Criaturas fantásticas e onde atopalas: así son as lesmas de mar en Galicia

Un grupo de científicos galegos vén de publicar un libro que analiza 120 nudibranquios tras 10 anos de investigación

Non hai dous iguais no mundo. Os nudibranquios son uns dos seres vivos máis sorprendentes do planeta. Só os mergulladores teñen a sorte de aprecialos de preto, iso se conseguen atopalos. Poden posuír calquera cor do arco da vella e unhas formas tan peculiares que, se nolos presentan como habitantes doutro planeta, é facilmente crible. Son uns seres practicamente descoñecidos polo conxunto da sociedade e agora un grupo de científicos acaba de publicar Nudibranquios de las costas de Galicia: los colores del Atlántico (2023) tras 10 anos de investigación na busca destas asombrosas criaturas mariñas.

Detrás do proxecto atópase o mergullador e instrutor profesional, Jacinto Pérez Dieste, o biólogo mariño do Centro Oceanográfico de Vigo e fundador do Grupo de Estudo do Medio Marino, Bruno Almón, e o investigador do Grupo de Estudo do Medio Marino, Juan Trigo. Almón explica que os nudibranquios merecían unha obra específica sobre eles. “Calquera que mergulle e non se centre na busca de peixes grandes, acaba por atopalos. Non sempre son fáciles de ver e ás veces hai que ter un pouco máis de coñecemento mariño”, comenta. A obra analiza 119 especies distintas que viven nas costas galegas —e que tamén se poden observar en zonas do Atlántico e do Mediterráneo—, porén, a nivel mundial identificáronse máis de 3.000.

Publicidade

De maneira común son coñecidos como as lesmas de mar. Son moi pequenos e poden medir dende uns milímetros ata os cinco centímetros. O seu nome científico significa “branquias ao desnudo” debido a exposición total das mesmas nos seus corpos. Ao longo de millóns de anos de evolución os nudibranquios abandonaron as coirazas e algúns conservan unha morfoloxía similar aos caracois. A falta desta protección foi o que lles levou a buscar outras maneiras de defenderse. E aquí entra en xogo a súa cor. O biólogo explica que a variedade tonal débese aos bancos de alimentos de onde se alimentan, principalmente porque se camuflan coa contorna. As cores rechamantes alertan os inimigos da súa toxicidade, substancias que absorben do que comen. Aliméntanse de esponxas, cnidarios —a este grupo pertencen as medusas, por exemplo—, ou hidrozoos.

Limacia clavigera. Crédito: Bruno Almón.

Os nudibranquios viven en distintos hábitats, dende as augas cálidas do Mediterráneo como as máis frías do Ártico e da Antártida. En Galicia atópanse en profundidades medias e baixas. Dependendo da especie varían, pero a canta máis profundidade menos posibilidade de atopalos. Unha das súas características é que son unhas criaturas maioritariamente cegas: os seus ollos só lles permiten distinguir a escuridade da claridade. Non ocorre o mesmo co sentido do gusto ou do olfacto, xa que posúen uns apéndices sensoriais na súa cabeza, o que lles permite desenvolver estas habilidades eficazmente.

Publicidade

En canto á súa reprodución, son hermafroditas, ao igual que outros caracois, o que significa que teñen tanto órganos reprodutivos masculinos como femininos. Durante a reprodución, os nudibranquios intercambian o esperma e gárdano ata que os ovos están listos para ser fertilizados. Cando se atopan en fase larvatoria, flotan na auga, e posúen unha pequena concha minúscula que perderán unha vez completen a metamorfose. Saben que é o momento cando reciben un sinal hormonal que lles avisa dun perigo ou de que pode haber alimento preto.

Aeolidiella sanguinea. Crédito: Bruno Almón.

A esperanza de vida destes diminutos e fermosos seres é bastante pequena. Poden durar entre unhas semanas ata o ano. Os mergulladores e os biólogos indican que aínda hai moitos nudibranquios por descubrir, mais non deixan de indicar que o quecemento dos océanos e o cambio climático son impedimentos para a evolución dos seres vivos mariños. O libro Nudibranquios de las costas de Galicia: los colores del Atlántico (2023) pode servir precisamente para afondar no coñecemento e protección dos ecosistemas, ademais de proporcionar un amplo abanico de información con fins científicos ou educativos.

Bruno Almón explica que nestes anos de traballo contribuíron unha gran cantidade de persoas á recompilación de todos os datos sobre estes seres de fantasía, catalogando todas as inmersións nas costas de Galicia. Por exemplo, os mergulladores sorpréndense da lentitude coa que se moven os nudibranquios. Isto impídelles viaxar grandes distancias, algo moi favorable para os biólogos: significa que estarán a maior parte da súa vida preto de onde naceron. Iso si, probablemente camuflados.

Marionia blainvillea. Crédito: Jacinto Pérez.

Alba Tomé
Alba Tomé
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e Máster en Xornalismo e Comunicación Multimedia pola Universidade de Santiago. Traballou como redactora en Público e na Revista Luzes e como responsable de comunicación no Congreso dos Deputados. Os seus primeros pasos no xornalismo foron en RTVE, Europa Press e La Voz de Galicia. Finalista do premio Contar a Ciencia e Premio Egeria 2018.

2 COMENTÁRIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O tesouro micolóxico da illa de Cortegada: é o lugar do mundo con máis densidade de fungos

O micólogo Saúl de la Peña atopou no enclave das Illas Atlánticas 1.500 tipos de cogomelos, cando se estima que hai uns 2.000 en toda Galicia

Descuberta unha nova especie fúnxica na illa de Cortegada

O achado de ‘Xylaria polyphaga’ eleva a sete o número de especies novas para a ciencia identificadas no enclave do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia

Radiografía da lagoa de Baldaio: o fráxil equilibrio entre os fluxos naturais e o impacto humano

A alternancia ambiental propia da lagoa coruñesa enfróntase á herdanza de intervencións artificiais, a presión turística e a perda de biodiversidade

A Lagoa dos Nenos, ao límite: o exceso de sedimentos e os danos no dique ameazan o tesouro mariño das Cíes

O Ministerio para a Transición Ecolóxica inicia un proceso de recuperación da infraestrutura que une as illas de Faro e Monteagudo