Cubrir con terra o vertedoiro da Rúa, a clave para deter a combustión

O catedrático da UNED, José Luis García Ybarra, sinala que o lume podería extinguirse por si mesmo, pero recomenda cubrir a zona afectada para evitar riscos tóxicos

Tras quince días ardendo, a Deputación Provincial de Ourense asumiu o pasado sábado a extinción do lume que afecta o vertedoiro municipal da Rúa dende a chegada do fogo procedente de Larouco. Tras semanas de contacto permanente co concello e coa súa alcaldesa, María Albert, e varias visitas dos técnicos, a institución provincial decidiu contratar de emerxencia as obras de extinción.

O Concello defendía que carecía de capacidade técnica e económica para abordar unha intervención tan complexa como a que require a combustión do vertedoiro, que xa xeraba unha nube tóxica que afectaba a saúde da poboación local. Así o sinalaba María Albert o pasado venres a GCiencia: “Atopámonos nunha situación de abandono por parte do goberno galego”.

Publicidade

Para reforzar o apoio técnico da Deputación, o Concello da Rúa decidiu complementalo con asesoramento científico sobre o punto de combustión das Pedreiras. Para iso, o grupo de goberno contactou coa Universidad Nacional de Educación a Distancia (UNED) respecto á lenta queima do gran depósito de materiais téxtiles e residuos de compoñentes de automóbiles.

O catedrático Pedro Luis García Ybarra, do Departamento de Física Matemática e de Fluídos da Facultade de Ciencias da UNED e especialista en combustión, foi designado para asesorar ao concello sobre o incendio de residuos industriais non perigosos, que xa afecta os veciños de Petín. Tras o primeiro contacto, o concelleiro José Vicente Solarat López enviou ao experto toda a información e os planos dispoñibles sobre a vertedura en combustión.

Publicidade

Necesaria análise e recomendacións

A partir dos datos recibidos, García Ybarra realizou un reconto da situación. Trátase dun vertedoiro controlada que ocupa unha superficie case circular de máis de 100 metros de diámetro. Estes materiais contan con tratamento ignífugo, polo que a súa combustión é lenta e non se manifesta en forma de lapas.

Sobre esta información inicial, o especialista en combustión elaborou unha serie de conclusións e recomendacións. “A falta das necesarias análises, non poden ter máis que un carácter preliminar”, aclara Pedro Luis García Ybarra. En primeiro lugar, explica que o fume do incendio sae principalmente polos bordos do montículo de residuos, formando unha nube visible arredor da súa contorna. O lume avanza en forma de círculo dende o exterior cara ao centro, como se unha fronte de combustión progresara radialmente, deixando no medio unha zona menos fumegada.

O anel de fume visible arredor do vertedoiro da Rúa tiña, o día 27 de agosto, unha anchura dunha decena de metros. Partindo dese dato, o experto calculou que o lume avanzaba moi lentamente: “Estímase que a velocidade de propagación da fronte de combustión en 1-2 metros ao día“.

Segundo García Ybarra, “a progresión do incendio podería deterse mediante o cavado dunha trincheira circular interior á zona de combustión“, que, se se enche con material de cobertura, funcionaría como barreira ou devasa. Con todo, a necesidade de maquinaria e persoal especializado, xunto cos posibles riscos de seguridade, desaconsella esta solución.

Unha extinción natural

A unidade móbil de Meteogalicia situada na Rúa rexistrou o día 26 un episodio de elevadas emisións de partículas finas (PM10 e PM2,5). Dende entón, a taxa de emisións reduciuse de maneira drástica e mantén esa tendencia ata hoxe, o que podería indicar que o incendio se está extinguindo de forma natural.

O tratamento ignífugo dos residuos non evitou a súa ignición durante o incendio forestal. Porén, sen unha achega térmica externa e coa baixada das temperaturas dos últimos días, a combustión podería ser incapaz de manterse por si mesma.

Aínda así, a zona perimetral xa afectada tardará tempo en apagarse se non se limita a entrada de aire do exterior. Segundo Pedro Luis García Ybarra, a medida máis eficaz sería aplicar unha cuberta de material estéril, avanzando dende o camiño de circunvalación cara ao centro do vertedoiro, despois dunha rega previa en cada parcela para arrefriar e recubrir os residuos.

Debe verse en conta que, na zona de combustión, os plásticos tratados con retardantes estiveron sometidos a unha combustión incompleta, en condicións de alta temperatura e pouco osíxeno. Isto puido provocar transformacións químicas que converteron residuos inicialmente inofensivos en materiais tóxicos e perigosos. Esta posibilidade, aínda pendente de confirmar mediante análises específicas, reforza a importancia de cubrir o vertedoiro para evitar que as cinzas emerxan e se dispersen ao exterior.

A resposta da veciñanza

O fume e cheiro procedentes do punto de combustión resultan irrespirables para os veciños, segundo a dirección do vento. Esta situación motivou recentemente dúas accións de protesta. A primeira, o mércores 27 de agosto, consistiu nunha concentración de arredor de 200 automóbiles que retardaron o tráfico na N-120, desde Petín ata O Barco, para logo regresar pola N-536 e percorrer os núcleos urbanos de Vilamartín e A Rúa.

Dous días despois, o venres 29, tivo lugar unha cadea humana ao longo da N-536, entre Petín e A Rúa. En ambas as mobilizacións a mensaxe foi clara: urxe poñer fin a un problema que obriga a vivir coas fiestras pechadas polo mal cheiro e o fume que afecta a ambos os concellos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O vertedoiro que leva 14 días ardendo na Rúa: “O aconsellable é quedar dentro das vivendas”

O lume leva catorce días activo, xerando unha nube tóxica que preocupa pola súa incidencia na saúde da veciñanza e pola falta de resposta da Xunta de Galicia

A vexetación pode recuperarse por si soa despois dun grande incendio?

En cuestión de semanas, os primeiros brotes verdes emerxen entre as cinzas, transformando a paisaxe devastada nun mosaico inesperado de vida

Radiografía do incendio de Larouco: un cóctel devastador de moito vento e pendentes

O experto Juan Picos alerta de que a combinación de factores metereolóxicos e topográficos acelerou a propagación do maior lume de Galicia

A Xunta eleva a 30.000 as hectáreas arrasadas polo incendio de Larouco

O último balance de Medio Rural suma 10.000 hectáreas ao maior lume rexistrado nunca en Galicia, sen que haxa constancia de que aumentase a súa virulencia