O aire africano trae 48 horas máis de calor extrema: estas son as zonas máis afectadas

A entrada dunha fronte pouco activa polo norte de Galicia provocará un grande alivio térmico a partir do mércores

Leva unha chaqueta por se refresca. A frase máis típica do verán galego perde toda validez durante a primeira onda de calor do ano. O sábado 28 de xuño comezou o episodio na meirande parte da península, incluíndo algúns puntos de Galicia, debido a un amplo anticiclón e á entrada de aire africano. O país aínda vivirá 48 horas máis de calor extrema que se reflicten nas últimas temperaturas acadadas tanto de día como de noite. Sen ir máis lonxe, Fornelos de Montes superou os 25 graos na madrugada deste luns, o que se cualifica como noite ecuatorial. E este domingo, Ourense chegou aos 42,9 graos ás 16:30 horas nun día de calor extremo.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), este luns será un dos días máis calorosos da onda de calor. De feito, Meteogalicia activou a alerta laranxa por temperaturas superiores aos 39 graos entre as 15 e as 21 horas no Miño de Ourense, no sur de Lugo e en Valdeorras. O aviso amarelo afecta ao sur e ao noroeste de Ourense, así como ao centro de Lugo, por valores de máis de 36 graos. E tamén á montala luguesa, ao Miño de Pontevedra e ao interior coruñés por máximas superiores aos 34 graos.

Publicidade

Da alerta ao alivio térmico

O anticiclón e ao aire africano, causantes destes altos valores no comezo do verán, persistirán durante o martes. Así é que Meteogalicia mantén a alerta por temperaturas superiores aos 36 graos no Miño, sur e noroeste de Ourense; en Valdeorras; e no sur de Lugo. Debido á predición achegada pola institución meteorolóxica galega, a Xunta decidiu activar o nivel 2 de alerta no interior de Pontevedra, Valdeorras e centro, montaña e sur de Lugo; e o nivel 3 no noroeste e no Miño de Ourense. Agárdase que se suspendan as alertas a partir do mércores.

O prognóstico de Meteogalicia apunta á chegada dunha fronte pouco activa o terceiro día da semana. Rozará o norte de Galicia pero será suficiente para o alivio térmico e un considerable descenso das temperaturas. De feito, agárdase que nalgunhas zonas haxa ata 12 graos de diferenza con respecto aos días anteriores. Coa retirada do aire africano tamén se agarda que a situación sexa máis fresca ao longo da semana, cun aumento das probabilidades de chuvias febles e un maior descenso dos valores.

Publicidade

Bebe moita auga e outras tantas recomendacións

Con todo, ante as próximas 48 horas de calor extrema nalgúns puntos de Galicia, convén seguir unha serie de recomendacións emitidas pola Xunta para evitar danos á saúde. Debes beber moito líquido sen esperar a ter sede, mais evitar bebidas quentes, alcohólicas, café, té ou as moi azucradas. Aumenta o consumo de ensaladas, verduras e froitas e prescinde das comidas copiosas. Usa roupa de tecidos naturais, que sexa lixeira e folgada. Non esquezas o sombreiro, as lentes de sol e as cremas solares, así como o calzado fresco, cómodo e que transpire.

O mellor é que permanezas en espazos ventilados ou acondicionados, ou ben escolle sempre lugares á sombra. Aposta polas habitacións máis frescas da casa e baixa as persianas durante o día e abre as xanelas pola noite para ventilar. O mellor é que non realices actividades ao aire libre nas horas de máis calor e reduzas a actividade física. E no caso de sufrir moita fatiga, esgotamento ou un golpe de calor, hai que solicitar axuda médica urxente ao 061. Mentres non chega a asistencia, traslada o afectado á sombra, arrefríalle, molla con auga fresca e abana e hidrata con pequenos grolos de auga ou bebidas minerais. Iso si, sempre que estea consciente. Se non o está, é mellor deixar á persoa afectada coas pernas flexionadas e non ofrecerlle líquidos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha igrexa e un curtidoiro elevan a 93 os bens galegos na Lista Vermella

A Coruña concentra o maior número de monumentos en risco, con 34, seguida de Lugo, Pontevedra e Ourense

Percepción do piropo entre a mocidade galega: só o 25% dos rapaces se sente mal cando o emite

Unha tese doutoral investiga a obxectivización do corpo das muller a través desta antiga práctica en 232 adolescentes de Pontevedra e Ourense

Do cambio climático aos patóxenos: as claves do acusado declive da zamburiña en Galicia

Un grupo do IIM-CSIC inicia unha investigación no único banco natural explotable en Galicia que apunta unha combinación de múltiples factores

▪️ Galicia rexistrou a primavera máis seca dende 1990

O último informe de Meteogalicia indica que nos meses de marzo, abril e maio houbo un 46% menos de precipitacións do habitual para o período