A calor abrasa Galicia e xa cobra a vida de 475 persoas no que vai de verán. A cifra é especialmente alta, sobre todo se se ten en conta que o ano pasado faleceron 712 persoas durante a estación máis cálida do ano. De seguir así, 2025 podería superar as cifras de 2024, que xa era a segunda máis alta desde que hai rexistros na plataforma MACE (Mortalidade Atribuíble en verán pola Calor en España) da Fundación para a Investigación do Clima (FIC), da Universidade de Valencia (UV) e do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).
A maioría das mortes prodúcense nas provincias de Pontevedra e da Coruña. En Pontevedra, que xa acumula oito días de calor extrema, rexistrou ata o 13 de xullo 172 mortes. A cifra é superior a provincias como Badaxoz, Córdoba e Málaga. Ademais, está empatada con Sevilla, Almería e Huelva como a terceira provincia con máis días de calor extrema, aínda que hai que ter en conta que os limiares de temperaturas para declaralos como tal son distintos.
A Coruña é outro punto no que se rexistran un elevado número de falecementos: 160. Deles, 100 foron por altas temperaturas de carácter moderado e 60 por extremo, das cales 13 clasificáronse como excesivo (a denominación que se dá a días extremadamente calorosos). É a cuarta provincia, empatada con Lugo, con máis falecementos neste último segmento, só por debaixo de Barcelona, Zaragoza e Biscaia.
Lugo e Ourense, as provincias con máis mortalidade
As porcentaxes de mortalidade por calor excesivo son especialmente elevadas en Lugo e Ourense. Cunha taxa de 4 por cada 100.000 habitantes, os lucenses manteñen a máis alta de todo o país, seguido de Ourense. Por debaixo destas dúas atópase Barcelona, outro foco das mortes por calor no país. De feito, o ano pasado Lugo rexistrou 108 mortes. Entre xuño e ata o 13 de xullo, os datos de MACE xa contan con 71. “Debemos prestar atención non só a días de vaga de calor, senón tamén días individuais con temperaturas extremas” destaca Dominic Royé, climatólogo e investigador da Misión Biolóxica de Galicia do Consello Superior de Investigacións Científicas (MBG-CSIC).
De seguir con este ritmo, Lugo podería superar a marca de 2022, cando 113 persoas perderon a vida debido ás altas temperaturas. É unha análise que se pode facer en toda a comunidade. “Sitúase preto do que chegamos a observar en 2022, un verán de extremos sen precedentes”, considera Royé. “Aínda está por ver como seguirá o resto do mes de xullo e particularmente agosto, pero xa está tendo un impacto importante na mortalidade”, avisa.
Os días de temperaturas extremas non son os únicos relevantes. “A calor moderada tamén mata, aínda que non se chegue aos extremos”, explica o investigador. O 79% das mortes do ano pasado en Galicia foron con temperaturas altas pero sen chegar a ser extremas. “É como un veleno, unha dose alta mata directamente, pero doses moderadas durante moitos días, tamén”, advirte Royé.
Aumentan os limiares
O aumento das temperaturas dos últimos anos afectan ata na forma de medir os limiares adecuados en Galicia. Estes límites que marcan cando as temperaturas son demasiado elevadas calcúlanse collendo o 5% dos días máis cálidos dos últimos anos. Ao ter veráns máis calorosos, esta temperatura aumentou. No caso de Pontevedra, dos 25,1 graos aos 25,3. Tamén subiu dúas décimas nas provincias de Lugo e Ourense.
A fracción das mortes atribuíbles á calor é, de momento, menor. No caso de Pontevedra, ata o 8,9% das persoas falecidas son polos efectos deses días calorosos. Máis baixa é esa porcentaxe en Ourense (6,6%), Lugo (6,8%) e na Coruña (5,7%). Todas as provincias galegas están lonxe das taxas que presentan Salamanca (13,3%), Toledo (14,2%) e Soria (15%).
Máis días de calor en Galicia
Meteogalicia prevé para estes días un panorama máis moderado. A presenza de aire frío en altura a partir deste venres deixará os termómetros sen superar os 30 graos nas grandes cidades e con mínimas de 13 en Santiago de Compostela. Ese descenso continuará ata o domingo. As máximas estarán entre os 21 e os 24 graos, malia que as mínimas se manterán.
Isto contrasta coas últimas xornadas. O pasado mércores os concellos de Pantón e Ribas de Sil en Lugo, e Ourense superaron os 40 graos. Tamén altas temperaturas en Vilamartín de Valdeorras e en Leiro, pero en xeral en toda a comunidade. Pontevedra acadou os 35 graos e en lugares como As Neves, rexistrou temperaturas por riba dos 39.
O descenso térmico en toda Galicia pola perda da influencia anticiclónica deixará ceos pouco a pouco máis cubertos na metade norte, con posibilidade de orballos desde esta mesma xornada. O vento soprará de forma moderada na Costa da Morte, segundo a institución meteorolóxica. O venres a inestabilidade atmosférica provocará chuvascos, que terán máis forza na parte norte da comunidade. Tanto o sábado como o domingo haberá choivas en diversos puntos do territorio, acompañado dese descenso térmico. A partir do luns un novo anticiclón elevará de novo os termómetros.
Para facer fronte á calor durante o resto do verán, os expertos insisten na importancia de estar sensibilizados. Hidratarse ben, buscar lugares frescos e manter unha alimentación lixeira son algunhas das recomendacións habituais. É importante atender á poboación vulnerable, a máis susceptible de sufrir golpes de calor e as consecuencias das altas temperaturas. A máis longo prazo, Royé ve urxente adaptar zonas urbanas, crear refuxios climáticos, mellorar a eficiencia enerxética dos fogares e sensibilizar máis a poboación.














