De rebelión militar a electrochoque: a crúa represión franquista nos psiquiátricos galegos

A historiadora Noelia Valiño analiza máis de 800 historias clínicas e acha varios casos nos que a opresión foi o único motivo de internamento

Ei, ti. Quieto! A imaxinación recrea unha das escenas documentadas nos arquivos do hospital psiquiátrico de Conxo. Unha muller nova enfróntase a un sarxento no Ferrol de 1939. Chámalle a atención tras ser testemuña do golpe que o alto cargo militar propina, coa culata da súa arma, a un soldado. Esta simple protesta serve para que a acusen de “roxa”, a procesen por rebelión militar e para que permaneza en observación psiquiátrica durante meses. “O seu comportamento non foi interpretado como unha reacción natural ante unha inxustiza, senón como un problema de saúde mental”, sinala a historiadora Noelia Valiño Vázquez.

Este é un dos exemplos máis claros que demostran que os psiquiátricos non só foron un espazo de coidado, senón tamén de represión. Eran empregados polas autoridades do franquismo como lugar de poder. Moitas mulleres foron vítimas da opresión por non cinguirse aos roles de xénero; por mostrar comportamentos que rompían co socialmente establecido. Eran tratadas, como ocorreu con moitas persoas homosexuais e outros colectivos marxinados, como pacientes con problemas de saúde mental cando, en realidade, o motivo do seu internamento era ben distinto. Unha realidade que radiografa Valiño Vázquez na súa tese, tras a inxente análise de máis de 800 historias clínicas dende o 1936.

Publicidade

Outro dos casos que máis chamaron a atención da investigadora da Universidade de Santiago (USC) foi o dun home que colocou unhas travesas nas vías do tren. Retirounas pouco despois pero os seus amigos denunciárono. O acusado, tal e como reflicte a documentación, considerou que era unha broma, pero o seu comportamento illado foi interpretado como un síntoma de enfermidade mental. Estivo en observación en Conxo pero os propios médicos do psiquiátrico non atoparon ningunha patoloxía que xustificase o seu internamento. “Hai que entender este caso dentro do franquismo, cando calquera te podía delatar por unha frase ou ameaza sacada de contexto”, sinala a historiadora da USC.

Onde está a información?

Investigar a represión nos psiquiátricos galegos durante a ditadura está lonxe de ser unha tarefa doada. O principal obstáculo que atopa Valiño Vázquez no seu estudo é, precisamente, que a opresión que sufriron moitos internos non aparece especificada na historia clínica. É probable, por tanto, que o número de casos estudados pola investigadora da USC estea infrarrepresentado ante a falta de evidencias máis sólidas. “Non podo facer suposicións. Seguramente hai máis, pero moitas veces non teño a forma de comprobalo”, lamenta a historiadora.

Publicidade

Outro dos aspectos que analiza ao abeiro da represión franquista é a homosexualidade. “Os médicos deixan constancia nas historias clínicas de condutas amaneiradas que, para eles, son un síntoma máis dunha enfermidade mental”, indica. De todos os arquivos analizados, tan só atopou o caso dun home internado pola súa orientación sexual. En canto ao lesbianismo non hai referencias directas, malia que si se recoñece nalgunhas historias clínicas que algunhas pacientes mantiveron prácticas sexuais con mulleres.

“Moitas persoas foron internadas sen ter ningunha enfermidade mental. Botaban meses en observación, compartindo dormitorio con todo tipo de pacientes. Cando saían, xa tiñan enriba o estigma. Hai que pensar na Galicia da época, nas pequenas aldeas, e en canto podían pesar as etiquetas”, sostén a historiadora da USC, reflexionando sobre a elevada factura que tiveron que pagar as vítimas da represión franquista. “Preferían estar no cárcere que ir ao psiquiátrico”, incide, dando conta das pésimas condicións dos centros. “Era un espazo represivo”, insiste a investigadora.

Morte, fame e precariedade asistencial

A experiencia nas institucións psiquiátricas do franquismo estaba vertebrada en tres eixes: morte, fame e precariedade asistencial. Así o resume Valiño Vázquez en relación aos tres centros galegos que analizou na súa tese, pero con especial atención ao de Conxo. Inaugurouse o 1 de xullo de 1885 e transcorrerán 68 anos, ata 1953, nos que será a única institución psiquiátrica de Galicia.

“En 1930 tiña 982 internos. Nos anos cincuenta, chegou a 1.500. Nos setenta acadou os 1.660 pacientes. Era un centro psiquiátrico masificado que acollía a pacientes ricos e pobres”, describe. Continúa explicando que os internos vivían amontoados en dormitorios comúns, pasaban fame e retirábanlles todas as pertenzas persoais. Ademais tiñan poucos retretes nos que facer as súas necesidades. Esta precariedade dá un xiro na década dos setenta, nos últimos anos do franquismo, cando empezan a funcionar as asistencias sociais, os internos comezan a entrar en contacto co mundo exterior e coas súas familias.

De ricos a pobres

Con todo, os pacientes pobres non viviron a mesma experiencia que os ricos. Segundo recolle o Concello de Santiago na súa historia sobre o psiquiátrico de Conxo, ata 1972 os internos estaban divididos segundo a súa clase social. Os de primeira pagaban 12 pesetas diarias e tiñan dereito a habitación independente, espazosa, ventilada, solleira e con servizo propio. A alimentación tamén era mellor, cun almorzo que consistía en té, café ou chocolate; así como sopa, cocido, tres pratos e postres durante a comida. Os de quinta clase, que pagaban dúas pesetas diarias, vivían tal e como os describe Valiño Vázquez: amontoados en habitacións comúns cunha alimentación que consistía en sopa e cocido para xantar e un prato de cea. E xa por último, no derradeiro chanzo da escala social, estaban os que dependían da beneficencia das institucións.

As condicións para a meirande parte dos internos foron deplorables nas primeiras décadas do século XX e durante o franquismo. A masificación, as pésimas condicións hixiénicas e a súa mala alimentación derivaron en épocas de elevadas taxas de mortalidade, sobre todo durante a guerra e a posguerra. Vivir amontoados en espazos tan reducidos provocaban unha rápida propagación das epidemias, como aconteceu en innumerables ocasións coa tuberculose.

A terceira pata da vida nos psiquiátricos galegos do franquismo foi a precariedade asistencial, á que Valiño Vázquez alude co coñecido método do electrochoque. “Así funcionaba a psiquiatría naquela época. Non había anestesia e algúns pacientes fracturaban ósos”, sinala. Lembra, tamén, o caso dunha adolescente que foi internada en Conxo despois de escapar da casa, acudir a unha festa e ser violada por varios rapaces. “Non só a someten ao electrochoque, senón que é castigada coa privación de liberdade”, lamenta a investigadora.

Non só Conxo: Toén e San Rafael

Amais de Conxo, o psiquiátrico máis representativo da historia de Galicia, Valiño Vázquez afondou nos arquivos dos centros de Toén e San Rafael: os dous abriron a finais dos anos cincuenta e pecharon en 2012. “O de Toén foi o máis renovador. Un psiquiátrico en que tan só había 160 pacientes. Eran poucos, todos homes e coa etiqueta de recuperables. Sempre tivo un aire máis innovador porque non había muros e non se practicaba tanto o electrochoque. Optábase por tratamentos menos abusivos”, relata Valiño Vázquez. O de San Rafael era moi semellante ao de Conxo, pero con capacidade para uns 600 pacientes.

Despois do seu inxente traballo, Noelia continúa pensando naquela rapaza que no Ferrol de 1939 foi capaz de enfrontarse a un sarxento. Unha rapaza internada durante meses no psiquiátrico de Conxo por denunciar unha inxustiza, pero que a ollos do réxime era unha ameaza. A ciencia que debería curar e tratar as enfermidades mentais foi empregada polo franquismo como unha forma evidente de lexitimar o seu poder a través da represión. Da represión en espazos pechados, amoreados e de precarísimas condicións de vida. Noelia desempoa algúns deses casos. Pero tamén se pregunta cantos quedarán aínda polo camiño.


Todas as imaxes desta reportaxe están baixo dominio público e extraídas da Galiciana Biblioteca Dixital de Galicia.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Tres sinais para anticipar o risco de condutas suicidas no TOC: este é o achado dun estudo galego

Investigadoras do CiMUS, CiTIUS e Hospital de Bellvitge identifican factores clave que poderían mellorar a detección temperá en persoas con trastorno obsesivo-compulsivo

Non estaban tolas

Rescatados 23 testemuños de violencia machista dos arquivos do psiquiátrico de Conxo

“Perdeu a vista nun ollo pola malleira”: a pegada da violencia machista no arquivo do psiquiátrico de Conxo

A investigadora da USC Noelia Valiño rescata 23 historias clínicas que recollen evidencias das agresións físicas, verbais e psicolóxicas sufridas por mulleres entre 1937 e 1973

Atopados os restos óseos dun individuo durante a escavación da foxa de Beira, en Carral

Un equipo da USC busca espazos de violencia franquista na parroquia coruñesa, onde foron enterradas entre agosto e setembro de 1936 un mínimo de 18 vítimas na contorna da igrexa