Ola de novo! 👋🏼 Aquí Andrea,
O uso da lingua galega é un dos múltiples temas que, como xornalistas, sabemos que levantan o debate. Non coñecemos moi ben o por que, pero supoñemos que é froito das múltiples posturas que existen sobre o tema. Foi por iso que, cando me puxen en contacto con Estela Fidalgo —investigadora do Instituto da Lingua Galega (ILG)— meses despois da nosa última entrevista, souben que tiña que escribir sobre a súa investigación en colaboración con Miguel Guisantes —tamén investigador do ILG—. Porque esta, ademais de interesante, faría arder as nosas redes sociais: unha comparación do uso do galego nas plataformas entre o Celta de Vigo e o Deportivo da Coruña. O derbi galego por excelencia. E eu, como afeccionada ao fútbol, non puiden estar máis contenta de escribir un tema coma este. Máis de 2.000 “me gusta”, centos de comentarios en Instagram.
Pero, como todo, isto precisa dun encadre: o galego atópase nunha situación crítica segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) publicados en outubro de 2024: por primeira vez, o castelán lle arrebatara a posición de lingua maioritaria EN GALICIA. Así, o proxecto IDEOLINGALno que se enmarca o estudo de Estela e Miguel, trata de afondar no uso do idioma nas redes sociais, un dos vehículos para a comunicación máis consultados pola mocidade na actualidade. Mentres, o fútbol mantense como deporte rei. Por iso é importante que os clubes galegos empreguen o idioma para comunicarse.
Pero o emprego do galego por parte do Celta e do Deportivo é diferente. Se vos son sincera, pensaba que o equipo coruñés comezara a usar o galego co seu ascenso a primeira; pero non. O Deportivo leva décadas usando o idioma nas súas redes, ligando o equipo con referentes da Coruña, aumentando o sentimento de pertenza da afección. O Celta comezou en 2023 co lanzamento do himno Oliveira dos Cen Anos, a partir de onde o equipo de comunicación iniciou unha estratexia estreitamente vinculada ao galego e cultura galega. Concertos en Balaídos, a presenza das Pantallas de Xinzo no estadio. Todo comentarios positivos da afección celeste, pero tamén de simpatizantes doutros equipos que pedían o mesmo dos seus clubes. Toda unha revolución dende primeira división.
Esta é unha estratexia que non están a empregar só os equipos de fútbol. Marcas como Inditex tamén queren afianzar a súa relación cos clientes e por iso lanzan coleccións como a de San Xoán, levando o galego ás camisetas con frases como “Polo San Xoán, a sardiña molla o pan”. O traballo de pulo lingüístico é evidente, pero non implica a normalización: poden revalorizara lingua e non se traduce nun uso real no día a día. Xa o dicía a investigadora Cecilia Farias, autora dunha tese —tamén ligada ao ILG— sobre as tres grandes identidades lingüísticas en Galicia: “A veces falar galego normativo dá un status social, outras veces quítao” (temos unha reportaxe sobre isto e podes lela aquí). Así lugares como Balaídos actúan como un espazo de respiro: o speaker fala en galego, hai actuacións de música galega en directo. Pero, cando os celestes saen, falan en castelán.
O camiño cara á normalización trata de avanzar, sobre todo no seu uso na ciencia, maioritaria en castelán e inglés. Así se trata de instaurar dende a escola: un acordo entre Partido Popular e PSdeG para actualizar o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega permite impartir Matemáticas, Tecnoloxías, e Física e Química en galego. Con todo, a premisa do equilibrio idiomático fai que, se se selecciona este bloque de materias —a elección do centro— en galego, as materias de Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Ciencias da Natureza e Bioloxía deberán darse en castelán. Un simple intercambio.
Mentres pasa todo isto, o galego trata de sobrevivir a base do intercambio interxeracional e da concienciación das novas xeracións. E de medios de comunicación como GCiencia, claro.
Pasemos aos temas da semana!
⚫️ Volve a chuvia pero, será suficiente? ☔️ Esta semana pasamos de case 40 graos á chegada dunha masa de aire marítima que tumba as temperaturas ata 10 graos en Galicia. Este fenómeno traerá chuvias a partir do sábado e mesmo tormentas. Pero, a pregunta é: será este episodio capaz de resolver a situación de seca prolongada á que se enfrontan 74 concellos galegos? A Xunta declarou o pasado 24 de setembro a alerta nos sistemas do Ulla-Tambre e no da Costa da Morte a causa da redución drástica das precipitacións e as previsións meteorolóxicas.
⚫️ Gas pementa no Congreso 🚨Cada semana, as sesións no Congreso dos Deputados deixan algunha anécdota ou polémica. Esta semana foi a quenda da deputada galega Ana Vázquez, quen exhibiu ùn bote de gas pementa para denunciar a situación en Ceuta, suceso que rematou con varias dependencias do edificio pechadas por intoxicación, unha muller con vómitos e máis de dez persoas atendidas por inhalar o composto químico. Coñece que é o gas pementa e que efectos pode provocar no corpo humano neste artigo.

⚫️ A caída da vacinación infantil en Europa 💉 Hai unha semana, publicábase un estudo na revista The Lancet Regional Health-Europe que sinala que as taxas de vacinación infantil da maioría dos países da Unión Europea están en descenso ou pausa. A pesar de que España amosa datos positivos, é importante responder. Así, a miña compañeira Noelia Gallego escribiu unha peza sobre cales son as vacinas necesarias na infancia —segundo o Sergas—.
Recomendación semanal 🪶
Como boa cinéfila que son, levo semanas —mesmo meses— agardando o estreo de La Bola Negra, a película dirixida por Javier Ambrossi e Javier Calvo que adapta unha obra inacabada do poeta Federico García Lorca a causa do seu asasinato. Estreouse onte en cines e, aínda que non teño entradas, espero poder vela esta fin de semana. Ademais, é a película que representará a España nos Oscar o vindeiro mes de marzo. E si, teño moitas expectativas —sobre todo despois de que o crítico Carlos Boyero dera o seu bo visto—.
Con todo, gustaríame destacar unha apreciación especialmente axeitada de Claudia Lorenzo Rubiera, quen escribe o suplemento cultural de The Conversation —moi recomendado—. Esta semana ten un título que me encantou: Lorca non volve porque non se fora. E é que, ademais de La Bola Negra, no Festival de Cine de San Sebastián se presentou La voz quebrada, de Manuel Menchón, que rescata as últimas imaxes de Lorca en movemento: como era, como se movía e como escribía. Isto fai evidencia a presenza do granadino na memoria popular 90 anos despois da súa morte.
Sen máis dilación, a miña recomendación desta semana é afondar na obra na que se basea a película de “Los Javis” —só se atoparon catro follas de anotacións—; ler o artigo de Manuel Molina Prados Buscando a voz de Federico García Lorca e, se tes oportunidade, ver a película —a historia non sei, pero as imaxes semellan fermosas—.

Ciencia en confianza é unha newsletter de GCiencia que se lanza todos os sábados ás 10 horas para analizar os temas da semana dunha forma persoal e próxima. Se estás interesado ou interesada en recibila no teu correo, subscríbete aquí.














