Sempre fixo tanta calor en xuño en Galicia? Non, e os datos dos últimos 50 anos non deixan lugar a dúbidas

Unha análise elaborada con información da AEMET demostra que as vagas estanse adiantando e cada vez son máis comúns

A calor abafante dos últimos días invitou aos baños refrescantes nas praias, piscinas e ríos. A poñer o aire acondicionado e os ventiladores. E a beber máis auga ca nunca. No medio destas actividades que tratan de buscar o maior alivio térmico, hai quen di que tanta calor en Galicia non é normal. Outros defenden que xa estamos en verán e que sempre houbo altas temperaturas por esta época. Pero non, isto último non o certo. A Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), á falta dun día para que remate o mes, sospeita que será o xuño máis cálido da serie histórica en España. E para xustificalo analizaron os datos de ondas de calor dos últimos 50 anos. E si, non só se están adiantando, senón que cada vez son máis comúns.

Un artigo publicado no blog da AEMET e elaborado pola iniciativa Meteoclimática do Centro de Investigación Ecolóxica e Aplicacións Forestais (CREAF) corrobora que a calor dos últimos días é propia dos meses de xullo e, sobre todo, agosto. Máis non é habitual —ou non o era ata hai unha década— que en xuño se chegase a unhas temperaturas tan asfixiantes. O gráfico elaborado polos autores permite ver con claridade como o número de días rexistrados por onda de calor aumentou significativamente na última década. En xuño, que apenas se notificaban antes desa data, as vagas son cada vez máis frecuentes.

Publicidade

Número de días por mes rexistrados dentro dunha onda de calor entre os anos 1975 e 2024 na península ibérica. Foto: AEMET / Meteoclimática

Cinco vagas de calor en xuño en tan só 10 anos

De feito, en tan só unha década, a AEMET declarou en 2015, 2017, 2019 e 2022 ondas de calor en España en xuño. Habería que sumar a que se está vivir nestes últimos días do mes. O ano co maior número de días rexistrados con calor extrema foi o 2017, con nove xornadas abafantes en 30 provincias españolas. Dende o día 13 ao 21 de xuño daquel ano, a poboación de gran parte do Estado viviu unha onda de calor de récord. En canto a provincias, nos últimos 10 anos é Cuenca a que máis número de vagas rexistrou, acadando as 29.

Galicia tamén se asfixia cada vez máis

No caso das provincias de Galicia, no período 1975-1984 rexistraba moi poucas ondas de calor —segundo a lenda de cores, o mínimo— e, ademais, de curta duración. Mais co transcurso do tempo, e sobre todo dende 2015, o mapa reflicte claramente que as vagas son cada vez máis extensas en Ourense, que se achega ás zonas máis cálidas de España, e tamén na Coruña. Pontevedra e Lugo mantéñense en valores similares aos de hai 50 anos.

Publicidade

En canto ao porqué de tanta calor na última década, informes internacionais mencionados no artigo, como o de Climameter, apuntan directamente ao quecemento global. “A calor rexistrada en xuño foi un evento impulsado por condicións meteorolóxicas pouco usuais, cuxas características poden atribuírse ao cambio climático antropoxénico”, sinalan. E máis alá de España, outros países europeos como Francia, Reino Unido e Italia tamén están a vivir o seu embate en forma dunha calor asfixiante e, dende logo, pouco común ata o de agora por estas datas.

1 comentario

  1. Pouco se menciona a importancia contra o cambio climatico de loitar contra a destrucción das grandes selvas primarias do planeta. Ecosistemas importantisimos na estabilidade do clima mundial e os xigantes lumes provocan emisions enormes de gases de efecto invernadoiro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un potente anticiclón chega a Galicia: estamos ante a primeira onda de calor do ano?

As temperaturas poderán ser as máis altas rexistradas para esta época do ano entre finais da semana e comezos da próxima

Crista subtropical sobre Galicia: os modelos europeos anticipan temperaturas extremas

A chegada dunha masa de aire cálida traerá unhas anomalías positivas de 6ºC no litoral galego e ata 10ºC no interior

Do formigón de Ourense aos parques de Santiago: un estudo contrasta os dous modelos de zonas verdes

A cidade do sur galego é unha das tres con peor cobertura, con 4,6 metros cadrados por habitante, moi por debaixo da media de 14,15

Aire acondicionado fronte ao cambio climático: indispensable ou incompatible?

A OMS presenta unha nova guía de plan de acción sobre saúde e calor na que recoñece os seus efectos negativos á vez que insiste na necesidade de acceso