiro se administre a primeira dose ás 40.000 persoas que se priorizarán na estratexia de inmunización, tendo en conta o especial risco de brotes nos centros sociosanitarios.

Publicidade

Factores a ter en conta

A estratexia de vacinacións é común para todos os territorios estatais en España, segundo o acordo do Consello Interterritorial. Porén, cada comunidade, no marco das súas competencias, pode optar por reservar unha certa cantidade das doses que reciba para evitar posibles problemas de desabastecemento e cumprir co período marcado entre cada inxección. Mais aquí tamén xoga un importante papel a organización das campañas; e tal e como se advertiu nos últimos días nalgunhas rexións, está habendo algúns problemas de xestión para garantir o bo ritmo das inmunizacións.

En Galicia, por exemplo, un equipo de máis de 200 profesionais de enfermaría está encargado de coordinar a campaña, no que participan ademais 2.000 efectivos de atención primaria e preto de 40 de enfermaría preventiva e prevención de riscos laborais. Ademais, estívose e estase vacinando en días festivos e fins de semana (o que non se fai en todas as rexións). Deste xeito, tal e como recolle El País, na provincia de Ourense xa se puxeron máis vacinas ca en toda a comunidade de Madrid.

Nos últimos días, ante os problemas que xurdiron nalgunhas rexións de Europa, medrou o debate sobre como repartir a primeira remesa de inxeccións. No Reino Unido, Alemaña ou Dinamarca, por exemplo, abordouse a opción de retrasar ata seis semanas a distancia entre dose e dose. Pero as compañías que desenvolveron a vacina advertiron que non hai datos que apoien que a efectividade da vacina se manteña ao mesmo nivel no caso de espaciar as inxeccións, segundo informou Reuters.

Deste xeito, e de cumprir cos prazos recomendados, as arredor de 15.000 persoas que recibiron ata este martes a vacina en Galicia deberían ter a nova inxección, como moi tarde, antes do vindeiro día 26. Diante da posibilidade de que haxa unha ‘ruptura de stock‘, a Consellería de Sanidade avanzou que se ían reservar unha parte das vacinas xa recibidas para inmunizar dentro do prazo marcado polo fabricante ás persoas que xa recibiron a primeira dose.

A estratexia de vacinacións nesta primeira etapa está limitada, por tanto, polo subministro limitado das doses e as especiais condicións de almacenamento e conservación que require o antídoto de Pfizer e BioNTech, xa que debe manterse a moi baixas temperaturas.

Prazos da estratexia

Segundo o Ministerio de Sanidad, a primeira fase das vacinacións estenderase ata marzo deste ano, para o momento no que se agarda ter inmunizadas ás persoas residentes en centros de maiores, persoal sanitario en primeira liña e grandes dependentes non institucionalizados.

Coa aprobación de novas vacinas, como a de Moderna (que podería ser inminente na Unión Europea) ou a de Oxford-AstraZeneca, aumentará a capacidade de inmunización, polo que sería máis factible acadar unha porcentaxe importante da poboación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Xunta activa o protocolo de actuación ante a posible chegada de po africano

As autoridades sanitarias recomendan reducir a actividade física no exterior e extremar as precaucións entre a poboación vulnerable

Máis de 50.000 galegos participaron nun ensaio para avaliar a vacina contra o virus sincitial

Sanidade analizará os datos achegados durante a campaña Sincigal para medir a súa efectividade na redución de hospitaliacións

Os casos de mpox en Galicia aumentan ata as 12 infeccións

Os afectados son homes cunha idade de entre 35 e 65 anos, coa maioría dos contaxios na provincia da Coruña

As claves do novo gromo de mpox detectado en Galicia: “Todos nos podemos infectar”

O virus transmítese principalmente por contacto estreito entre peles ou mucosas, sobre todo de carácter sexual, e causa lesións na pel