Os datos do eucalipto confirman as sospeitas: a moratoria de 2021 causou un ‘efecto chamada’

A polémica especie crece un 6% en dous anos, o dobre do que a Xunta anticipaba para o período 2021-2025

438.156 hectáreas. Case a mesma cantidade que as coníferas e máis dunha cuarta parte do total da masa forestal arborizada. Esa é a situación do eucalipto en Galicia, segundo o último Informe Forestal Continuo de Galicia que amosa os datos de 2024, que segue un ano máis a aumentar a súa extensión. Ademais, ao grande: 19.000 hectáreas máis ca no ano pasado e 25.000 máis que dous anos atrás. Un dos motivos deste crecemento tan grande podería ser que se están a ver os efectos das plantacións que se realizaron antes da entrada en vigor da moratoria. É dicir, que moitas persoas plantaron eucalipto tras o anuncio de que se aplicaría esa medida pero antes de que se puidese ver.

O avance do eucalipto vai en contra de todas as previsións da Xunta. No último Plan Forestal, de 2021, pensábase que o crecemento do eucalipto sería dun 3% ata 2025. Despois, as previsións da Xunta apuntaban a que a superficie total diminuiría un 5% para 2040. Unhas previsións non moi ambiciosas e que, ademais, non parece que estean camiño de acadarse. Só en dous anos, entre 2022 e 2024, o crecemento é do 6,1%. O anterior Plan Forestal, aínda máis optimista, planeaba que puidese haber 245.000 hectáreas para 2030. É dicir, case 200.000 menos das que xa hai, unha cifra que agora non estará nin cerca das mellores previsións para 2040.

Publicidade

Cando se comece a ver o efecto da moratoria, haberá que pensar en que serán os efectos da primeira etapa, a máis estrita: este mesmo ano, as restricións flexibilizáronse. “Toman medidas sobre moratorias sen ter absolutamente nin idea do que sucede en canto a área”, denunciaba o enxeñeiro agroforestal Eduardo Corbelle sobre a medida. Ás medidas ás que se refire é, por exemplo, que a nova normativa que seguirá vixente ata 2030 permite a plantación de eucaliptos en terreos de piñeiros afectados pola banda marrón, así como no caso de traslado de parcelas. Si é certo que será con algunhas condicións. Por exemplo, no caso do cambio de parcelas, non poderá haber máis do 75% do que había na inicial.

Estabilidade nas frondosas e coníferas

Por outra banda, o número de frondosas crece e o de coníferas mantense. Concretamente, as frondosas recuperan 2.034 hectáreas no último ano. E fálase de recuperar porque este tipo de árbore perdeu case 6.000 hectáreas entre 2022 e 2023. No caso das coníferas, apenas experimentan cambios tras o forte aumento experimentado entre 2022 e 2023.

Publicidade

Hai que recordar que un motivo que dificulta o crecemento das coníferas é a expansión da banda marrón. Esta é unha enfermidade fúnxica que afecta a, por exemplo, o piñeiro radiata, un dos máis fáciles de ver en Galicia pola súa utilidade a nivel económico. Está causada pola Lecanosticta acicola, unha patoloxía que ataca as súas follas aciculares. Moitos piñeiros acaban por culpa desta enfermidade cun crecemento reducido ou morrendo. Por iso, a evolución das coníferas é importante. Porén, simplemente mantense estable.

Os eucaliptos supoñen unha ameaza á biodiversidade en Galicia. De feito, xa está comprobado o seu efecto negativo, por exemplo, nos ecosistemas fluviais ou para as aves. Non son unha especie autóctona, pero se utilizan porque son unha gran fonte de ingresos para a economía agroforestal porque é unha árbore de crecemento rápido.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Que revelan 11.000 anos de sedimentos sobre as chuvias de Galicia? Así o investigan dende a UDC

Un estudo liderado polo CICA analiza as ceras vexetais preservadas nun lago portugués para reconstruír a evolución da humidade no oeste peninsular

A Xunta declara a situación de seca prolongada nos sistemas do Ulla-Tambre e no da Costa Norte

A falta de precipitacións reduce os recursos hídricos e eleva a vixilancia en 74 concellos, mantendo a alerta nas concas do Lérez e do Anllóns

O novo acordo lingüístico permitirá impartir Matemáticas, Tecnoloxías e Física e Química en galego

Os centros educativos poderán decidir a repartición das materias na ESO, respectando o equilibrio do 50% entre os dous idiomas

Unha masa de aire marítima tumba as temperaturas ata 10 graos en Galicia no inicio do outono

Unha fronte traerá precipitacións á comunidade a partir do sábado, unha situación que podería continuar a próxima semana