Que é o Tesouro de Caldas, a xoia patrimonial galega retirada do museo tras descubrir un plan de roubo

O conxunto, formado por 41 pezas e uns 15 quilos de ouro da Idade do Bronce, é unha das mostras máis importantes da ourivaría prehistórica europea

“O Tesouro de Caldas é un dos conxuntos de ourivaría prehistórica máis extraordinarios de Europa”. Así define Beatriz Comendador, profesora titular da Área de Prehistoria da Universidade de Vigo (UVigo) e investigadora do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) este conxunto de 15 quilos conservados de ouro, tamén coñecido como Depósito das Silgadas. Ata principios de outubro, este ben patrimonial conservábase no Museo de Pontevedra, pero a institución decidiu retiralo temporalmente por motivos de seguridade e pola crecente preocupación por roubos en todo o mundo —como o Museo do Louvre en París ou o Museo de Villena en Alicante—. Un mes máis tarde, Cadena Ser falou con Rafael Domínguez, vicepresidente da Deputación de Pontevedra e máximo responsable do Museo, quen admitiu o aviso de que unha banda profesional buscaba roubar o Tesouro de Caldas mediante a subtracción das súas 41 pezas, co obxectivo de fundilas e vender o resultado, que podería alcanzar os tres millóns de euros.

A historia detrás deste conxunto, datado da Idade de Bronce, é curiosa: o 20 de decembro de 1940, durante uns traballos agrícolas xunto á casa señorial “A Canle”, o tesouro foi atopado por Amalio Touceda, veciño da zona, e Ignacio Maquieira, dono da finca, quen decidiron repartir os bens en dúas partes iguais usando unha balanza romana. Ningún deles quería facer público o achado, á espera de vender as pezas e obter unha recompensa económica. Os expertos estiman que, en orixe, o Tesouro de Caldas puido alcanzar os 50 quilos. Con todo, en 1941, alguén os delatou á Garda Civil, quen interveu e requisou as pezas que aínda non venderan, e o relato apunta ás persoas que estaban na finca no momento do descubrimento que non participaron no reparto.

Publicidade

Unha das evidencias máis relevantes é que se trata dunha testemuña dos coñecementos técnicos e da capacidade de transformación dos metais na Prehistoria, determinado pola complexidade da elaboración, diversidade das pezas e cantidade de ouro acumulado. “O seu verdadeiro valor ten unha dobre dimensión: no que nos permite coñecer sobre as sociedades do pasado e nas preguntas que aínda nos obriga a formular”, indica a tamén investigadora do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC).

A perda de información arqueolóxica

A singularidade do conxunto do Tesouro de Caldas sitúa a Galicia nun lugar destacado no estudo da ourivaría prehistórica europea. Con todo, “o seu valor científico non está esgotado“, engade, xa que as novas metodoloxías de análise e as novas perspectivas de investigación poden seguir dando información sobre un tesouro descuberto hai 80 anos. Por exemplo, entre a información que falta está a procedencia do ouro, os lugares de fabricación das pezas, a identidade das persoas que as utilizaron ou as razóns polas que foron depositadas neste lugar. “Pérdese unha parte moi importante da información que podería axudarnos a interpretalo“, indica Beatriz Comendador.

O estudo tecnolóxico das pezas, as análises dos materiais, as comparacións con outros conxuntos e a revisión da documentación histórica permiten recuperar información e formular novas hipóteses: “Un tesouro arqueolóxico non é só un conxunto de obxectos valiosos; é sobre todo unha fonte de información prehistórica“. Así, une o achado cos seus vínculos históricos, simbólicos e identitarios.

Como conciliar seguridade con accesibilidade pública?

A retirada do Tesouro de Caldas do Museo de Pontevedra abre un dilema dentre como conciliar a conservación e o acceso público. “Facer accesible o patrimonio non significa exclusivamente expoñer as pezas orixinais; significa investigalas, xerar coñecemento, proporcionar recursos para a súa interpretación e favorecer que a cidadanía poida facer seu ese coñecemento”, reflexiona Comendador. Ademais, engade que os museos tamén teñen a responsabilidade de custodiar e conservar os seus bens e isto, segundo a investigadora, “supón unha enorme responsabilidade” que, máis aló da súa conservación, reside na difusión dos resultados á cidadanía.

“Cando se identifican riscos é lóxico que se adopten as medidas necesarias”, explica. Por iso, seguridade e acceso público non deberían entenderse como obxectivos contrapostos, senón buscar o equilibrio e, baixo a opinión de Beatriz Comendador, acompañalo dunha comunicación pública que permita comprender as circunstancias que motivan decisións como o Museo de Pontevedra “sen comprometer a confidencialidade das medidas de seguridade”, como os prazos previstos para poder volver ver o Tesouro de Caldas en directo. “Unha peza pode estar exposta e, con todo, continuar sendo inaccesible dende o punto de vista do coñecemento”, conclúe Beatriz Comendador como reflexión final.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O misterio da gran xoia desaparecida de Galicia: unha investigación achega novas pistas da cruz de Afonso III

Un estudo de Francisco Prado Vilar revisa os expedientes xudiciais do roubo da reliquia, que se produciu en 1906, e localiza fotografías inéditas

O equipo de Santa Clara cre que o cerebro saponificado pertenceu a unha monxa de entre os séculos XVII e XIX

O órgano atopouse durante e escavación de tres tumbas no coro baixo da igrexa e agora está depositado nunha cámara frigorífica da USC para garantir a súa conservación

A escavación no convento de Santa Clara saca á luz un cerebro ben conservado, un achado único na península

O equipo detrás do descubrimento asegura que só hai tres casos máis no mundo en Arxentina, Chile e Italia de características semellantes

O Castelo de Soutomaior convértese no escenario dun videoxogo para descubrir o seu patrimonio medieval

A Deputación de Pontevedra lanza ‘O Códice da Liberdade’, que combina investigación e realidade aumentada para achegar a historia ás novas xeracións