A terra volve arder coa chegada do verán. Madrid, Ávila e Toledo son as áreas máis afectadas, onde xa se rexistran arredor de 46 municipios baixo a influencia das lapas. Así, baixo a alerta, cabe destacar a existencia de ferramentas como Incendib, un visor interactivo aberto en liña sen ánimo de lucro e sen publicidade que reúne nun só mapa todos os incendios forestais activos de España e Portugal. No momento de escribir esta información, a península rexistra 30 focos activos segundo este mapa, aínda que nas últimas 24 horas o número chegou a 1.437. Ademais, segundo as cifras aproximadas de cada incendio —algúns carecen de datos— representadas na ferramenta, as lapas asolan 74.295 hectáreas.
O máis potente é o de Burgohondo (Ávila), con aproximadamente 46.139 hectáreas queimadas, cifra actualizada hai escasos minutos. Acada o segundo nivel do Índice de Gravidade Potencial, que marca un grave risco para a poboación e bens non forestais. O lume comezou o pasado mércores 22 e obrigou a mobilizar á Unidade Militar de Emerxencias (UME). Preto da cidade de Madrid notifícanse incendios como o de San Martín de Valdeiglesias, para o que a páxina non conta con datos sobre as hectáreas, e o de Serra Oeste, que leva queimadas aproximadamente 24.000 hectáreas, unha cifra actualizada hai dous días.
Esta ferramenta funciona a través de tres capas de precisión crecente: focos térmicos da NASA FIRMS, perímetros de área queimada de EFFIS/Copernicus —refinados con Sentinel-2— e o estado operativo oficial de onde se está a producir o incendio. No caso de Castela e León é INFORCYL, INFOCA en Andalucía, Bombers de la Generalitat en Cataluña e ANEPC/fogos.pt en Portugal. Así, cada unha das fontes cítase coa súa licencia exacta e amosa o seu estado de saúde, distinguindo sempre detección satelital de incendio confirmado, xa que un foco ten que confirmarse. Con todo, tal e como avanzan dende o equipo de Incendib, “non substitúe os canais oficiais de emergencia; é un complemento informativo“. Ademais do mapa interactivo, a ferramenta inclúe informes, boletíns semanais, noticias e información sobre as fontes.
Preto de Galicia
Galicia foi testemuña dos incendios do verán de 2025, cuxas consecuencias seguen a verse a día de hoxe. O 17 de xuño, o de Herbón-Padrón consagrábase como o primeiro grande lume da tempada. Con todo, a día 27 de xullo, Incendib non rexistra ningún incendio na comunidade, pero si preto.
En Viana do Castelo, cidade do norte de Portugal a menos dunha hora dende Tui, rexistrou dous incendios segundo esta aplicación. Un deles segue activo en Ribeira con arredor de 170 hectáreas queimadas, segundo a información da detección satelital, e foi iniciado o 26 de xullo; o outro rexistrouse na vila de Alvarães, sen un dato aproximado do territorio afectado.
Movendo o mapa cara ao leste de Galicia, aparecen os incendios de Castela e León. Un dos máis próximos sitúase en Quintela, unha localidade pertencente ao concello de Balboa, cuxo lume aínda activo queimou aproximadamente 20 hectáreas dende o seu comezo o 24 de xullo. Implicou a actuación de nove medios aéreos e 27 terrestres, ademais de 15 efectivos. Outro está localizado en Lubián (Zamora), para o que aínda non se teñen cifras.
Podes acceder a Incendib na seguinte ligazón.














