En Galicia, todavía hai fronteiras que nunca foron exploradas polo ser humano. Tal é o caso da Buraca das Choias, na serra do Courel, onde a pasada semana dous espeleomergulladores chegaron onde ninguén o fixera antes. Rafael Jurado e Manuel de las Heras, que pertencen ao Grupo de Exploración da Buraca (GEB), atravesaron dez sifones consecutivos dentro desta cova, atopando unha zona absolutamente virxe.
Nunha expedición anterior, outro equipo de espeleólogos atravesou baixo a auga os nove primeiros sifóns, fito do que dá conta a revista de espeleoloxía Furada.

Agora, os dous exploradores alcanzaron un punto non visitado previamente, despois de atravesar numerosas cavidades en seco, algunha delas nas que é posible mesmo acampar e pasar a noite para repoñer forzas na ruta ata o ventre da Terra.
O esforzo desta exploración pode imaxinarse: tras mergullarse en cada un dos dez sifóns, De las Heras e Jurado tiveron que quitar o equipo, descansar e volver poñelo para un novo mergullo. E así, o dobre de veces: na ida e na volta.

A Buraca das Choias está situada en Visuña, no concello de Folgoso do Courel, ás portas desta fermosa serra. E moitos visitantes non pasan dos primeiros metros, onde hai unha bóveda de máis de 10 metros de altura e unha lonxitude de máis de 290 metros.
Pero máis adiante continúa un labirinto de canles asolagadas e novas covas. Onde xa se está a desenvolver unha importante investigación, na que participa Marcos Vaqueiro, da Universidade da Coruña e presidente do club Cetra (Vigo) de espeleoloxía, e un dos integrantes nun proxecto liderado polo club Geoceanic (Madrid), co que colaboran Grupo Silex (Madrid), Club Gran Diedro (Madrid), Geoda (Madrid), G.E.Lugo (Lugo) e G.E.S. Ártabros (A Coruña).
O potencial das Choias descubriuse hai relativamente pouco. Fernando Debesa, un dos impulsores do proxecto de investigación, contaba a GCiencia a finais do 2018, en plena campaña de exploración, as dificultades do traballo: “chegabamos ao segundo sifón e había un burato duns 50 centímetros, polo que un buzo, co equipo habitual, non pode pasar”. Decidiuse entón preparar unha exploración especializada neste tipo de cavidades. “Pasan este burato e ven que a cova sigue, e chegan a galerías amplas e grandes, con salas de 7 ou 8 metros“, lembra Debesa. E paso a paso, o equipo foi avanzando ata chegar a localizar xa unha decena de sifóns e galerías. Algunhas das últimas expedicións, en xullo e outubro de 2018, quedaron rexistradas en vídeo. Sobre estas liñas amósase o paso Geoceanic, no sifón 2, o máis complicado da cova polo seu pequeno diámetro e maior lonxitude.
Agora, De las Heras e Jurado conseguiron ir máis aló do que o fixeran antes os seus compañeiros. E xa están polo sifón número 10 da Buraca das Choias. Un territorio descoñecido baixo a serra do Courel, onde todavía é posible explorar unha nova fronteira para a especie humana.
E aquí podes ler a nosa reportaxe sobre a investigación da Buraca das Choias:
Explorando Buraca das Choias: a gran esperanza da espeleoloxía en Galicia














