Un estudo galego vincula as noites calorosas cun aumento da mortalidade de ata o 3%

As altas temperaturas á hora de durmir poden empeorar o sono e agravar enfermidades cardiovasculares, respiratorias e neurolóxicas

Un novo estudo galego revela unha asociación entre as noites calorosas e o risco de mortalidade a nivel global. As conclusións amosan que as temperaturas elevadas durante esa franxa horaria aumentan a mortalidade ata nun 3%, segundo unha análise das principais capitais de provincia españolas e doutras cidades do mundo. O documento foi publicado na revista Environment International.

“O aumento das noites calorosas nas últimas décadas e as proxeccións de maiores aumentos debido ao cambio climático subliñan a crucial necesidade de comprender o seu impacto”, explican desde o equipo investigador. Aclaran que este coñecemento é esencial para definir estratexias de saúde pública e orientar as iniciativas de adaptación. “A pesar da súa importancia, a investigación sobre as súas implicacións segue sendo limitada”, advirten.

Publicidade

A mortalidade aumenta pola calor en Ourense nun 1,61%

Neste contexto, acometeuse o estudo coa fin de analizar se a calor nocturna, que se dá cando a temperatura supera certos limiares durante varias horas, tiña un impacto específico na saúde. Para iso, analizáronse máis de 14 millóns de mortes en 178 cidades de 44 países no período comprendido entre 1990-2018. Tamén utilizaron datos horarios de temperatura e modelos estatísticos avanzados. As cidades seleccionáronse en función da dispoñibilidade de datos, estando representadas por España 42 capitais de provincia (en Galicia, A Coruña, Ourense e Pontevedra). A fracción atribuíble máis grande en España tena Granada cun 3,56%. Está seguida por Madrid, con 3,45%, e Córdoba cun 3,44%. En Galicia, Ourense ten un 1,61% e Pontevedra e A Coruña, un 0,87%.

En xeral, o exceso de calor nocturna foi xeograficamente coherente, xa que delinea algunhas das unidades fisiográficas e paisaxísticas nos países afectados, mostrando principalmente efectos latitudinais e influencia continental. Os valores máis altos observáronse na conca mediterránea central e sudoriental.

Publicidade

A análise puxo de manifesto que as noites calorosas están asociadas cun aumento da mortalidade de ata o 3%, e que a calor nocturna ten un efecto independente das temperaturas diúrnas. Este achado esixe medidas específicas de prevención. Neste sentido, desde o equipo de investigación apóstase por modelar o impacto subhorario das características térmicas na mortalidade nocturna, o que podería mellorar a toma de decisións para a adaptación a longo prazo e as estratexias preventivas de saúde pública.

A prevención en persoas vulnerables

“A calor nocturna impide a recuperación fisiolóxica do corpo tras o estrés térmico diúrno, afecta a calidade do sono e pode agravar enfermidades cardiovasculares, respiratorias e neurolóxicas”, afirma Dominic Royé, investigador Ramón y Cajal na Misión Biolóxica de Galicia e primeiro autor do estudo. En cidades con efecto illa de calor urbana, a exposición nocturna pode ser aínda máis intensa. “Neste sentido, cabe citar que en España as cidades mediterráneas como Madrid, Valencia, Barcelona e Sevilla presentan unha alta frecuencia de noites tropicais e ecuatoriais, e que as poboacións máis vulnerables inclúen persoas maiores, enfermos crónicos e quen vive en zonas urbanas con escasa ventilación ou acceso limitado ao aire acondicionado”, destaca o experto.

Ante estes resultados, o equipo de investigación avoga por incluír a calor nocturna nos sistemas de alerta temperá, desenvolver refuxios climáticos urbanos e aumentar as zonas verdes. Tamén garantir condicións térmicas adecuadas en vivendas, hospitais e residencias e deseñar plans de prevención que consideren a calor nocturna como un risco específico.

As noites tropicais aumentaron substancialmente nos últimos anos por efecto do cambio climático, segundo destaca Aurelio Tobías, investigador do Instituto de Diagnóstico Ambiental e Estudos da Agua do CSIC
e autor do estudo. “Este verán vímolo de forma inédita”, sostén. “É fundamental que as políticas públicas incorporen esta dimensión para protexer mellor as poboacións vulnerables”, engade Veronika Huber, autora do estudo.

Máis de 40 países

Segundo os investigadores, son necesarias máis análises para estudar a relación entre os efectos da calor diúrna e nocturna en cidades doutros climas e examinar os subgrupos vulnerables. Ademais, recordan que tamén se descoñece como se relacionan entre si o exceso de calor e a súa duración, e se períodos curtos de temperaturas nocturnas moi altas son máis prexudiciais para a saúde humana que as que son elevadas e prolongadas.

O estudo contou coa participación máis de 40 institucións de diferentes países (entre outros, Brasil, Alemaña, Francia, China, EE.UU…), estando por España o CSIC (a través da Misión Biolóxica de Galicia, o Instituto de Diagnóstico Ambiental e Estudos da auga e a Estación Biolóxica de Doñaña) e a Universitat de València.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Investigadores analizan macroalgas verdes mariñas para impulsar a súa valorización en Galicia

Un equipo da UVigo estuda os polisacáridos do xénero Codium da costa galega como fonte de novos ingredientes funcionais

Unha tese identifica unha Escola Galega de Percusión con ritmos e técnicas propias

A investigación de Cristian Silva Bóveda na USC recupera a historia dos intérpretes relegados e descifra os patróns de gravacións do século XX

Galicia está entre as zonas cun maior declive de polinizadores de Europa

Entre os anos 1921 e 2020, na rexión atlántica diminuíu un 42% a ocupación das especies de abellas e nun 32% a dos sírfidos

A chuvia de estrelas das Oriónidas alcanza o seu pico de actividade: guía para observalas dende Galicia

Os meteoros, orixinados nos restos do cometa Halley, poderán deixar ata 20 corpos celestes por hora entre o 21 e 22 de outubro