O atractivo da Buraca das Choias non é unha novidade. Esta gruta, situada en Visuña, no concello de Folgoso do Courel, ás portas desta fermosa serra, leva máis de medio século atraendo aos curiosos. Mais a gran maioría deles non pasa dos primeiros metros, onde o acceso é máis sinxelo. Aquí conta cunha bóveda de máis de 10 metros de altura e unha lonxitude de máis de 290 metros.
Porén, as ganas de explorar, coñecer e ir máis aló dalgúns entusiastas espeleólogos abriron un novo mundo que se estende entre galerías e estancias asolagadas pola auga (sifóns), e do que xa levan descuberto máis dun quilómetro baixo o terreo. “Coido que isto marcará un antes e un despois na espeleoloxía en Galicia”, adianta Marcos Vaqueiro, investigador da Universidade da Coruña e presidente do club Cetra (Vigo) de espeleoloxía, e un dos partícipes nun proxecto liderado polo club Geoceanic (Madrid), co que colaboran Grupo Silex (Madrid), Club Gran Diedro (Madrid), Geoda (Madrid), G.E.Lugo (Lugo) e G.E.S. Ártabros (A Coruña).
Dentro da escasa presenza de solos e substratos calcarios de Galicia, a Buraca das Choias é un caso particular. “Normalmente, noutras covas, como no rei Cintolo, as galerías son pequenas e agrúpanse unhas xunto ás outras, nunha superficie reducida, e a calcaria está moi pregada; pero aquí as calcarias son moi rectas, o que facilita que se fagan galerías máis longas e amplas”, explica Fernando Debesa, un dos impulsores do proxecto que desde hai anos traballa na exploración desta cova.
Debesa coordina a varios equipos de buceadores especializados en espeleoloxía de varios clubes galegos e madrileños que traballan nun proxecto no que hai postas moitas esperanzas, xa que abriría unha nova vía pouco traballada en Galicia, “a exploración dos ríos subterráneos nos afloramentos kársticos”, expón Marcos Vaqueiro.
O potencial das Choias descubriuse hai relativamente pouco. Fernando Debesa conta que “chegabamos ao segundo sifón e había un burato duns 50 centímetros, polo que un buzo, co equipo habitual, non pode pasar”. Decidiuse entón preparar unha exploración especializada neste tipo de cavidades. “Pasan este burato e ven que a cova sigue, e chegan a galerías amplas e grandes, con salas de 7 ou 8 metros“, lembra Debesa. E paso a paso, o equipo foi avanzando ata chegar a localizar xa unha decena de sifóns e galerías. Algunhas das últimas expedicións, en xullo e outubro de 2018, quedaron rexistradas en vídeo. Sobre estas liñas amósase o paso Geoceanic, no sifón 2, o máis complicado da cova polo seu pequeno diámetro e maior lonxitude.
Traballo de loxística
Esta sucesión de tramos asolagados e galerías aéreas requiren, por tanto, unha preparación e unha loxística que implica a un equipo amplo. “Para facer a expedición, hai que levar antes as botellas de aire comprimido e deixalas nas galerías intermedias para que despois as poidan empregar os buceadores”, explica Debesa. É un paso imprescindible para evitar complicacións e imprevistos.
Todo este traballo precisa da participación de, como mínimo, unha vintena de persoas en cada exploración. E os propios buceadores deben ter tamén unha gran forma física, debido á cantidade de peso que levan: o traxe seco (que illa mellor que o neopreno e axuda a protexerse das temperaturas xélidas da auga, arredor de 7ºC, os chumbos, as propias botellas… Poden ser máis de 50kg ás costas.
A investigación na Buraca das Choias
Para afrontar o traballo, cómpre tamén desenvolver a topografía das galerías, buscando outros posibles accesos e conexións con outras cavidades e coa superficie. É outra das patas imprescindibles do proxecto da Buraca das Choias. Cos datos recollidos polos exploradores, os técnicos do equipo desenvolven os modelos topográficos das galerías e os sifóns e proxéctanos sobre as ortoimaxes para que os equipos de traballo en superficie poidan localizar e explorar outras covas que poderían ser entradas e conexións cos niveis asolagados.
Estas cavidades contan, tamén, parte da historia xeolóxica da serra do Courel e os seus arredores. As trazas dos períodos glaciais, a formación dos ríos subterráneos e o desenvolvemento das galerías, con estalactitas e estalagmitas, que en covas próximas acadaron máis de medio millóns de anos de idade, son por tanto un libro aberto á historia da Terra nesta zona de Galicia que se está comezando a ler.
hola wey pinche gato MIAu
hola