Un estudo cuestiona un dos principais métodos de combate do gurgullo do eucalipto

O investigador da UVigo Adolfo Cordero analiza os efectos da solta de ‘Anaphes nitens', un insecto que parasita os ovos do gurgullo

Unha das estratexias máis frecuentemente adoptadas para reducir os danos que nas plantacións de eucaliptos produce o Gonipterus platensis, o chamado gurgullo do eucalipto, é a liberación nos montes de Anaphes nitens, un insecto que parasita os ovos do Gonipterus. Trátase dun método empregado “de forma xeneralizada e non só aquí, senón en moitos países”, explica o investigador principal do grupo Eco Evo (Ecoloxía Evolutiva e da Conservación), Adolfo Cordero, coautor dun estudo que cuestiona a efectividade das soltas adicionais destes insectos respecto dos efectos que xa produce de por si, de xeito natural, a súa presenza nos montes.

”É o primeiro estudo que comproba se liberar Anaphes extra, criados no laboratorio, é efectivo”, salienta Cordero do traballo que realizou xunto á investigadora Serena Santolamazza e os egresados da Escola de Enxeñaría Forestal Antonio Pérez e Rubén García. “Sabemos que o Anaphes é moi efectivo, pero reprodúcese el só no monte. O que atopamos é que crialos en catividade para liberar unha cantidade adicional non se nota en condicións de campo”, explica o profesor da Escola de Exeñaría Forestal. A investigación parte dos estudos de campo realizados en diferentes parcelas da provincia de Pontevedra, onde os participantes realizaron unha solta de ovos de Gonipterus platensis parasitados polo Anaphes nitens, e cuxos resultados foron recollidos nun artigo publicado no Journal of Applied Entomology, unha “das revistas máis importantes en entomoloxía aplicada”.

Publicidade

Danos producidos polo gurgullo nun exemplar de eucalipto. Foto: Duvi.
Danos producidos polo gurgullo nun exemplar de eucalipto. Foto: Duvi.

Un insecto que parasita os ovos do gurgullo

Segundo explica Cordero, o Anaphes nitens pon os seus ovos no interior do ovo do Gonipterus, onde a larva desta especie aliméntase do embrión do gurgullo, de tal xeito “de cada ovo sae un Anaphes adulto” en lugar dun Gonipterus. Comprobar as variacións nas “taxas de parasitismo”, a porcentaxe de ovos do gurgullo que foron parasitados polo Anaphes, en parcelas nas que se realizaba previamente unha liberación adicional deste “parasitoide” constituíu nese senso o punto de partida deste estudo, que se completou cos datos obtidos nos traballos de campo realizados por Pérez e García para os seus traballos de fin de grao na Escola de Enxeñaría Forestal.

Para este artigo, analizáronse por unha banda os resultados obtidos da solta de ovos de Gonipterus parasitados polo Anaphes levada a cabo en 2006 nunha serie de parcelas de Eucalyptus globulus afectadas pola presenza do gurgullo en dúas localidades de Pontevedra.

Publicidade

Nelas, os investigadores analizaron as posibles diferenzas nas taxas de parasitismo entre parcelas nas que se realizou unha liberación duns 300 Anaphes adultos por hectárea, outras nas que se liberaron 900 insectos por hectárea e unhas masas de eucaliptos ás que non se incorporaron parasitos adicionais. A este estudo sumouse o levado a cabo en catro localidades da provincia en 2017, onde os investigadores replicaron esta proba liberando unha media de 300 Anaphes por hectárea. Salvo nun dos casos analizados, no que “variacións aleatorias dalgunha condición ambiental” puideron contribuír a un incremento da porcentaxe de ovos sobre os que actuou o parasito, esta liberación adicional de Anaphes non supuxo, recolle o estudo, un aumento significativo destas taxas de parasitismo.

Polo tanto, conclúen, non se logrou unha maior protección contra a praga, algo que, sinalan os autores do estudo, podería vir motivado pola grande extensión das plantacións de eucalipto, pola magnitude das poboacións de Gonipterus platensis e polas “flutuacións da poboación do parasitoide”.

Non atopamos evidencia de que sexa algo que aumente o control”, conclúe Cordero, que explica que o que este estudo “pon en cuestión é que sexa rendible facer esa liberación extra de Anaphes”, que posiblemente, sinala, si podería resultar efectiva de realizarse dunha maneira “masiva, pero custaría tanto diñeiro que non se xustificaría, porque o prezo da madeira de eucalipto non compensaría eses custos”.

Referencia: Local augmentation efficiency of Anaphes nitens (Hymenoptera, Mymaridae), the egg parasitoid of Gonipterus platensis (Coleoptera, Curculionidae), publicado no Journal of Applied Entomology.

2 COMENTÁRIOS

  1. O que sería moi interesante saber e se estas investigacións as paga a milagrosa,sostível,patriótica e benefactora patronal do eucalipto,a conta dos seus abraiantes beneficios OU a paga a Xunta cos modestod beneficios e o sudor de tódolos galegos,con fondos retraídos de políticas sociais. Porque para quen traballan e a quen sirven as Escolas de Enxeñeiros forestais xa o sabemos todos,desde as épocas dos IRIDAS e ICONAS franquistas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Ailanto, estrela de fogo e eucalipto: as 60 especies que ameazan a biodiversidade galega

Un proxecto colaborativo lanzado dende a SGHN reúne datos de máis de 26 autores no 'Atlas da Flora Exótica Invasora' para frear a súa expansión e protexer os ecosistemas

Os datos do eucalipto confirman as sospeitas: a moratoria de 2021 causou un ‘efecto chamada’

A polémica especie crece un 6% en dous anos, o dobre do que a Xunta anticipaba para o período 2021-2025

Como inflúen as especies arbóreas no solo? Un estudo analiza os seus efectos en Rianxo

A investigación da USC mostra que os terreos baixo eucalipto teñen un contido de auga medio do 13%, significativamente menor que o das matogueiras

Unha moratoria con gretas? Así pode o eucalipto gañar terreo en Galicia

A normativa anunciada pola Xunta permitirá novas plantacións nos terreos de piñeiros afectados pola banda marrón de forma temporal