Xoves 25 Abril 2024

Un científico do Cinbio acada 200.000 euros para combater o cancro colorrectal

A AECC financia o proxecto de João Fernandes Alves para estudar as células tumorais circulantes e perfeccionar o diagnóstico e tratamento desta doenza

O cancro causa, cada día, a morte de 300 persoas en España. Pero a investigación en tratamentos e prevención avanza constantemente e algúns tumores xa teñen unha taxa de supervivencia do 90%. Isto, segundo a Asociación Española contra o Cancro (AECC), demostra que a ciencia salva vidas, motivo polo que a entidade se ten convertido na entidade social e privada que máis fondos destina para a investigación en cancro.

Na convocatoria deste 2020, un dos proxectos seleccionados está impulsado polo investigador do Laboratorio de Filoxenómica da Universidade de Vigo e do Centro de Investigacións Biomédicas (Cinbio) João Miguel Fernandes Alves, que recibirá unha achega de 200.000 euros para estudar durante os próximos dous anos as características das células tumorais circulantes como ferramentas para a medicina de precisión no cancro colorrectal. Trátase dun proxecto que pon o foco na medicina personalizada tratando de revelar as características do cancro de cada paciente co fin de guiar, optimizar e xestionar estratexias terapéuticas específicas máis efectivas.

Publicidade

O investigador explica que neste proxecto se integran as estratexias de xenómica molecular e poboacional co obxectivo de identificar biomarcadores prognósticos e preditivos en cancro colorrectal empregando a biopsia líquida. Fronte ás biopsias tradicionais, que proporcionan información limitada sobre o panorama mutacional de cada tumor, a idea dos investigadores vigueses é colleitar subconxuntos de células circulantes tumorais (CTCs) que se atopan no sangue a través de biopsias líquidas. Deste xeito óptase por empregar extraccións de sangue “non invasivas” de pacientes oncolóxicos, co obxectivo de avaliar unha posible correlación entre a diversidade xenómica destas células e a progresión tumoral e a supervivencia en pacientes de cancro colorrectal.

No proxecto participa tamén o catedrático David Posada, como supervisor, e colaboran na recollida das mostras de pacientes o CHUO e Hospital Álvaro Cunqueiro, en concreto os doutores Joaquín Cubiella e Mercedes Salgado, no caso do hospital ourensán, e Paula González Villarroel, en Vigo.

Para facer pública a concesión desta axuda, o Concello de Vigo acolleu este mércores un acto no que participaron a presidenta provincial de Pontevedra da AECC, María del Carmen Abeledo; o alcalde de Vigo, Abel Caballero; João Miguel Fernandes Alves e Mónica Martínez, investigadora do CiMUS da USC, que recibiu unha axuda na convocatoria do pasado ano.

No acto, Carmen Abeledo, presidenta provincial de Pontevedra da AECC, remarcou a importancia de unir esforzos na loita contra o cancro, sinalando que “é unha enfermidade que nos afecta a todos, non só á persoa que recibe o diagnóstico, senón a todas as que están ao seu arredor”. De feito, na provincia de Pontevedra, segundo o Observatorio da AECC diagnosticáronse 6117 casos de cancro en 2019, sendo os tumores máis frecuentes e por orde de incidencia os de colon, próstata, mama e pulmón. “Só se o conxunto da sociedade se une poderemos facer fronte ao cancro. Grazas á investigación acadamos un índice de supervivencia dun 57% de media a cinco anos e nalgúns tumores frecuentes, como o de mama, acada o 90%. Non obstante, debemos seguir apostando pola investigación, é fundamental para conseguir un 70% de supervivencia no ano 2030”, remarcaba Abeledo.

Para Alves, esta axuda da AECC é moi importante “xa que creo que esta investigación poderá contribuír á identificación tanto de patróns ou eventos moleculares que sexan indicadores da agresividade dos tumores e que, á larga, serán moi útiles na clínica para a estratificación de pacientes e a medicina personalizada”, que permitirá guiar, optimizar e xestionar estratexias terapéuticas específicas máis efectivas.

O feito de que os tumores individuais amosen unha heteroxeneidade xenómica substancial, é dicir, que dentro do tumor haxa células con diferentes características xenéticas, “ten profundas implicacións nos métodos actuais de diagnose e tratamento do cancro”.  Non obstante, ata agora os estudos que exploran a importancia clínica das células circulantes tumorais (CTCs) tense centrado principalmente en contaxes celulares, cando os estudos recentes teñen demostrado que as CTCs conforman unha poboación de células xeneticamente distintas, de maneira que a incorporación desta información xenética podería aumentar o valor clínico das CTCs.  Así, dende a asociación seleccionaron este proxecto vigués porque o seu obxectivo é “avaliar a posible correlación de diversidade xenómica de CTCs coa progresión tumoral e a supervivencia en cancro colorrectal e isto aumentará significativamente o coñecemento sobre o uso de información derivada de CTCs para o manexo de pacientes e a medicina personalizada”.

A AECC financia as investigacións contra o cancro de Tubío e Martínez Costas


Podes consultar a noticia do DUVI nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

O festival CinVigo volve esta fin de semana á Porta do Sol con ciencia e diversión

A programación do CINBIO inclúe unha feira científica, obradoiros infantís, unha xincana, maxia e espectáculos

O CINBIO, seleccionado para crear os dispositivos que marcarán o futuro da enerxía solar

No marco do consorcio europeo ‘Adaptation’, a entidade elaborará partículas capaces de captar luz do Sol con capacidade de refrixeración

Os casos de cancro de próstata duplicaranse en 2040

Un informe publicado na revista 'The Lancet' estima que en menos de dúas décadas haberá 2,9 millóns de pacientes con este tumor