Lucía Santiago estuda moitos documentos: estatais, provinciais, arquivos de militares… E fala. Concretamente cos veciños, porque a comunicación oral moitas veces é tan importante como o era no seu momento. Desta volta, achégase ata o concello de Teo. Cre que sabe onde pode estar o que leva buscando horas. Un equipo de arqueoloxía achégase á zona. Esta vez, eran os corpos de Ricardo Fernández, de Pontecesures; Florentino Menéndez, de Peñarrubia; Manuel Agrasar “Barbarroxa”, de Matanza, e Vicente López Novo “el hijo de la Nova”, natural de Santa Uxía de Ribeira. Todos eles formaban parte da resistencia republicana en Galicia e foron asasinados polo franquismo. Todos eles eran Foucellas.
Para entender esta historia, é importante coñecer o contexto do ano no que se produciu o enfrontamento, 1948. Galicia non fora un escenario central da guerra civil: tras o golpe de Estado, caeu rapidamente do bando dos falanxistas. Porén, houbo un intento de reacción por parte de persoas que querían defender a República. Era o caso de Benigno Andrade, nacido na parroquia de Cabrui, en Mesía. Concretamente, no lugar das Foucellas, polo que se lle da ese apodo. Segundo a plataforma Nomes e Voces, que recolle información sobre as vítimas do golpismo, foi simpatizante de CNT e do Partido Comunista de España (PCE) e formaba parte do sindicato labrego. En xullo de 1936, cando se produce o golpe de estado, uniuse a unha columna que se dirixía á Coruña, pero xa estaba tomado polos falanxistas. Sabendo da represión fascista, fuxiu ao monte, onde estivo enfermo durante gran parte do conflito.
Unha forte resistencia
Coa victoria dos fascistas, moitos guerrilleiros decidiron continuar a súa resistencia nos anos posteriores. E nesa loita, Galicia si foi un escenario central. Ademais, a segunda guerra mundial foi vista por moitos como unha oportunidade para que, cando os Aliados acabasen con Hitler, Franco tamén caese. Os combatentes de Galicia atopábanse sobre todo na zona oriental, en Ourense e Lugo, e tamén xurdiu certa resistencia en León e en Zamora, segundo un artigo académico publicado por Alejandro Rodríguez. Estas zonas tiveron un desenvolvemento máis temperá, cunha forte expansión entre 1941 e 1945.
Rodríguez destaca que a constatación de que a guerra continuaba en Europa, xunto coas condicións internas como a desaparición paulatina de fuxidos, provoca que se dean os pasos definitivos para que estes grupos avancen cara a unha loita armada máis estruturada, malia que pasiva. De feito, a conexión entre os membros da resistencia é elevado, aínda se non pertencían exactamente do mesmo grupo. “Por exemplo, Vicente Novo estaba tamén noutro dos agrupamentos: é dicir, coñecíanse entre todos realmente“, recalca Lucía Santiago, investigadora e membro do grupo HISTAGRA da Universidade de Santiago (USC).
Os Foucellas
Lucía Santiago non ten evidencias científicas claras de por que Foucellas se gañou o recoñecemento deses homes, pero si que pode afirmar que foi o líder da quinta agrupación, que operaba na zona central de Galicia. “No imaxinario popular, todas as persoas que estaban fuxidas ou na resistencia, armada ou non armada, lles chamaban os Foucellas“, destaca.
Os ‘Foucellas’ foron un dos grupos de maquis máis perseguidos da etapa do franquismo. A súa importancia era tal que ata os servizos de intelixencia estadounidenses, a CIA, tiñan informes sobre a súa actividade. Ademais, moitos destes guerrilleiros buscaban (e obtiñan) o apoio da poboación. En ocasións, isto acababa en pequenos conflitos. Así foi tamén o 19 de maio de 1948.
“A Guardia Civil ten un mecanismo perfectamente artellado para estar enriba da resistencia armada, porque víano como un perigo”, recorda a experta. E a agrupación dos Foucellas estaba no foco das autoridades represoras, que tiñan coñecemento de actuacións na contorna. “Hai informes que xa recollían a súa presenza na zona en Pontevea e en Lampai“, explica Santiago.
O asasinato en Luou
O día en que se desata o conflito, este pequeno equipo está agochado no pendello duns veciños da aldea de Loureiro. “Aí posiblemente alguén dea o chivatazo”, considera Santiago. E aí deuse o enfrontamento. Un tiroteo que acabou con cinco vítimas. Por un lado, un Garda Civil. Por outro, Ricardo, Florentino, Vicente e Manuel. Quen si lograron fuxir foron o propio comandante, Benigno Andrade, e Xosé Ramuñán Barreiro.
Tras o conflito, tiñan que mover os corpos ata unha aldea próxima, a parroquia de Luou, para que fosen levados a unha igrexa. “De feito, foi a propia veciñanza, concretamente un veciño de Loureiro que ao parecer era o único que tiña o carro con bois, o que foi encargado de levar as vítimas ata a igrexa”, comenta Santiago. Ademais, apunta á posibilidade de que este veciño fose obrigado pola Garda Civil, malia que non pode confirmar ese detalle.
Alí, na igrexa de Santa María de Luou, é onde realizaron os traballos de exhumacións nas últimas xornadas. Posteriormente, publicarán os resultados nun informe na plataforma Nomes e Voces. Ademais, desde o grupo fan un chamamento a que aquelas persoas que desexen exhumar ou investigar foxas relacionadas coa violencia franquista poidan achegar datos. Porque xustamente, en moitas ocasións, son as vítimas as que contactan co grupo. Despois, os equipos de xenética collen mostras dos familiares para que se poidan identificar os restos. “Nalgúns casos, os restos das vítimas están moi degradados, por iso é importante ter mostras para identificalos”, destaca Santiago.
Non esquecer
Benigno Andrade, que fuxiu, logrou sobrevivir ata 1952. Un novo conflito en Oza dos Ríos provocou a morte dun garda civil, dun compañeiro guerrilleiro e que o propio Foucellas acabase ferido. Tras ser detido, con 43 anos foi xulgado e condenado a morte co garrote vil.
Santiago recalca a importancia de rememorar a aquela resistencia armada. “Que un lugar esquecido e de violencia senón un lugar dignificado e de memoria, para que non só a xente de Luou neste caso saiba a historia, senón moita máis xente”, conclúe. Porque a memoria permite recordar aqueles nomes que, dunha forma ou doutra, cunhas ideas ou outras, loitaron pola democracia en España.













‘Quenes’ é o plural de ‘quene’?