As medidas para controlar a transmisión do SARS-CoV-2 en Galicia ampliáronse a novas áreas do país despois da última reunión do comité clínico que asesora á Xunta, celebrada este mércores. No encontro analizáronse os informes que realiza a Dirección Xeral de Saúde Pública, encargada de vixiar posibles focos de transmisión comunitaria que provoquen un aumento da incidencia e, por tanto, un agravamento da situación sanitaria nunha determinada zona. Os datos levaron a Sanidade a anunciar novas limitacións en Ourense, onde boa parte da cidade queda coas medidas máis estritas, Vilagarcía de Arousa e o núcleo do Milladoiro, en Ames, moi preto de Santiago de Compostela.
É precisamente neste último punto onde se detectou “un evento de gran potencial de expansión da infección“, aínda que a información difundida por Sanidade non achega máis detalles. Nun principio, a Xunta informou de que as medidas se cinguían no Milladoiro á zona da Avenida Rosalía de Castro e a rúa Anxeriz, aínda que pouco despois estendeu as restricións a todo o núcleo.
No caso do Milladoiro, Saúde Pública expón tamén que, debido á menor idade dos grupos máis afectados polo brote, “existe un número importante de infectados asintomáticos ou con síntomas moi leves, o que facilita a transmisión da infección”. No concello de Santiago, que forma case un continuo co Milladoiro pola súa proximidade, mantéñense tamén as restricións, xa que “aínda que se observa un lixeiro descenso na taxa acumulada e na taxa de incidencia global, o número de casos confirmados e as taxas seguen a acadar valores destacables”.
Ourense
Outro dos lugares que preocupan en Sanidade é Ourense, no que xa estaban vixentes nalgunhas rúas do barrio do Couto as medidas que reducían a cinco persoas as reunións e establecían a prohibición de que bares e cafeterías poidan servir no interior, limitándose a atender nas terrazas a grupos de cinco persoas, cifra que tamén se aplica ás mesas interiores de restaurantes.
A evolución epidemiolóxica na cidade levou a estender estas restricións a todo o barrio do Couto, despois de que se constatase un aumento da taxa de incidencia nos últimos sete días, que “duplica” a de Galicia. Saúde Pública di que nos “datos máis recentes da investigación epidemiolóxica obsérvase que a distribución dos casos dentro do concello segue a non ser uniforme, detectándose agrupacións de casos en determinadas zonas da cidade que se amplían respecto ao informe anterior”, con características de “alto risco” na positividade das probas PCR nestas zonas, que se poden ver baixo estas liñas.

Vilagarcía de Arousa
A falta de datos a nivel municipal non permitiu observar o aumento de casos en Vilagarcía de Arousa, outro dos municipios que desde a medianoite do día 23 ao 24 entrou tamén nas áreas con restricións. Saúde Pública expón o “empeoramento da situación epidemiolóxica”, cun número reprodutivo instantáneo preocupante, xa que “cada caso pode xerar entre 2 e 4 casos secundarios”. A importante concentración urbana do concello,” fai previsible que o brote neste concello continúe o seu crecemento”, aínda que se considera que “tamén pode ser controlado se se establecen as medidas adecuadas”.
Brote nun bar de Lalín
Na comarca do Deza, a orde que estendeu as limitacións nos concellos de Lalín e Silleda dá tamén máis detalles sobre a situación epidemiolóxica. Exponse que “no concello de Lalín se deu un brote que afectou traballadores e clientes dun bar, que semella que amplificou a transmisión xa que posteriormente comezou a aparición de casos entre familiares e, neste momento, parece que está a estender os casos cara ao concello de Silleda“, o que acabou provocando a extensión das medidas ao municipio veciño.
Incídese neste caso nas “idades medianas” dalgúns dos afectados polo “tipo de clientes que frecuentan o establecemento de hostalaría implicado no brote”, así como “grupos de idade nova afectados que poden amplificar a transmisión, pola posible clínica máis leve que poderían presentar”. A taxa de incidencia detectada neste brote, así como a positividade das PCR no rastrexo de contactos, con “risco alto”, levan a manter as medidas.
No resto das áreas afectadas, aínda que a situación amosa unha mellora, Sanidade decidiu estender as limitacións. É o caso dalgúns barrios da Coruña e os concellos de Santiago de Compostela, Lugo, Pontevedra, Poio, Marín e Vilaboa. Porén, na área de Pontevedra, a última zona destas na que se aplicaron restricións, Saúde Pública expón que “o brote non está baixo control”, aínda que hai unha “lixeira baixada” e, no caso de Marín, “os grupos de idade máis afectados corresponden a idades moi novas o que pode favorecer a transmisión da enfermidade dada a alta proporción de infectados sen síntomas”.
Situación actual
Alén da situación das zonas con restricións, Sanidade achegou tamén o seu informe diario da pandemia. Este xoves engadíronse a serie 270 casos despois da realización de 5.716 probas máis. Deste xeito, 22.759 persoas foron diagnosticadas coa infección causada polo SARS-CoV-2 en Galicia desde febreiro. Delas, 17.572 xa curaron, 4.461 están como casos activos e 726 faleceron.
En canto aos casos activos, esta é a situación nas distintas áreas sanitarias:
Nos hospitais galegos hai 34 persoas na UCI e 200 noutras unidades de hospitalización:














