“As mulleres teñen que dar un paso adiante e crer que poden emprender”

Na segunda sesión de Ciencia en Feminio a CEO de Hifas da Terra, Catalina Fernández, explica que a ciencia debe ser “vendible” e beneficiosa para a vida das persoas

Foi moi difícil hai 25 anos defender a idea da importancia clínica dos fungos, pero a día de hoxe, Hifas da Terra é a empresa biotecnolóxica líder en Europa no desenvolvemento de produtos dos “primeiros habitantes do planeta”. Así o explicou a súa directora xeral, Catalina Fernández de Ana Portela, na segunda sesión de ‘Ciencia en Feminino’, un ciclo de charlas e conferencias de Gciencia en colaboración coa Deputación de Pontevedra. Nesta entrevista, a tamén a doutora en Investigación Clínica pola Universidade de Santiago (USC) contou a súa experiencia como emprendedora nun sector practicamente descoñecido en España hai medio século. Nesta sesión abordamos o emprendemento con perspectiva de xénero na que Catalina Fernández afirma rotundamete que “as mulleres teñen que dar un paso adiante e crer que poden emprender”, sostén.

A directora ten unha amplia experiencia no sector e cre que non existen as fronteiras á hora de defender a túa idea empresarial se cres nela. “Dicíanme que os champiñóns eran para acompañar o filete, tiven que insistir e contestaba que había moita evidencia científica”. Para ela, emprender é un “posicionamento de vida”, e dende que tomou esa decisión, sabía ao que se enfrontaba, pero tamén tiña claras as recompensas. Catalina Fernández cre que a ciencia ten que ser “vendible” e que vén a mellorar a vida das persoas. Se a ciencia fica só nas bibliotecas non se constrúe un benestar para a sociedade. Neste camiño, a directora xeral de Hifas da Terra puxo en marcha un proxecto no que aprendeu que a ciencia ten que ser rendible. “Esta foi a aprendizaxe máis dura de todo este camiño”. Engade que, como muller, non sufriu ningunha discriminación a nivel empresarial en ningún país dos que investigou e traballou.

Publicidade

O último Mapa do Emprendemento publicado en 2023 apunta que só o 20% das emprendedoras en España son mulleres. Sobre isto, a doutora considera que é unha “cuestión cultural” e que o problema en España é que o emprendemento non ten a potencialidade que debe ter. “Temos que pór o emprendemento nun posto de valor. Os empresarios déixanse a vida e o que queren é ter un gran equipo ao seu carón”, apunta. O 70% das traballadoras de Hifas da Terra son mulleres e, nese senso, Catalina Fernández apunta que cando chega un currículo á empresa, o que se valoran as capacidades, non se é un home ou unha muller. Anima a todas as futuras emprendadoras e emprededores a apostar polas súas ideas, aínda que recoñece que non é un camiño de rosas.

O ciclo Ciencia en feminino continuará os vindeiros 4 e 11 de abril. Aquí podes consultar a programación completa:

  • 4 de abril. Mesa redonda sobre investigar no estranxeiro con
    • Raquel Lama é doutora en Bioloxía e investigou no grupo de Viroloxía Molecular de Peixes no Instituto Nacional para a Investigación Agronómica (INRAE) en Francia. Actualmente traballa na USC cun contrato Juan de la Cierva.
    • Cristina Lazcano é doutora en Bioloxía pola Universidade de Vigo (UVigo) e actualmente é profesora asistente de Solos e Nutrición Vexetal na Universidade de California Davis. Investiga en cambio climático.
    • Carmen Figueras é estudante de Londres no Instituto Francis Crick, en Londres, onde investiga sobre o virus da gripe.
  • 11 de abril. Conversa coa astrofísica viguesa Begoña Vila, especializada no estudo de galaxias espirais e traballa actualmente na NASA. É unha das responsables do telescopio espacial James Webb, un instrumento que está cambiando a maneira na que se observa o universo grazas á súa tecnoloxía de infravermellos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Aos seis anos, a presión cultural xa fai efecto e as nenas deixan de verse capaces de calquera cousa”

A enxeñeira Soledad Torres Guijarro participou xunto á bióloga Iria Gómez Touriño e á enfermeira Ainara Díaz Geada na última sesión de Ciencia en feminino
01:04:45

EN DIRECTO | Ciencia en feminino. Obstáculos da carreira investigadora

A enxeñeira Soledad Torres, a bióloga Iria Gómez Touriño e a enfermeira Ainara Díaz Geada participan na última sesión do ciclo de GCiencia e da Deputación de Pontevedra

Elena Vázquez Abal: “Debemos crear referentes científicas actuais para as novas xeracións”

A matemática galega lidera iniciativas internacionais e impulsa a igualdade nas ciencias dende a súa experiencia académica e persoal
00:37:33

EN DIRECTO | Ciencia en feminino. Entrevista con Elena Vázquez Abal

A matemática recibiu o Premio de Divulgación Científica 2024 por unanimidade pola súa carreira investigadora e docente