Xoves 28 Marzo 2024

A Galiciencia, finalista nun premio mundial de Parques Tecnolóxicos

A feira científica que se celebra todos os anos na Tecnópole de Ourense compite con 10 proxectos de varios continentes no certame

A Galiciencia, a feira científica que todos os anos se celebra na Tecnópole de San Cibrao das Viñas (Ourense), foi seleccionada como finalista entre as dez solucións máis inspiradoras do mundo pola Asociación Internacional de Parques Científicos e Tecnolóxicos (IASP). A competición está aberta desde esta semana á votación por parte dos 350 parques de 75 países que forman a asociación, ata o mes de setembro. Será entre os días 24 e 27 dese mes cando se dea a coñecer o gañador, con motivo da Conferencia Internacional da IASP na localidade francesa de Nantes.

A candidatura da Tecnópole foi destacada polo xurado da competición internacional por contribuír á divulgación da ciencia e da innovación á sociedade en sentido amplo, animar á xuventude a orientar a súa carreira académica e profesional cara a estes ámbitos e achegar a comunidade local á actividade do parque tecnolóxico.

Publicidade

Os Parques Tecnolóxicos finalistas

O Programa de Solucións Inspiradoras da IASP busca fomentar o intercambio de coñecemento e darlles visibilidade ás iniciativas máis destacadas dos parques científicos e tecnolóxicos de todo o mundo. A competición deste ano por alzarse co recoñecemento á solución máis inspiradora enfronta a dez parques científicos e tecnolóxicos de Brasil, Estados Unidos, China, Austria, Estonia, Luxemburgo, Finlandia, Suecia e España, representada por Tecnópole.

A Galiciencia compite con iniciativas de carácter moi variado, co nexo común de promover o desenvolvemento socioeconómico a través da tecnoloxía e da innovación nos diferentes territorios nos que operan os parques tecnolóxicos finalistas.

Da mesma temática que a iniciativa desenvolvida en Galicia, figuran unha gardería dixital promovida polo Parque Científico e Tecnolóxico Lakeside, en Austria; e unha iniciativa que pon en contacto a rapaces de secundaria coas compañías que desenvolven produtos dixitais en Suecia.

Tamén focalizadas no desenvolvemento social están a transformación do parque de Río de Janeiro (Brasil) nunha galería na que se experimenta coa combinación de arte e innovación; unha iniciativa para darlle visibilidade ás mulleres innovadoras do Tech Park de Arizona (Estados Unidos); e un programa de impulso ao talento promovido por Tecnosinos (Porto Alegre, Brasil).

Completan a lista de finalistas varios programas centrados no apoio ao tecido produtivo: a colaboración entre empresas consolidadas e start-ups facilitada polo parque Tehnopol de Tallin (Estonia); un espazo de co-creación sobre a internet das cousas ideado polo parque de Shanghai (China); un programa de aceleración de empresas no que o Technoport de Luxemburgo conta coa colaboración de Vodafone; e unha aceleradora de iniciativas de negocio relacionadas co sector marítimo procedente da rexión de Turku, en Finlandia. 

Galiciencia

Desde o seu nacemento, en 2006, a Galiciencia acolleu xa máis de mil proxectos escolares e preto de 30.000 visitantes en total, converténdose nun referente en toda España pola súa capacidade para fomentar o achegamento dos máis novos ás vocacións relacionadas coa ciencia e a innovación. Cada ano son máis os equipos formados por estudantes de Secundaria e Bacharelato que pugnan por un dos 50 expositores nos que expoñer o seu proxecto durante tres días e competir polos premios finais. Nos últimos anos sumáronse a estes tamén os estudantes de Primaria, que expoñen fóra de competición.

A exposición de proxectos compleméntase cun completo programa de actividades paralelas, nas que, a través de espectáculos científicos e talleres, tanto os participantes coma os estudantes que van de visita desde colexios de toda Galicia se achegan de maneira lúdica a coñecementos relacionados coa temática central de cada edición, como sucedeu o pasado maio coa saúde e os bos hábitos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A UVigo reivindica no Día Mundial da Auga a importancia do seu acceso universal

A universidade impulsa a concienciación través dunha serie de pódcast con nenos e nenas e dun concurso escolar de microrrelatos
00:03:09

As patacas teñen lingua propia: o vídeo dunha galega finalista nun certame de divulgación

A investigadora da Misión Biolóxica de Galicia Lucía Martín Cacheda presenta unha peza audiovidual sobre a comunicación química das plantas

A eternidade por fin comeza un luns

Artigo gañador da VI edición do IGFAE C3, o concurso de comunicación científica do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías

PÓDCAST | A intelixencia artificial, o gran desafío do eido educativo

O investigador da UDC Francisco Bellas analiza no sexto episodio de O Descodificador o impacto do cambio tecnolóxico na educación