A viaxe en tren pola Galicia da costa, dos pazos, dos mosteiros e da gastronomía

As posibilidades de facer un turismo máis sostible chegan da man de rutas como a dos queixos ou a do viño Monterrei

Desde o tren pode distinguirse a poboación: algunhas casas e o que parece unha especie de igrexa. Unha estrada empedrada indica o camiño polo que se vai cara ao centro da vila. A pesar de contar con menos de 1.300 habitantes, a Colexiata da Xunqueira de Ambía ten con frecuencia visitantes. Pero se antes o coche era o medio de transporte habitual para os interesados na zona, agora os protagonistas son os trens (combinados con buses) que os levan ata esta construción.

Monumento nacional desde 1931, é unha igrexa románica creada na segunda metade do século XII. Porén, esta visita só é unha das bases. A experiencia parte dun total. Pouco antes, o paso pola bodega Gargalo permite degustar os seus viños Denominación de Orixe Monterrei. Máis tarde e tras un paseo por Allariz, o paso polo Ecoespazo do Rexo aínda deixa no padal ese sabor que tanto afana os amantes do queixo. O día remata no Baño de Molgas, que é museo, albergue e restaurante. O sabor, a vista, o son o olfacto e o tacto. Todos os sentidos activados nun camiño cun claro protagonista: o tren.

Publicidade

Os trens turísticos de Galicia –unha iniciativa da Secretaría de Turismo da Xunta– propoñen unha viaxe diferente, sen necesidade de coches e facendo rutas diferentes de forma sostible. Estaca de Bares, Cabo Ortegal, Vixía Herbeira, os acantilados de Loiba e Santo André de Teixido é o percorrido por unha das opcións máis demandadas, que tamén pasa por Viveiro. O pazo de Rubiáns, o castelo de Soutomaior e os xardíns do pazo Quinteiro da Cruz será outra das alternativas para moitos. E aí está a base. Moitas posibilidades a través de diversas rutas por toda a comunidade.

Oferta variada de transportes

Aínda que o tren será un dos medios principais de transporte, non é o único. O autobús achegará os visitantes a eses puntos algo máis afastados das estacións. E, como non podía faltar, tamén hai a opción de ir en catamarán polo río Sil. É o caso da ruta do viño na Ribeira Sacra e Valdeorras. Nesta poderás degustar produto con denominación de orixe na bodega A Coroa. Tamén coñecer máis a fondo o santuario das Ermidas e Os Peares, no que visitarás o seu museo ferroviario.

Publicidade

A ruta das Mariñas, a experiencia Mega e A Coruña de 1906, a dos mosteiros, a dos viños do Ribeiro e das Rías Baixas… Moitas opcións para unha viaxe na que non se depende do coche e que permitirá ver algo máis que as principais cidades galegas.

Poucas prazas libres

Iso si, os interesados xa non teñen todas as datas dispoñibles. A ocupación sitúase no 71,4%, aínda que quedan billetes para saídas de agosto, setembro e outubro. De feito, dous traxectos xa teñen o 100% das prazas cubertas. É o caso da ruta dos faros e que ata agora acadou unha ocupación do 98,4%. O segundo é a ruta dos Mosteiros que saíu o pasado sábado con 100 persoas a bordo e que tivo case cheo co 92,5% das prazas cubertas.

Outra que tamén está ao borde do cheo é a das Rías Baixas, que apenas conta con prazas dispoñibles e para unha única data: o 9 de agosto. O traxecto utiliza o cartel de completo desde o 28 de xuño, cando fixo a súa primeira viaxe sen deixar un oco libre. Os cidadáns tamén puideron desfrutar da ruta das Camelias, que xa fixo todas as súas viaxes e cunha ocupación do 93,5%.

Un turismo máis deslocalizado

A proposta é unha maneira de favorecer a visita a algúns dos puntos nos que destaca Galicia. Especialmente, aqueles situados fóra das cidades, con menos xente e nos que o seu paso, que se realiza en días soltos e en grupos organizados, poden ter un impacto positivo na economía local.

Iso si, ante todo, o máis importante para que as viaxes sexan sostibles é ter sentido común e comportarse de forma adecuada: non tirar o lixo no chan e respectar a fauna e a flora local. A intención de desconcentrar os destinos e dirixir os fluxos turísticos a outras zonas non só diversifica a oferta senón que ten como obxectivo que os visitantes se distribúan mellor por todo o territorio. No caso de Galicia, conta con diversos atractivos: as costas, vilas, pazos e a oferta gastronómica que se reparte ao longo de diversas localidades.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como de sostible é o teu concello segundo os obxectivos para 2030? Compróbao neste mapa interactivo

A UVigo desenvolve unha plataforma aberta que avalía o grao de cumprimento dos 17 ODS a partir de 69 indicadores

Investigadores analizan macroalgas verdes mariñas para impulsar a súa valorización en Galicia

Un equipo da UVigo estuda os polisacáridos do xénero Codium da costa galega como fonte de novos ingredientes funcionais

Unha tese identifica unha Escola Galega de Percusión con ritmos e técnicas propias

A investigación de Cristian Silva Bóveda na USC recupera a historia dos intérpretes relegados e descifra os patróns de gravacións do século XX

Galicia está entre as zonas cun maior declive de polinizadores de Europa

Entre os anos 1921 e 2020, na rexión atlántica diminuíu un 42% a ocupación das especies de abellas e nun 32% a dos sírfidos