A Unidade de Cardioloxía Intervencionista do Hospital Álvaro Cunqueiro realizou, por primeira vez en España, o implante dun novo tipo de válvula no corazón para tratar a insuficiencia aórtica. Os especialistas implantaron con éxito tres válvulas a tres pacientes, que están dados de alta e evolucionan favorablemente. Trátase dun dispositivo coñecido como “Jenavalve”, deseñado especificamente para o tratamento da Insuficiencia aórtica sintomática grave en pacientes con risco cirúrxico.
Segundo explica o xefe de sección da Unidade de Cardioloxía Intervencionista, Jose A. Baz, “esta nova válvula é a primeira aprobada especificamente para esta patoloxía. Ata agora utilizábanse as mesmas TAVIs que se empregan para tratar estenoses aórtica, pero os resultados eran moi variables e existía risco de complicacións. A aportación fundamental desta nova válvula e o seu mecanismo de fixación, con tres clips ou pinzas que fan que o seu sistema de ancoraxe sexa completo e seguro, cunha adaptación anatómica perfecta ás tres valvas do corazón”.
Ademais, engade que están “moi satisfeitos cos primeiros resultados xa que supón un avance moi importante para os pacientes, porque agora podemos ofrecerlles un tratamento eficaz e seguro fronte a unha patoloxía que carecía dunha terapia axeitada”.
Procedemento minimamente invasivo
A Insuficiencia Aórtica ou “regurxitación aórtica” prodúcese cando a válvula aórtica non pecha ben e o sangue, en vez de fluír polo seu circuíto, volta ao ventrículo esquerdo. Ao recibir sangue de máis e ao ter que bombear sangue extra, o corazón ten que adaptarse, dilatándose e hipertrofiándose en cada latido. Ao longo do tempo o paciente pode sentir síntomas como fatiga, afogo ou inchazón nas pernas.
A inserción da válvula realízase cun procedemento minimamente invasivo, introducíndoa por un catéter a través dunha punción na arteria femoral, sen necesidade de abrir o esterno e parar o corazón. Trátase de procedementos menos agresivos, máis seguros e con menos complicacións en pacientes de alto risco cirúrxico. En consecuencia, reduce dun xeito moi significativo as estancias hospitalarias dos pacientes e permite acelerar a súa recuperación postoperatoria.
Estímase que na Área Sanitaria de Vigo implantarán as novas válvulas a 25 pacientes anuais con Insuficiencia aórtica.














