Sábado 12 Outubro 2024

O Castelo de Soutomaior, pioneiro en acadar o selo Xardín Histórico Observer

O espazo verde que rodea a fortaleza, dunhas 25 hectáreas, conta con árbores senlleiras como un dos maiores camelios de Galicia

O Castelo de Soutomaior converteuse esta semana nun destino pioneiro en todo o territorio estatal ao acadar o certificado “Xardín Histórico Observer®”, que outorga un selo como recoñecemento aos espazos que apostan pola promoción do turismo científico.

No caso dos xardíns históricos, o selo valora os “conxuntos históricos do patrimonio natural ou cultural que constitúan un recurso único e singular a través do que realizar actividades de divulgación e turismo científico no eido da botánica e a historia”. Segundo detallou a directora de Observer, Maite Vence, os xardíns de Soutomaior superaron con “sobresaínte”, a auditoría científica composta por tres obxectivos xerais, 14 criterios, 57 indicadores e 197 medidas de valoración, cualificando moi positivamente as actividades de divulgación e márketing, así como o vínculo con organismos de investigación como a Estación Fitopatolóxica de Areeiro e tamén os protocolos de bioseguridade para facer fronte á Covid-19, nos que o Castelo sacou un 10 sobre 10. Ademais, a auditoría salientou os principais recursos que ofrece a visita ao lugar, como o seu patrimonio histórico, arquitectónico, botánico ou hortofrutícola.

Publicidade

Maite Vence, Carmela Silva e Agustín Reguera. Foto: Deputación de Pontevedra.
Maite Vence, Carmela Silva e Agustín Reguera. Foto: Deputación de Pontevedra.

Nas súas 25 hectáreas, o xardín conta con máis de 1.000 exemplares de 127 especies e 40 familias botánicas, entre as que destacan o bosque autóctono, os viñedos, as árbores froiteiras, ou os xardíns inglés e francés. En 2012 recibiu a mención como Xardín Internacional de Excelencia da Camelia, e como parte da ruta galega desta flor. Ademais, o xardín conta con exemplares monumentais de secuoia ou araucaria, que forman parte do Catálogo Galego de Árbores Senlleiras.

A camelia, de pazo en xardín e de flor en flor

No acto de entrega do selo participaron, ademais de Maite Vence, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada do alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera. Silva amosouse “encantada” de “poder formar parte dos destinos Observer® de turismo científico, porque vivimos nunha provincia que ten moitos valores para ser o centro desta modalidade turística”. Na provincia de Pontevedra hai outros catro destinos que contan coa certificación Observer®: a fervenza do Toxa en Silleda, a ponte de Rande, o Monte Aloia de Tui e o Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia.

Publicidade

Silva destacou que noutros lugares do mundo como Francia ou Estados Unidos o turismo científico “ten un enorme pulo“. Neste eido, a presidenta detallou a importancia do distintivo, xa que esta modalidade “está a ter cada vez máis capacidade de atraer visitantes” e ten unha estreita relación coa sustentabilidade. “Nós cremos moito no turismo sostible, diferente, que salvagarde os valores. Este xardín é un marabilloso espazo natural, un orgullo para a provincia, Galicia e España, porque hai poucos coma este e ten todos os merecementos para cumprir coas rigorosas avaliacións que se fixeron para poder formar parte deste turismo científico”, destacou a presidenta da Deputación. Tamén adiantou que, a partir de agora, se van poñer en marcha numerosas actividades ligadas ao turismo científico para “converter o castelo nunha referencia“. Pola súa banda, o alcalde de Soutomaior amosou tamén o seu orgullo pola “importante distinción que vén de recibir o castelo, a segunda importante tras ter acadado a de Excelencia Internacional”, dixo Reguera.

Tras superar a fase de certificación, o Castelo de Soutomaior continuará avanzando cara ao seu posicionamento como destino de turismo científico cun complemento formativo para as/os guías, que terá lugar o 5 de outubro e, nos vindeiros meses, co desenvolvemento de contidos específicos, apostando polo turismo sostible e innovador.

Do mesmo xeito, o Castelo xa conta coa súa entrada na web de Observer, no que se fai un percorrido pola súa historia, desde a construción no século XII ata a máis recente. Entre outras apreciacións, conta coas achegas de expertos como Gaspar Bernárdez Villegas, experto en árbores senlleiras, e Carmen Salinero, directora da Estación Fitopatolóxica do Areeiro e presidenta da Sociedad Española de la Camelia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:54:16

Begoña Vila: “Cando son a única muller nunha reunión xa non o penso. Aprendino co tempo”

A astrofísica da NASA clausura o ciclo 'Ciencia en feminino' facendo un repaso á súa traxectoria como muller e científica
00:00:00

EN DIRECTO | Ciencia en feminino. Entrevista con Begoña Vila

A astrofísica viguesa traballa actualmente na NASA e conta a súa experiencia como muller científica nun campo tradicionalmente masculinizado
00:59:50

“A presión que hai en España por investigar fóra non a hai noutros países”

As científicas galegas Raquel Lama, Cristina Lazcano e Carmen Figueras participaron na terceira sesión de ‘Ciencia en Femino’ para falar sobre as súas experiencias investigadoras no estranxeiro
00:36:16

“As mulleres teñen que dar un paso adiante e crer que poden emprender”

Na segunda sesión de Ciencia en Feminio a CEO de Hifas da Terra, Catalina Fernández, explica que a ciencia debe ser “vendible” e beneficiosa para a vida das persoas