O plan de vacinación en Galicia: prioridade para centros residenciais e persoal sanitario

A Xunta anuncia que as primeiras doses irán destinadas a 22.000 residentes, 17.000 traballadores destes centros e 3.000 sanitarios en primeira liña

A vacina que se comezará a administrar en Galicia será a de Pfizer-BioNTech, que require de dúas doses para acadar a inmunidade.
A vacina de Pfizer foi a primeira en chegar a Galicia.

A Xunta de Galicia avanzou este xoves, no día que a Comisión Europea anunciaba o adianto das campañas de vacinación na Unión entre os días 27 e 29 de decembro, o seu plan para a inmunización da poboación galega. Nunha comparecencia despois do Consello da Xunta, o vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, expuxo que as primeiras 80.000 doses que Galicia reciba da vacina de Pfizer-BioNTech, e que comezarán a chegar antes do final de ano, serán destinadas para os 22.000 residentes en centros sociosanitarios, unhas 17.000 persoas que traballan nestas residencias e outros 3.000 traballadores sanitarios “de primeira liña”. Cada un deles recibirá as dúas doses, separadas por un prazo de tempo de 21 días, que marca a inmunización desta vacina, a primeira que, con toda probabilidade, autorizará a Axencia Europea do Medicamento.

Por agora, a Xunta aínda non estableceu a data exacta de comezo da campaña, aínda que Rueda avanzou que “Galicia vai estar preparada para comezar coa vacinación de inmediato”, “sen perder un minuto”. Para levar a cabo estas primeiras semanas de inmunizaciónm contarase cun equipo con máis de 200 profesionais de enfermaría.

“Contamos con recibir as primeiras doses despois da aprobación por parte da Axencia Europea do Medicamento”, expuxo Rueda. A vacina de Pfizer e BioNTech está avalada por ensaios clínicos a gran escala realizados en seis países, nos que participaron arredor de 44.000 persoas, e que conta cunha eficacia estimada para previr a enfermidade dun 95%.

Nos vindeiros días, segundo apuntou o vicepresidente, a consellería de Sanidade ofrecerá máis detalles sobre o plan. Un dos aspectos clave é o da conservación da vacina, para o que son precisos refrixeradores que manteñan as doses por baixo dos -60ºC. Neste punto, Rueda asegurou que Galicia contará cun operativo loxístico para garantir as condicións adecuadas de almacenamento, transporte, temperatura, trazabilidade e seguridade das vacinas.

Do meso Xeito, desde a Dirección Xeral de Saúde Pública supervisarase todo o proceso, rexistrando os indicadores propios do programa de vacinación, así como desde a Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, analizando os indicadores de farmacovixilancia, como as posibles reaccións adversas.

Respecto ao grupo de profesionais sanitarios que levará a cabo este plan, subliñou que a adscrición será voluntaria. Os profesionais procederán do persoal de enfermaría con experiencia acreditada en vacinación que, ademais, recibirán unha formación específica para chegar a ser persoal experto na vacina contra a Covid-19.

Alén disto, a Xunta destaca que baixo a coordinación deste equipo estarán máis de 2.000 efectivos de enfermaría de atención primaria, que vacinarán da covid aos pacientes das súas cotas; e preto de 40 efectivos máis dos servizos de enfermaría preventiva e unidades de prevención de riscos laborais, que se encargarán da vacinación do persoal de centros hospitalarios.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.