Galicia ten 200.000 hectáreas máis de frondosas que de eucaliptos

Os bosques de carballo, castiñeiro e bidueiro ocupan a meirande parte da superficie arborada, segundo o Inventario Forestal Continuo

Os resultados preliminares do Inventario Forestal Continuo de Galicia (IFCG) obtidos por un equipo da Universidade de Santiago (USC) e da Universidade de Vigo (UVigo) sinalan que na comunidade galega hai 428.960 hectáreas de coníferas (basicamente piñeiros), unhas 413.086 de eucaliptais e 634.847 de frondosas caducifolias, entre outras formacións específica. En total, hai case a 1,5 millóns de hectáreas arboradas, a metade da superficie do territorio galego. A formación específica maior é aquela que compoñen os bosques de carballo, castiñeiro e bidueiro, entre outras frondosas caducifolias.

As cifras déronse a coñecer este luns 1 na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC. A sesión serviu para profundar nos últimos avances do IFCG en canto ao deseño do inventario, á estimación de existencias, á consulta e actualización dos mapas de coberturas forestais e o resto de produtos cartográficos desenvolvidos no marco deste proxecto. Trátase dunha iniciativa singular que dá resposta á necesidade do sector forestal de dispoñer dun inventario específico para o monte galego. E, tamén, que estea adaptado á realidade do país fronte aos datos que derivan do Inventario Forestal Nacional.

Publicidade

Coñecer a situación dos recursos forestais

Os datos do inventario son froito do traballo dos grupos Proxectos e Planificación (PROePLA) e Unidade de Xestión Ambiental e Forestal Sostible (UXAFORES) da EPS de Enxeñaría do Campus Terra da USC, xunto con persoal da Escola de Enxeñaría Forestal da UVigo. O obxecto do IFCG é coñecer a situación dos recursos forestais de Galicia. Tamén, realizar o seguimento e avaliación do estado das masas arboradas e estimar a cantidade e calidade de ditos recursos, “para deste xeito crear un sistema de apoio ás decisións en materia de política forestal”, apuntaron integrantes do equipo durante a presentación. “A rede base do IFCG permitirá dispoñer dunha base de datos de medicións distribuídas por toda a xeografía galega que, ademais de empregarse para a obtención de estimacións das variables forestais de interese, estará dispoñible para calquera outro usuario que queira consultala ou utilizala”, explicaron.

Mapa anual e provisional

“O máis importante é entender e aproveitar o concepto de Inventario Forestal Continuo, onde se foxe dunha foto fixa e se presta moita atención ás tendencias e transicións entre coberturas. Para iso, facemos unha cartografía mensual de case 500 millóns de píxeles de toda Galicia. Compoñémola nun mapa anual provisional e consolidamos ao ano seguinte”, subliñaron.

Publicidade

“De feito, froito dos traballos que estamos a facer para obter o mapa do 2023 melloramos o algoritmo para que as clasificacións mensuais non se viran afectadas por períodos de alta nubosidade. Esta mellora foi aplicada retroactivamente sobre o mapa de cobertura de 2022, consolidando os seus resultados con lixeiras variacións. Ademais, unha vez dispoñible o acceso gratuíto á cartografía, implementamos un mecanismo polo cal o usuario pode advertir de erros na clasificación dalgunha das máis de 17 millóns de parcelas cartografadas. Así, o equipo de desenvolvemento pode revisar e mellorar a clasificación nos anos seguintes”, engadiron.

Entre as vantaxes do deseño de inventario elaborado polo equipo do Campus Terra destaca a potencialidade a futuro de xerar estimacións desagregadas —a nivel concello ou, incluso, parcela catastral— ou para formacións arbóreas pouco frecuentes. A optimización continua da mostraxe permitirá a incorporación de novas parcelas de medición ou o descarte dalgunha das existentes mantendo acoutada a incerteza das estimacións. Ademais, a resiliencia de todo o sistema proposto faino adaptable a futuras necesidades adicionais de información ou limitacións na dispoñibilidade de recursos para o IFCG.

Metodoloxía

O equipo investigador desenvolveu un deseño de inventario forestal propio para Galicia, adaptado á realidade dos bosques galegos, modulable e escalable. Este deseño inclúe unha rede base de puntos de mostraxe distribuídos sobre unha malla sistemática de 4×4 km cubrindo todo o territorio galego. Na contorna de cada un deses puntos realizaranse medicións en seis parcelas circulares de radio 15 metros. Na actualidade, os traballos de medición desta rede base están en execución. Cando estes traballos rematen, o equipo da USC empregará a base de datos recompilada para a xeración dos informes de estimacións de existencias e o resto de resultados e produtos derivados previstos no IFCG. Esta base de datos estará ademais a disposición pública para que calquera outro usuario poida consultala. “O deseño do IFCG supuxo un enorme reto técnico ao intentar dar resposta aos diversos requirimentos presentados”, explica o profesor do Campus de Lugo, César Pérez Cruzado

A enquisa como punto de partida

“Por unha banda, identificáronse as necesidades de información do sector forestal, mediante a realización dunha enquisa aos membros do Consello Forestal de Galicia, e os requirimentos marcados pola Administración no Plan Forestal de Galicia. Por outra, o deseño do IFCG debía adecuarse ás características das masas forestais de Galicia (moi dinámicas e fragmentadas), para superar os problemas detectados noutros sistemas de seguimento forestal existentes, e ser resiliente para adaptarse a necesidades futuras de información ou cambios na dispoñibilidade de recursos”, engade.

O equipo investigador da USC está a desenvolver a metodoloxía necesaria para a obtención de estimacións para distintas variables de interese das masas forestais de Galicia, como o volume total, a biomasa ou o carbono. A metodoloxía que se está a empregar baséase na construción de modelos que permiten predicir as variables forestais de interese a partir de produtos de teledetección e do mapa de coberturas forestais que está a xerar o equipo da UVigo participante no IFCG. “Ademais, para o axuste destes modelos preditivos é imprescindible dispoñer de datos de campo de calidade, cuxas medicións están neste momento en pleno proceso”, subliña a investigadora da EPS de Enxeñaría, Adela Martínez Calvo.

O eucalipto na franxa costeira 

Froito do traballo executado ata o de agora, disponse duns modelos provisionais para á área costeira de Galicia e para dous dos estratos arbóreos máis frecuentes nesta zona: eucaliptos e coníferas. Na franxa costeira galega, os resultados preliminares obtidos recollen que o volume total estimado para o estrato eucalipto sería de 29,6 millóns de m3. Para o estrato coníferas sería de 13,2 millóns de m3. En termos de volume medio por rodal, as estimacións provisionais para 2022 serían de 188 m3/ha para eucalipto e 173 m3/ha para coníferas. “Estes datos preséntanse a modo meramente ilustrativo. Está previsto actualizalos en canto se completen os traballos de campo e se dispoña de produtos de teledetección máis recentes e de novas versións dos mapas de coberturas forestais”, engadiu a investigadora do Campus Terra.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Científicas galegas patentan un herbicida 100% natural de eucalipto, xesta e mentraste

O produto está composto unicamente por material vexetal e serve de alternativa natural e sostible aos praguicidas sintéticos

Nace ‘Carballo’, o primeiro modelo lingüístico de intelixencia artificial en galego

O novo sistema da USC permitirá a creación de novas ferramentas e aplicacións de IA xerativa ao abeiro do proxecto Nós

Retirada unha acacia de tres toneladas á beira do Tins, o primeiro río de España con dereitos

Un grupo de 16 voluntarios participa na primeira xornada de eliminación de especies exóticas invasoras nas marxes do curso fluvial de Outes

Atención, alérxicos: Galicia rexistrará niveis “moi altos” de pole esta fin de semana

As concentracións de grans de bidueiro serán especialmente elevadas entre o venres e o sábado, cunha drástica diminución o luns