O Pazo de Meirás e as illas de San Simón e San Antón xa son Lugares de Memoria Democrática

A declaración recoñece o valor histórico e simbólico do edificio como residencia estival do ditador, e dos enclaves costeiros como cárcere de presos republicanos entre 1936 e 1943

O Goberno de España publicou hoxe no BOE a incoación do expediente para declarar Lugar de Memoria Democrática o Pazo de Meirás, na provincia galega da Coruña. Así mesmo, mañá mércores, publicarase a declaración de Lugar de Memoria das illas de San Simón e San Antón, en Pontevedra, tamén en Galicia. Ambos os espazos teñen unha singular relevancia histórica e simbólica, que lles fan acredores desta declaración.

Así, o Pazo de Meirás, situado no Concello de Sada, foi sede estival da Xefatura do Estado entre 1938 e 1975. Ligado á figura da escritora galega Emilia Pardo Bazán, quen o construíu, foi “símbolo referencial da ditadura franquista, centro de poder e ao mesmo tempo expresión da rapina do seu novo propietario”, segundo sinala o BOE.

Publicidade

Mentres, as illas de San Simón e de San Antonio, situadas na ría de Vigo, foron un espazo utilizado polos sublevados contra a II República como penal durante a Guerra de España e os primeiros anos da ditadura franquista.

Con motivo desta nova declaración, o secretario do Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez, visitará hoxe o Pazo de Meirás e desprazarase mañá ás dúas illas galegas, acompañado pola comisionada para a celebración de 50 anos en Liberdade, Carmina Gustrán.

Publicidade

A residencia estival do réxime

O 5 de decembro de 1938, tras a creación da denominada Junta Pro-Pazo del Caudillo, integrada polo gobernador civil e varios alcaldes da provincia, fíxoselle entrega da finca do Pazo de Meirás a Francisco Franco, co obxectivo de adquirila e entregala ao xefe do Estado. Segundo recolle o Boletín Oficial do Estado, durante as obras de acondicionamento ampliáronse os terreos “mediante técnicas represivas e coactivas”, que desposuíron aos lexítimos propietarios das leiras lindeiras. Tamén se produciron “apropiacións de recursos públicos e privados, desde estatuas románicas a pilas bautismais, tapices, etc”.

Como residencia oficial de verán do ditador, o pazo adquiriu unha función política, como espazo de representación do réxime e da súa represión. Tamén unha función simbólica, ao proxectar a imaxe do franquismo, e cun forte impacto na vida local, servindo de eixo para a articulación de redes de poder a nivel provincial.

O 2 de setembro de 2020, o Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña, a raíz duha demanda presentada pola Avogacía do Estado, declarou nula e sen efecto a doazón do pazo a Franco e á súa familia, recoñecendo que a propiedade era do Estado.

A sentenza fíxose efectiva dous meses despois e, desde o 10 de decembro de 2020, o Pazo de Meirás deixou de ser propiedade da familia Franco para pasar a formar parte do patrimonio público. A resolución foi confirmada pola Audiencia Provincial da Coruña o 12 de febreiro de 2021 e polo Xulgado de Primeira Instancia número 70 de Madrid, que o 7 de novembro de 2024 recoñeceu á Administración Xeral do Estado a totalidade dos bens reclamados.

As illas dos presos republicanos

A partir de outubro de 1936, a illa de San Simón converteuse nunha colonia penal na que os sublevados recluíron a presos republicanos. Nun primeiro momento chegaron desde a provincia de Pontevedra e de toda Galicia, e máis tarde tamén doutros territorios do país, especialmente de Asturias.

O penal, caracterizado polo amontoamento de presos, estivo en funcionamento entre outubro de 1936 e o 15 de marzo de 1943. Ao longo dese período pasaron por el máis de 5.600 persoas. A finais de xaneiro de 1943, dous meses antes do peche, ingresou o recluso número 5.616, aínda que nunca chegaron a coincidir máis de 2.000 prisioneiros ao mesmo tempo.

Desde febreiro de 1939 ata que o desmantelamento do penal, a comezos de 1943, viviuse a etapa máis funesta deste espazo, coa chegada masiva de presos de idades moi avanzadas procedentes de toda a xeografía española. Entre os seus muros contabilizáronse máis de 517 mortes, aos que cómpre engadir as vítimas de ‘paseos’ e fusilamentos.

As illas de San Simón e San Antón foron declaradas Lugares de Memoria Democrática conforme ao disposto no artigo 49 da Lei de Memoria Democrática, en recoñecemento a feitos de singular relevancia pola súa significación histórica, simbólica ou pola súa repercusión na memoria colectiva. Estes enclaves representan tanto a memoria democrática e a loita pola conquista dos dereitos e liberdades, como a memoria das mulleres, así como coa represión e violencia sobre a poboación como consecuencia da resistencia ao golpe de estado de xullo de 1936, a Guerra, a Ditadura, o exilio e a loita pola recuperación e profundización dos valores democráticos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Canto creceron as cidades galegas nos últimos 10 anos? Descúbreo neste mapa interactivo

A plataforma World Settlement Footprint Tracker sinala que tan só o 1,56% da superficie galega está ocupada por urbes ou contornas urbanas

O tesouro micolóxico da illa de Cortegada: é o lugar do mundo con máis densidade de fungos

O micólogo Saúl de la Peña atopou no enclave das Illas Atlánticas 1.500 tipos de cogomelos, cando se estima que hai uns 2.000 en toda Galicia

O virus da encefalite transmitida por carrachas chega a Galicia: un estudo detecta anticorpos en animais

Un equipo da USC confirma a circulación do patóxeno, considerado unha ameaza de saúde pública pola gravidade dos síntomas neurolóxicos que pode causar

Un proxecto galego producirá mexilla mellorada en criadeiro para combater a falta de semente silvestre

O sector do mexillón galego é responsable de preto da metade da produción que abastece a Unión Europea